A volta ao cole

Fecha: Setembro 7, 2022

Despois dun longo descanso estival, a conta atrás terminou! Hoxe volven ás aulas os escolares galegos e mañá farano os de Castela e León. As casas recobran ese ruxerruxe cotián dos preparativos: libros, mochilas, materiais, tentempés… Comeza un curso no que se recuperarán costumes que, sen dúbida, achegarán unha nova sensación de normalidade, tras dous anos nos que a distancia de seguridade e outras restricións marcaban os saúdos postvacacionales.
En Gadis tamén emociónanos esta volta ao cole. Temos por diante moitos proxectos ilusionantes! Entre eles, unha nova edición de Alimentes Dixital, a plataforma educativa en liña coa que promovemos hábitos para unha vida saudable e sostible entre o profesorado e o alumnado de Galicia e Castela e León. Pero non queremos deixalo aí! Setembro é un bo momento para reorganizarse e, por iso, queremos acompañarche neste inicio de curso, compartindo contigo algúns tips de sostibilidade e de alimentación. Comezamos?

Obxectivo: unha volta ao cole sostible e saudable

Non son poucas as persoas para as que o ano empeza en setembro. É un mes de moitos inicios e no que proxectamos un novo curso. Tamén é un momento crucial para os nosos fillos e fillas, polo que pode supoñer un estrés adicional para toda a familia. É importante xestionar todas esas emocións e organizarse para minimizar os seus efectos, non che parece? O primeiro paso é recuperar rutinas. Propoñémosche que aproveites este proceso para reestruturar hábitos de forma que poidas mellorar a vosa dieta e reducir o impacto das vosas accións na contorna. Isto tamén terá un efecto positivo na parte emocional. Coñeces os nosos decálogos para unha vida sostible e saudable? Neles incluímos algunhas máximas que podes aplicar:
– Consume unha gran variedade de alimentos para que a vosa dieta sexa equilibrada e conteña os nutrientes necesarios.
Prioriza os produtos frescos fronte aos procesados. Isto é clave para os tentempés, que adoita ser a inxesta na que introducen máis procesados.
– A hidratación é clave e a auga é a mellor bebida.
– Limita o consumo de doces, refrescos e chucherías.
– Mantén unha actividade física diaria.
– Dorme ben e suficiente.
– Ri, conversa, debate e aprende en comunidade. Aproveita o tempo compartido para combater o estrés que xera este inicio de curso.
– Prioriza o consumo de alimentos locais e de tempada.
– Le as etiquetas dos produtos.
– Conxela ou aproveita os alimentos restantes. O desperdicio alimentario é un grave problema.
– Almacena adecuadamente os alimentos para reducir o desperdicio.
– Fíxate no envoltorio dos produtos para reducir a xeración de residuos.

Como conseguir o noso obxectivo?

Aínda que non o creas, o reto parece máis complicado do que é en realidade. Pode conseguirse cun pouco de vontade e algo de organización. No caso da alimentación, recomendámosche que elabores menús semanais e prepares a lista da compra con antelación para manter unha dieta variada e equilibrada e reducir ao máximo o desperdicio alimentario. Podes botar man do prato ALIMENTES. O menú saudable (a nosa guía visual para lograr que todas as túas comidas do día sexan equilibradas) para planificar os menús e, se o tempo escasea, podes consultar algunhas das ideas de almorzos, merendas, comidas e ceas que imos publicando no noso blog. Poderás ir engadindo as túas propias propostas e ampliar, así, o abanico de posibilidades, adaptándoas aos produtos de tempada.

No que respecta á volta ao cole das túas fillas e fillos, toca preparar roupa, calzado, libros e material sen perder de vista a responsabilidade. O noso tip? Antes de tomar calquera decisión, pensa nestas catro R’s: reducir, reutilizar, reparar e reciclar. Aquí deixamos algunhas claves:
– Revisa as necesidades reais para o novo curso escolar. É probable que poidas reutilizar a mochila ou o estoxo do ano anterior, e mesmo parte da roupa ou algún outro material. Pregunta tamén a familia e amigos para aproveitar roupa e material que xa non utilicen. Así só renovarás aquilo que sexa estritamente necesario, logrando un consumo responsable.
– Todos debemos concienciarnos da importancia de coidar as pertenzas. Convértete en exemplo para que os máis pequenos vaian aprendendo e asumindo as súas responsabilidades no coidado do planeta. Se algo se estraga, trata de reparalo con eles e elas antes de optar por comprar un novo. Será unha forma de pasar tempo de calidade en familia.
– Se algo xa non se pode utilizar, entón tocará reciclar. Asegúrache de depositar os residuos no contedor adecuado.
– Procura que as túas compras sexan sostibles, apostando por criterios de proximidade, de respecto polo medio ambiente e pola xustiza social. Confirma que os artigos inclúen o marcaxe CE que garante o cumprimento dos requisitos de fabricación e de seguridade esixidos pola Unión Europea.

Non esquezas que unha parte importante da volta ao cole é gozar do proceso. A túa actitude marcará a forma na que as túas fillas e fillos afronten este novo curso. Non esquezas que tamén podes reforzar a túa aposta pola sustentabilidade no traxecto ao cole. Ide andando ou botade man da bicicleta ou o patinete. Non che parece unha boa oportunidade para facer un pouco de exercicio? Feliz comezo de curso!