Día Mundial da Alimentación

Fecha: Outubro 13, 2022

O próximo 16 de outubro celébrase o Día Mundial da Alimentación. A Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) conmemora este día co obxectivo de concienciar na loita contra a pobreza, a fame e a desnutrición. A pesar dos avances experimentados nas últimas décadas, aínda existen moitos desafíos que se agravaron coa pandemia e impiden que millóns de persoas en todo o mundo poidan permitirse unha alimentación sa. Non se trata dun problema de subministración, senón de lograr que todas as persoas teñan acceso a alimentos saudables. Xa sabes que unha das principais preocupacións de Gadis é a alimentación. Por iso, non podiamos deixar de falar desta celebración e subliñar a importancia de lograr que haxa suficientes alimentos nutritivos para todas as persoas en todas partes.

Por que se celebra o Día Mundial da Alimentación?

O Día Mundial da Alimentación proclamouse durante unha Reunión Xeral da FAO en outubro de 1979 coa intención de concienciar á cidadanía sobre o problema da fame no mundo. Buscábase fomentar a solidariedade para erradicar a desnutrición e a pobreza, e elixiuse o día 16 de outubro para a súa celebración porque coincidía coa data de creación da FAO. A Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou esta celebración o 5 de decembro de 1980 e, desde entón, cada ano, máis de 150 países organizan propostas para dar a coñecer toda a problemática ao redor da fame e a pobreza.
Estas accións converten este día nun dos máis celebrados do calendario das Nacións Unidas. Este ano, co lema “Non deixar a NINGUÉN atrás”, a FAO quere resaltar a importancia da alimentación no desenvolvemento sostible e así o evidencia que sexa o segundo ODS (Fame cero) dentro da Axenda 2030. Porque cando alguén queda atrás, rompe unha cadea. Isto non repercute unicamente na vida desa persoa, senón na de todos e todas. Por iso, necesítanse solucións a nivel mundial que permitan unha mellor nutrición con dietas saudables e alcanzables, logrando sistemas inclusivos e sostibles que afronten os principais desafíos:
– Os efectos duradeiros da pandemia.
– Os conflitos internacionais.
– O cambio climático.
– A desaceleración e o debilitamento das economías.

Que facemos en Gadis?

En Gadis mantemos un compromiso firme coa alimentación saudable mediante a posta en marcha de distintas iniciativas no marco do noso Programa de Responsabilidade Social Corporativa. Partindo dunha dobre vertente coa que tratamos de xuntar o apoio social e o compoñente educativo, traballamos no fomento de dietas saudables e alcanzables para todas as persoas. Entre as nosas propostas, podemos destacar:
– No eido da colaboración con entidades sociais:
Maio solidario. O pasado mes de maio celebramos a décima edición desta iniciativa solidaria coa que, ao longo do mes de maio, recollemos alimentos para os Bancos de Alimentos da nosa contorna, que prestan axuda de maneira habitual a máis de 800 entidades sociais que atenden a máis de 100.000 persoas. En todo este tempo, entregáronse máis de 1,3 millóns de quilogramos de alimentos non perecedoiros, ademais da recadación económica que se realizou por primeira vez en 2021 e que, entre as dúas edicións, alcanzou os 130.242 €.
A gran recollida. Desde 2014, os nosos supermercados súmanse a esta campaña solidaria promovida pola Federación Española de Banco de Alimentos FESBAL en toda España. Na última edición recadáronse 202.492 € nos establecementos de Galicia e Castela e León.
– No eido da concienciación e da educación:
Programa Alimentes. Este programa que iniciamos hai case dúas décadas cunhas visitas escolares aos nosos supermercados, foi crecendo co desenvolvemento de materiais de calidade adaptados ao currículo educativo oficial de Galicia e Castela Léon ata o lanzamento, hai dous anos, da plataforma Alimentes Dixital. Pronto poñeremos en marcha a terceira edición, así que se formas parte do profesorado dun centro de infantil ou de primaria, non nos perdas a pista! 😉
Prato Alimentes. Inspirado no Prato para Comer Saudable da Universidade de Harvard, a nosa ferramenta pretende ser unha guía visual para as comidas principais do día. O obxectivo é facilitarche a planificación dos menús de cada comida do día coas proporcións adecuadas de cada grupo de alimentos.
Web Gadis Saudable. Con esta web, queremos proporcionarche receitas e consellos para unha alimentación saudable para ti e toda a túa familia.

Únete á celebración!

A FAO pretende transcender á celebración deste día e fomentar hábitos de alimentación saudables e sostibles. Nós tamén! Aquí deixámosche algunhas ideas:
– Aposta por unha dieta variada, incluíndo froitas, verduras, legumes, froitos secos e grans integrais na túa dieta. Trata de consumir produtos de tempada e locais.
Reduce o consumo de alimentos procesados e tenta non comer cantidades excesivas de carne e outros produtos de orixe animal.
Diminúe a túa pegada de carbono alimentaria. Aposta por produtos que non esgoten os recursos naturais, que non teñan cantidades excesivas de embalaxe e que non percorran moitos quilómetros para chegar á túa mesa.
– Introduce na túa dieta alimentos tradicionais, locais e de tempada para apoiar a biodiversidade.
– Combate o desperdicio alimentario.

Como ves, tamén está nas nosas mans non deixar a ninguén atrás 😉. Feliz Día Mundial da Alimentación!