Receitas para a primavera co Prato ALIMENTES

Cambio de estación e cambio de menú? A primavera trae novos produtos ás nosas casas que nos dan outras posibilidades para seguir unha dieta saudable. Xa sabes que, en Gadis, apostamos polo consumo de proximidade e de tempada. Por iso, hoxe queremos propoñerche algunhas receitas para esta nova estación a partir do prato ALIMENTES. O menú saudable. Como che contamos, o Prato Alimentes é unha guía visual que serve de axuda no deseño dos teus menús, proporcionándoche un sinxelo esquema que che mostra as proporcións adecuadas dos distintos grupos de alimentos. Así que hoxe toca pensar nas froitas, legumes, verduras e hortalizas (cereixas, pexegos, amorodos, chícharos, espárragos trigueiros, etc.) que se van abrindo paso estes meses para suxerirche algúns pratos de primavera. Así poderás aforrar tempo á hora de planificar as túas comidas semanais. Segue lendo!

Produtos de primavera

Os produtos de tempada son unha aposta gañadora para levar á mesa porque che permite gozalos no seu “máximo esplendor” de textura e de sabor. É verdade que, no noroeste peninsular, as temperaturas favorecen tempos de cultivo máis longos e, no caso de Galicia e Castela e León, pódese falar de dúas grandes tempadas: outono-inverno e primavera-verán.

Acabamos de inaugurar a primavera e comezan a facer a súa aparición os froitos silvestres cunha infinidade de propiedades, aos que se irán incorporando tamén as froitas con óso (albaricoques, pexegos, nectarinas…). Coa subida de temperatura, empezan a apetecer pratos máis refrescantes e iso parece sabelo tamén a natureza 😉. Tomates, cogombros, cenorias, xudías, pementos, cabaciñas… Cantas posibilidades para crear ensaladas con moita cor ou unha crema fría, non che parece? Os peixes, pola súa banda, tamén nos facilitan pensar en receitas fresquiñas, xa que é o momento óptimo da cabala e, en xeral, dos peixes azuis. Aquí deixámosche as nosas propostas.

Receitas para a primavera co prato ALIMENTES

As receitas que imos propoñerche son para catro persoas e tiveron en conta as proporcións recomendadas no prato ALIMENTES: ½ de prato de vexetais e froitas, ¼ de prato de proteínas saudables (fundamentalmente, aves, peixe ou legumes) e ¼ de prato de grans integrais (pan, pasta e arroz integrais, quinoa ou pataca).

Sopa de porro, chícharos, pataca nova e iogur

Ingredientes
2 allos porros
600 g pataca nova
1 litro de caldo de verdura
400 g chícharos
1 iogur natural
Aceite de oliva virxe
Sal
Pementa
Albahaca (opcional)

Preparación
– Podes preparar o caldo de verduras ou compralo xa preparado. No caso de facelo, podes aproveitar as follas verdes dos allos porros para engadir ao resto de verduras.
– Corta os dous allos porros pezas non demasiado finas e dóuraas cun pouco de aceite a lume medio.
– Pela as patacas e córtaas en dados grosos. Engádeos á cazola ou tixola e deixa que collan un pouco de cor. Cando empecen a dourarse, cobre con auga o caldo (a cantidade pode variar dependendo de se prefires unha textura máis ou menos lixeira). Deixa ferver 10 minutos.
– Engade os chícharos e, cando ás patacas queden sobre uns cinco minutos de cocción, engade o iogur.
– Unha vez cocido, retira do lume para triturar. Rectifica de sal e pementa. Á hora de servir, podes engadir unha cullerada de iogur, un chisco de aceite, pementa e unhas follas de albahaca picadas para decorar e achegar un pouco de frescura ao prato.

Ensalada de cabaciña con rúcula, xamón e lentellas

Ingredientes
2 cabaciñas
Un feixe ou unha bolsa de rúcula
150 g lentellas
8 liscos xamón serrán (opcional)
Sal
Aceite de oliva
Vinagre balsámico
Mostaza antiga

Preparación
– Lava a rúcula e colócaa nun cunco.
– Pela a cabaciña e córtao en liscos moi finos para engadir ao cunco.
– Engade as lentellas cocidas (podes cocelas con anterioridade ou usar as precociñadas).
– Podes cortar os liscos de xamón crús, pero se queres darlle un toque crocante, ponos sobre unha bandexa e enfórnaas 10 minutos a 180º. Unha vez saídas do forno, párteas e engádeas ao resto de ingredientes.
– Prepara un aderezo con vinagre balsámico, un pouco de aceite de oliva e unha puntiña de mostaza antiga. Tamén podes utilizar unha culler pequena de mel de cana para achegar un punto de dozura.

Cabalas ao pesto con verduras

Ingredientes
4 cabalas
2 culleradas de pan relado
1 vaso de viño branco
1 cullerada de vinagre balsámico
Unhas follas de albahaca
Piñóns
1 dente de allo
Aceite de oliva
Parmesano relado

Preparación
– As cabalas han de estar perfectamente limpas para ter os filetes que serán a base do prato. Podes enfornalas ou cociñalas á prancha para logo engadir o pesto. No caso de enfornalas, ponas cun pouco de aceite nunha bandexa e déixaas 20 minutos a 180 º.
– No vaso da batedora, pon o dente de allo, a albahaca fresca picada, o queixo parmesano relado, os piñóns e aceite de oliva. Tritura ata conseguir unha masa máis ou menos consistente.
– Se cociñaches as cabalas á prancha, colócaas sobre unha bandexa (podes usar a mesma na que as enfornaches se optaches por esa opción) e engádeslles unha boa cullerada do pesto que preparaches. Rocía cun chorriño de vinagre balsámico por encima para darlles un toque de cor e reforzar o sabor.
– Acompaña o prato cunhas verduras: ao forno, en ensalada…

Seguro que te estás preguntando onde está a froita do prato ALIMENTES, así que che propoñemos que a introduzas na sobremesa. Que che parecen uns froitos silvestres e/ou uns pexegos cun pouco de requeixo e mel? Podes optar por aquela que máis che guste, sempre que sexa de tempada. Non crees que é unha boa maneira para pechar a comida? Doce e saudable, pódese pedir máis?