Calendario de tempada

En Gadis estamos comprometidos co consumo responsable. E isto é unha realidade que demostramos día a día nos nosos supermercados e que é apoiada por cifras. No ano 2018, traballamos con 866 provedores locais para poder dispoñer nos nosos lineais dos produtos locais e de tempada. E por que fixemos do consumo responsable un dos nosos eixes de actuación? Segue lendo, explicámoscho con máis detalle.

O consumo responsable

O consumo responsable é unha forma de seleccionar produtos non soamente en base á súa calidade e prezo, se non tendo en consideración o impacto ambiental e social que xeran. As Nacións Unidas, a través do Acordo de París e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, fan un chamamento a realizar un consumo responsable, un cambio nos hábitos de vida que require unha gran responsabilidade por parte da cidadanía. A través do consumo responsable promóvense aquelas entidades que cumpren con determinadas garantías sociais, laborais e medio ambientais, e entre as diferentes formas de exercitar un consumo responsable, o consumo de produtos locais e de tempada é unha delas.

Vantaxes de consumir produtos locais e de tempada

Unha das principais vantaxes do consumo de produtos locais é que estamos a contribuír directamente ao desenvolvemento económico da nosa comarca. Estamos a xerar beneficios directos na economía da nosa comunidade. Moitos destes produtores son pequenas entidades, empresas sociais, emprendedores, polo que este consumo favorece a creación e o mantemento de postos de traballo na rexión. Por exemplo, en Gadis contamos ademais cunha etiquetaxe propia que axuda aos consumidores para atopar facilmente produtos de orixe galega. Non o sabías? A próxima vez que vaias a un dos nosos supermercados busca a cuncha de vieira 😉

Outra das vantaxes do consumo de produtos locais e de tempada son os beneficios que achega ao medio ambiente. A máis evidente é o menor impacto ambiental debido ao transporte. Ao acurtar as distancias entre a planta de produción e o punto de venda, diminúense as emisións de gases de efecto invernadoiro asociado ao transporte de alimentos. Co consumo local conséguese reducir o Food Miles, indicador de sustentabilidade que fai referencia á distancia que percorren os transportes de alimentos desde a súa produción ata que chega ás mans do consumidor. Utilízase moito en estudos de impacto ambiental de alimentos.

E, por suposto, este tipo de consumo adoita ser máis saudable. Por que afirmamos isto? Gran parte dos produtos locais e de tempada aparecen nos nosos lineais como produtos frescos. Os produtos frescos non adoitan sufrir tantas etapas de procesado industrial como outro tipo de alimentos, polo que carecen de ingredientes pouco saudables como o sal, azucres engadidos, etc. Ademais, manteñen todas as súas propiedades nutricionais ao ser colleitados no momento óptimo do seu ciclo vital e ademais posúen unha aparencia, textura e sabor máis intensos.

Calendario de froitas e verdura de tempada de Gadis

Hai pouco lanzamos na nosa páxina web Gadis Saludable o calendario actualizado de froitas e verdura de tempada. En Gadis queremos contribuír a unha educación pola sustentabilidade da cidadanía, por iso gustaríanos contribuír a que todas as persoas teñan os coñecementos básicos sobre como é a mellor forma de consumir este tipo de produtos. Pero como o facemos?

Elaboramos un calendario de froitas e verduras de tempada, con 30 froitas e verduras de primavera-verán e 29 froitas e verduras de outono-inverno. Para cada unha das especies ofrecemos información sobre:

  • Orixe: de onde provén o alimento, quen o introduciu no noso país e outros datos curiosos conforman este primeiro apartado. Queremos que coñezades un pouquiño máis da orixe das froitas e verduras que forman parte das nosas dietas. Hai información extraordinaria como a dos pementos. Os primeiros pementos picaban e eran orixinarios de México. Os españois trouxéronos a España porque lles lembraban á pementa negra, moi apreciada na época, e do seu cultivo en Estremadura saíu o pementón.
  • Mellor forma de elección en tenda: a quen non lle interesa saber como recoñecer o mellor melón, sandía ou mandarina? Con trucos e consellos fáciles poderás seleccionar as mellores pezas na nosa froitaría. E, non te preocupes se tes algunha dúbida! O noso persoal de sección sempre está disposto a botarche unha man na túa elección.
  • Mellor forma de preparación: hai mil e unha formas de preparar os alimentos. Nós neste apartado queremos compartir os métodos máis saudables e darvos ideas para que incorporedes ás vosas receitas.
  • Mellor forma de almacenaxe: queremos axudarvos a que evitedes o desperdicio alimentario nos vosos fogares. Tips, suxestións e algunha que outra sorpresa que non te esperas 😉, todo iso para evitar que as froitas e verduras rematen no contedor de restos orgánicos.

Con esta iniciativa que podes consultar no teu móbil sempre que queiras, queremos axudarche a realizar un consumo máis responsable. Se queres coñecer máis proxectos que realizamos neste campo, animámoste a que sigas atento/a á nosa páxina web e redes sociais. Anímaste a practicar o consumo responsable?

Deja un comentario