Cremas de verduras co plato ALIMENTES

Fecha: Novembro 3, 2021

Nesta época parece que se nos activa o “modo inverno” e o corpo reclama comidas quentes e nutritivas. Nestes meses, as cremas de verduras son un comodín para un primeiro prato ao mediodía ou como cea lixeira, non che parece? Ademais, son a maneira perfecta de introducir máis verduras na nosa dieta e, en especial, na dos máis pequenos da casa. Teñen unha vantaxe importante: son fáciles de preparar e pódense cociñar con antelación. Así, podes incluílas sen dificultade nos teus batch cooking de menús semanais e cumprir coa inxesta diaria recomendada de vexetais. Parécennos unha aposta moi versátil porque aceptan case calquera tipo de verdura e hortaliza e poden servirse tanto quentes como mornas ou frías. Ao gusto do comensal. Hoxe traemos algunhas ideas para a túa planificación de menús outonais e botaremos man do prato ALIMENTES. O menú saudable para axudarche a idealos. Para iso, presentarémosche unhas cantas receitas de cremas de verdura tendo en conta os produtos de tempada e suxerindo tamén algunhas guarnicións que che permitirán equilibrar a inxesta dos distintos grupos de alimentos. Seguro que serán moi ben recibidas entre os membros da túa familia para recuperar a temperatura nos días máis fríos!

Cremas de verduras co prato ALIMENTES

Como sabes, este ano en Gadis lanzamos unha nova ferramenta para axudarche a planificar uns menús saudables e nutritivos. O prato ALIMENTES permíteche deseñar un menú equilibrado no que incluír as cantidades adecuadas de cada grupo de alimentos: ½ prato de vexetais e froitas, ¼ prato de proteínas saudables (fundamentalmente, aves, peixe ou legumes) e ¼ prato de grans integrais (pan, pasta e arroz integrais, quinoa ou pataca). As proporcións son orientativas e podes optar por planificar cada inxesta como un prato ou ir “compensando” os diferentes grupos ao longo do día. Por iso, non todas as receitas que che presentamos van incluír produtos de todos os grupos. Non todos os días son iguais! 😉

Crema de cabaza e lentellas ao curry

Un dos produtos estrela do outono é a cabaza. Hai un par de semanas, xa che falamos das súas propiedades e hoxe traemos unha receita combinada coas proteínas saudables dos legumes, que podes acompañar cunha rebanada de pan integral se queres introducir todos os grupos de alimentos nunha inxesta.

Ingredientes (4 persoas)
– 1 kg de cabaza (pesada sen pel nin pipas)
– 1 cebola
– 2 dentes de allo
– 1 cullerada de curry moído
– 175 g de lentellas
– 1.200 ml de caldo de verduras
– aceite de oliva virxe extra
– sementes de sésamo (opcional)
Preparación
– Pela e pica a cebola en anacos pequenos. Quenta un pouco de aceite nunha pota e pocha a cebola a lume suave durante 10 minutos.
– Pon o caldo de verduras a quentar.
– Mentres se pocha a cebola, se non compraches a cabaza pelada, pela, curta e retira as pipas e as hebras do interior. Parte a cabaza en dados.
– Pela os dentes de allo y córtaos á metade.
– Unha vez pochada a cebola, agrega a cullerada de curry e os dentes de allo. Remove todo.
– Incorpora as lentellas e a cabaza. Mestura ben para que se impregne do aroma do curry e se cubra de aceite. Rega co caldo quente. Tapa a pota e deixa cocer a lume medio durante uns 20 minutos.
– Tritura todo cando estea cociñado. Podes engadir un iogur natural se che gusta o sabor e a textura que proporciona. Podes servir con sementes de sésamo para engadir un toque crocanti.

Crema de brócoli e queixo parmesano

Unha receita que podes preparar en dez minutos porque non necesita caldo, xa que o sabor se potencia con salsa de soia e co parmesano.

Ingredientes (4 persoas)
– 2 cabezas de brócoli
– queixo parmesano
– 1 cullerada de salsa de soia
– 1 cullerada de zume de lemón
– sal
– pementa negra
Preparación
– Lava o brócoli e córtao en anaquiños (tamén as partes brandas do talo).
– Nunha pota, pon a quentar medio litro de auga ata que ferva. Engade o brócoli, a cortiza do queixo parmesano e unha cullerada de salsa de soia. Tapa a pota e deixa cocer a lume lento durante 8-10 minutos.
– Cando o brócoli está brando, retira do lume e tritura cunha batedora na mesma pota.
– Engade sal, pementa e unha cullerada de zume de limón. Proba para axustar cantidades, xa que non leva caldo para potenciar o sabor.
– Serve cunhas lascas de queixo parmesano por encima.

Crema de xudías verdes con gambas

Unha receita saudable e fácil de preparar que combina a proteína do marisco coas xudías e as patacas, proporcionando alimentos de todos os grupos. Pódese tomar fría ou quente.

 
Ingredientes (4 persoas)
– 500 g de xudías verdes
– 1 cebola
– 2 patacas
– 8 gambas
– aceite de oliva virxe
– sal
– pementa
Preparación
– Lava as xudías, despúntaas e párteas.
– Pela as patacas e córtaas a cuartos.
– Pela a cebola e córtaa á xuliana.
– Nunha pota, quenta unha cullerada de aceite e pocha a cebola durante uns minutos a lume lento, sen deixar que colla cor.
– Engade unha culleriña de sal, as xudías e as patacas. Cobre todo cun litro e medio de auga e coce durante 25 minutos. Retira do lume e tritura.
– Pela as gambas. Sofrite as cabezas e as cascas con dúas culleradas de aceite durante 4 minutos. Agrega medio vaso de auga e coce outros 5 a lume forte. Retira do lume e coa o caldo, descartando os restos das cascas. Cociña o mollo resultante 2 minutos máis.
– Saltea as gambas e serve a crema con elas , acompañadas co mollo das cabezas e as cascas.
Que che parecen as nosas propostas de cremas de verduras? Vas preparar algunha este outono? 🍁