Que é o NEAT e cambios na túa rutina para evitar o sedentarismo

Fecha: Outubro 5, 2023

A actividade física é un dos piares fundamentais para unha vida saudable. De feito, a OMS estima que poderían evitarse ata 5 millóns de mortes ao ano se a poboación mundial fose máis activa. Sabemos que, ás veces, custa atopar o oco na rutina diaria para adestrar ou practicar algún deporte. Con todo, existen pequenos cambios que podes incorporar no teu día a día e poden marcar a diferenza para incrementar o gasto calórico e mellorar, así, o teu estado físico e mental. Por iso, no equipo de Gadis queremos falarche do NEAT. Oíches algo sobre este concepto? É un dos nosos últimos descubrimentos! Verás como poderás aumentar a actividade física en situacións da túa vida cotiá e gañar maior benestar sen ningún esforzo. Segue a ler!

Cada movemento conta

En 2020, a OMS publicou as súas Directrices sobre actividade física e hábitos sedentarios para facer fincapé en que todas as persoas, independentemente da súa idade e capacidades, poden ser fisicamente activas e en que cada tipo de movemento conta. Entre as súas mensaxes principais, o documento subliña os seguintes:
A actividade física é boa para o corazón, o corpo e a mente. Realizar unha actividade física con regularidade pode previr e axudar a xestionar patoloxías como cardiopatías, diabetes de tipo 2 e cancro. Ademais, pode reducir os síntomas de depresión e ansiedade, e mellorar a concentración, a aprendizaxe e o benestar en xeral.
Calquera cantidade é mellor que ningunha, e canta máis, mellor. Para mellorar a saúde e o benestar, a OMS recomenda realizar polo menos entre 150 e 300 minutos de actividade aeróbica moderada á semana (ou o equivalente en actividade vigorosa) para calquera adulto, e unha media de 60 minutos diarios na infancia e a adolescencia.
Toda actividade física conta. Pode integrarse no traballo, nas actividades deportivas e recreativas ou nos desprazamentos (a pé, en bicicleta ou nalgún outro medio rodado), así como nas tarefas cotiás e domésticas.
O fortalecemento muscular beneficia a todas as persoas. É importante que as persoas a partir de 65 anos incorporen actividades físicas que dean prioridade ao equilibrio e a coordinación, así como ao fortalecemento muscular, para axudar a evitar caídas e mellorar a saúde.
O exceso de sedentarismo pode ser malsano, xa que pode incrementar o risco de patoloxías. Limitalo e manterse fisicamente activo ou activa é bo para a saúde.
Todas as persoas poden beneficiarse de incrementar a actividade física e reducir os hábitos sedentarios, en particular as mulleres embarazadas e en puerperio e as persoas con afeccións crónicas ou discapacidade.

Que é o NEAT e como pode axudarche a reducir o sedentarismo?

De acordo cos datos das OMS, ao redor do 27,5% dos adultos e o 81% dos adolescentes a nivel mundial non cumpren as recomendacións sobre actividade física, e non se rexistraron melloras na última década. Ademais, obsérvanse desigualdades: en case todos os países, as nenas e as mulleres son menos activas que os nenos e os homes, e os niveis de actividade física varían enormemente entre os grupos económicos de maior e menor nivel, así como en función do país e da rexión.
Para mellorar estes datos, a OMS xa dá algunha clave nas mensaxes principais das súas Directrices: cada movemento conta. É dicir, calquera actividade física que realices na túa vida cotiá pode ter un efecto sobre a túa saúde. Iso é o que se coñece como NEAT (non-exercise activity thermogenesis). Este concepto refírese ao gasto enerxético que resulta de todas as accións máis ou menos rutinarias que non se consideran deportivas, pero que requiren dun esforzo físico. Por iso, hoxe queremos propoñerche que intensifiques ou introduzas algunha modificación leve nesas actividades para sumar movementos á túa rutina e aumentar o teu NEAT, reducindo o sedentarismo. Como podes facelo? Aquí tes algunhas ideas:

Esquécete do ascensor e das escaleiras mecánicas! Non hai nada como aproveitar calquera oportunidade para subir e baixar escaleiras para aumentar a túa NEAT 😉.
Desprázate a pé ou en bicicleta: para ir ao traballo, para acompañar ás túas fillas e fillos ao colexio, para facer a compra… Como ves, hai infinidade de posibilidades ao día para mellorar o teu NEAT.
Aproveita calquera ocasión para estar de pé. Cede o teu asento no transporte público ou nas salas de espera, levántate para facer chamadas ou para repasar a lista de tarefas, vai atender cando chaman á porta, camiña mentres esperas, etc.
As actividades domésticas son unha boa maneira de incrementar o gasto calórico: varrer, fregar, limpar o baño ou a cociña, pasar a aspiradora… Distintos movementos que contan para mellorar a túa saúde.
Fai máis actividades ao aire libre. É a maneira perfecta para gozar do teu tempo de lecer beneficiando á túa saúde.
En definitiva, o fundamental é romper coa vida sedentaria e buscar a maneira de achegar máis actividade ás accións cotiás. A suma de todos eses pequenos movementos pode marcar unha gran diferenza. Dependendo da persoa e de moitos outros factores, a porcentaxe de calorías queimadas a través do NEAT sitúase entre o 15% e o 30%. Anímaste a incrementar o teu?