Especial #GadisSalud: a cabaza

Nesta época do ano, a cabaza asolaga os escaparates de todo tipo de negocios. Achégase Halloween… aínda que por aquí preferimos celebrar o Samaín 😉. Non che parece unha oportunidade perfecta para que os máis pequenos da casa acepten de maneira natural a súa introdución nos menús outonais? Dixestiva e deliciosa, ofrece múltiples beneficios para a saúde. As súas propiedades son innumerables, sobre todo nas variedades de outono e inverno, cun alto contido en vitaminas e minerais esenciais, sen achegar apenas calorías. Existen unha infinidade de tipos de cabazas, con distintas cores e tamaños. A súa pulpa dulzona e a súa cavidade repleta de sementes convértenas nun tesouro nutricional para seducir aos teus fillos e fillas. Hoxe, no noso especial #GadisSalud, imos falar das súas propiedades nutritivas e compartiremos unha receita para comezar a tinguir de laranxa a túa mesa de outono. Queres probar? Segue lendo!

Orixe e variedades da cabaza

Emparentada co melón, a cabaciña, a sandía e o cogombro, a cabaza entra na nosa despensa agora que nos despedimos dos “seus parentes” estivais. Algúns sitúan a súa orixe no continente americano, en concreto na zona entre Guatemala e México, onde parece que hai dez mil anos se consumían variedades silvestres que tiñan pouca pulpa e un sabor amargo. Os agricultores americanos foron seleccionando as sementes ata conseguir un alimento doce e aromático. De feito, convertérona nun patrimonio tan esencial para os nativos que algunhas tribus norteamericanas enterraban aos seus mortos con cabazas, unha tradición que chegou ata os nosos días e marcou as celebracións da noite anterior ao Día de defuntos. Con todo, hai outras teorías que sinalan Asia Meridional e aos hebreos e exipcios como os primeiros que as cultivaron.
A cabaza é unha hortaliza que pode atoparse durante todo o ano. En América, existen variedades de verán (coa pel máis fina e menor tempo de conservación), que se consomen crúas, pero no noso país as máis populares son as que se cultivan de setembro a novembro, cando están completamente maduras e precisan de cocción. A metade das cabazas que se consomen en España proceden das Illas Canarias e Andalucía, aínda que tamén se cultivan en Valencia, Murcia e Cataluña.
Existen multitude de variedades de cabaza con cores que van do amarelo ao laranxa, pasando polo vermello, o verde, o azul e o gris. A maioría pesa entre 2 e 8 quilos, pero hai exemplares que exceden o 35 quilos e as xigantes poden chegar alcanzar os 600 quilos. A pesar da súa diversidade, todas comparten algunhas características: unha cavidade na que se aloxan as sementes, a pulpa suavemente doce cunha textura firme e a pel dura e illante que permite que poidas conservalas durante meses nun lugar fresco e seco.
Entre as variedades máis coñecidas no noso país, atopamos:
Cucurbita máxima ou cabaza común. É a máis coñecida porque é a que a nosa mente asocia de maneira inmediata con Halloween. De pel laranxa e pulpa laranxa, adoita utilizarse para cremas, purés e guisos.
Patisson, Pattypan ou cabaza bonetera. Pequena e plana, adoita ter a casca branca, pero tamén pode ser verde ou amarela. A súa pulpa é moi tenra e case non ten sementes. Pódese comer crúa en ensaladas, conservar en encurtido ou gratinar.
Cucurbita moschata ou cabaza butternut. É unha das máis fáciles de atopar. De cor laranxa pálida por fóra e laranxa intenso por dentro. Ten forma de pera xigante e é perfecta para múltiples receitas.
Cucurbita ficifolia, cidra, zapallo, cabaza confitera ou de cabelo de anxo. Con elas elabórase o cabelo de anxo. O seu aspecto lembra a unha sandía verde con motas brancas, pero a súa pulpa é branca con sementes negras e moi fibrosa.

As propiedades da cabaza

O 90% da cabaza é auga e contén moi poucos hidratos de carbono e calorías, ofrecendo moitos beneficios para a saúde:
– Axuda a fortalecer o sistema inmunitario grazas a alta cantidade de antioxidantes.
– Ten propiedades antidiabéticas. Os seus compoñentes axudan a regular o azucre en sangue.
– Axuda ao tránsito intestinal polo seu alto contido en fibra.
– Cun alto poder antioxidante grazas a antioxidantes como o alfa-caroteno, o beta-caroteno e a beta-criptoxantina, evitando o dano celular e protexendo a pel.
– Prevén enfermidades antiinflamatorias.
– O betacaroteno e a vitamina A contribúen a manter a saúde ocular.
– Coida a saúde cardiovascular grazas ao seu contido en potasio e vitamina C.
– Os licopenos preveñen varios tipos de cancro como o de pulmón, estómago, vexiga ou próstata.

Receta con cabaza

Ensalada de cabaza asada e rúcula con aliño balsámico

Ingredientes (4 persoas):
– 1 cabaza de aproximadamente 1 kg
– Aceite de oliva virxe extra
– Vinagre de Módena
– Pementa negra moída
– 100 g rúcula
– Pipas de cabaza
– Sementes de sésamo
– Mel
– Zume de limón
– Tomiño fresco

Preparación:
– Prequenta o forno a 180º. Pela a cabaza e retira as sementes e os filamentos internos.
– Corta a cabaza en cubos e mestura co aceite de oliva, o vinagre balsámico e a pementa negra recentemente moída.
– Dispón a mestura nunha bandexa e cociña durante 25-30 minutos, removendo a metade da cocción, ata que estea tenra. Deixa arrefriar.
– Se vas usar as propias sementes da cabaza, hai que limpalas ben con auga, secalas e tostalas lixeiramente nunha tixola ou no forno.
– Lava e escorre a rúcula. Colócaa nun cunco e engade a cabaza arrefriada, as pipas de cabaza e as sementes de sésamo. Remove todos os ingredientes e prepara o aderezo con aceite, vinagre de Módena, zume de limón e mel axustando os ingredientes ao teu gusto.

A cabaza é un ingrediente tan versátil que podes introducila en infinidade de receitas. Tes algunha? Nas froiterías de Gadis, poderás atopala para comezar a preparar os menús de tempada.