Alimentes Dixital: balance da terceira edición

Fecha: Xuño 29, 2023

O pasado 31 de maio botamos o peche á terceira edición de Alimentes Dixital, a plataforma formativa de Gadis que fomenta a educación pola sustentabilidade. Como sempre ao final de curso, toca facer balance. Se o ano pasado a participación superou as nosas expectativas, este ano mellorou mesmo os prognósticos máis optimistas! Durante os meses previos ao lanzamento desta edición, traballamos intensamente para incluír unha serie de melloras que nos permitiron ofrecer un recurso didáctico aínda máis completo, así como recuperar as visitas aos supermercados que se aprazaran coa pandemia. A resposta por parte dos centros e o profesorado corrobora que Alimentes Dixital se consolidou como unha ferramenta de utilidade entre as comunidades educativas de Galicia e Castela e León. Oíches falar deste programa? Hoxe contámosche todos os detalles.

Alimentes Dixital

A nosa experiencia ao fronte de Alimentes, o programa educativo de Gadis orientado ao profesorado de segundo ciclo de infantil e aos tres niveles de educación primaria, foi a semente que permitiu a creación de Alimentes Dixital. Do mesmo xeito que o seu predecesor, a plataforma está baseada en catro piares fundamentais para unha vida sostible: alimentación saudable, consumo responsable, actividade física e redución do desperdicio alimentario. Ademais, na versión electrónica, engadiuse un apartado adicional, o de desenvolvemento local e produción sostible. A plataforma é un recurso máis do programa existente, que xa poñía ao dispor dos docentes manuais e fichas que se podían descargarse na web #Gadisescuela.
Os desafíos actuais asociados á educación leváronnos a ofrecer un novo mecanismo formativo ao profesorado e ao alumnado de Galicia e Castela e León. Co obxectivo de seguir a potenciar os hábitos sostibles a través da cadea dos alimentos e mantendo os catro eixos para unha vida sostible de maneira transversal, Alimentes Dixital é unha plataforma en liña que conta con 11 unidades didácticas dedicadas a cada un dos pasos da cadea de alimentos e á xestión de residuos. Todas elas están adaptadas ao currículo oficial de educación infantil e de educación primaria de Galicia e de Castela e León. As unidades están separadas por niveis educativos distribuídos en cinco bloques: primeiro ciclo de infantil, segundo ciclo de infantil, 1º e 2º de primaria, 3º e 4º de primaria, e 5º e 6º de primaria. Empézase o percorrido na lonxa e séguese aos produtos polas diferentes fases ata que chegan aos fogares e se xestionan os residuos producidos. Aborda, de maneira amena, distintos aspectos da cadea de alimentos e temas educativos, principalmente relacionados con ciencias naturais e ciencias sociais, así como elementos directamente vinculados coa sustentabilidade.
En cada edición incorporamos melloras a partir das suxestións realizadas polos docentes que participan no programa. O ano pasado, por exemplo, desenvolvéronse actividades para poder traballar tamén con nenos e nenas do primeiro ciclo de educación infantil, dobráronse todos os vídeos a galego e creouse o xogo do Prato Alimentes. Nesta edición, engadiuse a unidade didáctica sobre xestión de residuos, ampliouse a proposta de actividades e incorporáronse novas seccións para mellorar a experiencia.
O que non cambia é que participar e completar as unidades ten premio! Entre os grupos que terminan o programa ao longo da edición, establécese unha clasificación mensual. Todo o alumnado cuxo docente realiza a solicitude ao terminar a última unidade didáctica recibe o seu propio kit do PRATO ALIMENTES. O Menú Saudable. E non só iso! Tamén se realiza un sorteo de 5 packs de tablets entre todos os centros de Galicia e Castela e León que completan o programa, tres para colexios galegos e dous para centros castellanoleoneses.

Terceira edición de Alimentes Dixital

A participación en Alimentes Dixital foi crecendo con cada edición. Na primeira, participaron 9.589 escolares das dúas autonomías. Durante a segunda, case se duplicou esa cifra con 16.881 nenos e nenas. Esta edición, finalizaron o programa 22.860 alumnas e alumnos, dos cales máis de 12.000 visitaron algunha das nosas tendas. O alumnado participante distribúese da seguinte maneira por nivel educativo:
– 8.118 alumnos e alumnas de educación infantil
– 5.983 alumnos e alumnas de 1º y 2º de primaria
– 5.422 alumnos e alumnas de 3º y 4º de primaria
– 3.337 alumnos e alumnas de 5º y 6º de primaria

Pola súa banda, 1.213 docentes guiaron ao alumnado ata completar as once unidades didácticas propostas. Cabe destacar que, do total do alumnado participante no programa, 377 nenos e nenas eran de educación especial. En total, enviamos 24.465 kits Pratos ALIMENTES para recoñecer o traballo realizado tanto polo alumnado como polo profesorado, 14.434 destinados a centros educativos galegos e 10.031 a centros castelán leoneses. Todos eles teñen xa a nosa guía visual para planificar as súas comidas de maneira saudable e tamén suxestións de receitas que van incluídas no agasallo.
Xa estamos a pensar nas melloras para o próximo curso! Gustaríache participar na próxima edición de Alimentes Dixital? Non nos perdas a pista! Seguiremos informando.