Xestión de alimentos para evitar o desperdicio alimentario no verán
2 XULLO, 2025
Coa subida das temperaturas e os cambios na rutina pola chegada do verán, a xestión de comidas nos fogares convértese en todo un reto. Unha realidade que ten un impacto considerable no desperdicio alimentario doméstico. Nesta publicación compartimos consellos e ideas para reducir o desperdicio alimentario e poder realizar unha planificación creativa dos menús durante o día a día da tempada estival.
En 2024, o Programa para o Medio Ambiente da ONU publicou o Informe sobre o índice de desperdicio de alimentos 2024, no que se analizaron os datos do ano 2022. Ese ano xeráronse 1.050 millóns de toneladas de desperdicio alimentario en todo o mundo, o que supón 132 kg por persoa. Isto quere dicir que aproximadamente unha quinta parte dos alimentos producidos convertéronse en desperdicio alimentario. Cabe resaltar que o 60% do total produciuse nos fogares, evidenciando as dificultades para alcanzar un xestión eficiente da alimentación. A pesar destes datos, sábese que existe unha maior concienciación entre a cidadanía sobre a importancia de optimizar os recursos alimentarios e evitar o seu desperdicio.
1751527590810.jpg)
Como reducir o desperdicio alimentario na tempada estival
Consumir produtos de tempada axuda a evitar o desperdicio alimentario por varios motivos:
- Son produtos que se adaptan ás altas temperaturas do verán, pois é cando alcanzan o seu punto óptimo de maduración.
- A alimentación de tempada tende a ser de orixe local, o que non só dinamiza o contexto socioeconómico das nosas comunidades, senón tamén promove o coidado do medio ambiente, evitando grandes desprazamentos e facilitando a conservación dos alimentos.
- Estes produtos adoitan ser máis saborosos e saudables debido a que seguiron o seu ciclo de vida natural e, en moitas ocasións, tamén son máis baratos dada a súa alta produción nun período de tempo concreto.
- Moitos destes produtos son ecolóxicos, xa que acompañan o ciclo de vida natural dos alimentos.
En Gadis enchemos as nosas seccións de produtos frescos de alimentos de tempada. Sabemos que a nosa clientela confía nos nosos supermercados para obter unha alimentación saudable, de orixe local e ecolóxica. Por iso, elaboramos un calendario que se pode consultar para identificar as froitas e verduras que corresponden a cada estación.
1751527505939.jpg)
Consellos e ideas para reducir o desperdicio alimentario
É importante buscar a maneira de reducir o desperdicio alimentario dos fogares. Compartimos algúns consellos e ideas para poñer en práctica este verán:
- No verán, os horarios son máis flexibles e adoitan facerse máis saídas, por iso a planificación dun menú semanal tendo en conta as rutinas estivais pode axudar a previr o desperdicio de alimentos.
- Nesta época do ano, téndese a improvisar máis e a facer cambios de rutinas no último momento. É importante buscar a flexibilidade e a creatividade para evitar acumular produtos na cociña que logo non haberá tempo de consumir.
- A comida de aproveitamento é unha ferramenta infalible para combater o desperdicio de alimentos. Aproveitar os restos de comida é imprescindible durante o verán. Hai múltiples receitas que permiten usar as sobras do día anterior ou a froita que se está a poñer madura. En Gadis contamos cunha sección de receitas que pode axudar a atopar inspiración e referencias gastronómicas. Entre as nosas favoritas, por exemplo, para o plátano que xa pasou o punto de maduración, recomendamos o pastel de avea, plátano e crema de cacahuete de Lola Crespo. Un snack saudable, perfecto para evitar o desperdicio alimentario que se pode gozar na praia. Se che apetece unha receita fresquiña, podes aproveitar as verduras esquecidas na neveira nunha ensalada. Encántanos a ensalada de tomates con vinagreta de mango de Carmen Albo e a ensalada de tempada de Viki Lorenzo. E, de sobremesa, unha idea riquísima e moi estival que propón Lola Crespo: as tartaletas de froitas que se poden preparar con calquera froita.
1751527473343.jpg)
- Manter a cadea de frío é máis importante no verán polas altas temperaturas. Asegúrate de que os produtos frescos cheguen directamente do supermercado ao teu fogar, que a neveira manteña unha temperatura de 0° a 4° e o teu conxelador estea sempre a partir de -18°.
- Conxela todo aquilo que non vaias consumir e, se comes nun restaurante, pide levar a casa aquilo que non remataches.
O impacto positivo dunha boa xestión de alimentos na tempada estival
Desde Gadis sabemos que ter unha boa xestión de alimentos en fogares e supermercados debe ser unha prioridade para erradicar o desperdicio alimentario. Por iso, ofrecemos opcións variadas para que a clientela poida elixir en función das súas necesidades, xestionamos o noso stock de forma eficiente, realizamos descontos en produtos próximos á data de consumo preferente e doamos produtos para contribuír á loita contra a fame entre outras accións. Desta maneira, mantemos o noso compromiso coa sustentabilidade e conseguimos un impacto positivo no medio ambiente, favorecendo a economía local e contribuíndo á consecución dos ODS 2. Fame cero, ODS 3. Saúde e benestar e ODS 12. Produción e consumo responsables.
1751528244735.png)
OUTRAS INICIATIVAS
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado...
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao car...
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra