Vémonos o próximo curso Alimentes!
17 XUÑO, 2025
Damos por finalizada a quinta edición dixital do noso programa educativo Alimentes. En Gadis apostamos pola educación en alimentación saudable e consumo responsable dirixida ao alumnado de educación infantil e primaria, que combina o uso dunha plataforma dixital para a aprendizaxe con visitas presenciais aos supermercados Gadis de Galicia e Castela e León.

A experiencia dixital que xurdiu por mor da pandemia foi crecendo ao longo do últimos cinco anos e brindounos momentos emocionantes en todas as súas edicións. Cada ano, traballamos para seguir incorporando melloras e aumentar o atractivo da nosa proposta. Como novidade deste curso 2024-2025, Segovia sumouse ás localidades que acollen visitas presenciais e incorporamos unha nova unidade didáctica relacionada co ciclo da auga e o seu uso no noso día a día.
Plataforma dixital Alimentes
Actualmente, a nosa Plataforma Alimentes conta con 13 unidades didácticas, ofrecendo un espazo dixital formativo. Aliñado cos currículos educativos de educación infantil e primaria de Galicia e Castela e León, pon ao dispor do profesorado e alumnado destas comunidades unha serie de ferramentas e contidos para a aprendizaxe de conceptos vinculados á sustentabilidade, a alimentación saudable, o consumo responsable e os diferentes procesos da cadea alimentaria.
Cada unidade inclúe un vídeo explicativo sobre a súa temática específica e unha serie de actividades e xogos interactivos adaptados á idade e a programación de cada curso. Os contidos baséanse na cadea de alimentos e parten da lonxa, o campo ou a granxa ata chegar aos almacéns e supermercados, concluíndo coa xestión de residuos nos nosos fogares. Este percorrido permite que as novas xeracións tomen conciencia dos procesos que fan posible que os alimentos cheguen ás nosas mesas, os axentes que participan na cadea e a importancia de adquirir bos hábitos de alimentación, o coidado do planeta e o consumo responsable.

Neste curso escolar 2024-2025, 26.433 alumnas e alumnos participaron no programa, superando en case 3.000 escolares a cifra do curso anterior, que alcanzou un total 23.059. Dos case 26.500 escolares que completaron o programa, 16.500 fixérono na comunidade galega e 9.933 en territorio castelán leonés. En total, rexistráronse na plataforma 537 centros educativos, 351 son centros de ensino galegos e 186 castelán leoneses.
Visita aos supermercados Gadis
As visitas do programa Alimentes ofrecen a oportunidade de poñer en práctica o aprendido na aula e coñecer a realidade dos supermercados Gadis. A través da nosa oferta de produtos, as distintas seccións e o grupo de profesionais das nosas tendas, a actividade busca fomentar a adquisición de hábitos de alimentación saudables e sostibles. Así, as alumnas e os alumnos, acompañados do seu profesorado, son guiados polo supermercado por unha persoa especializada en sustentabilidade e hábitos de vida saudables. O percorrido presta especial atención ás seccións de produto fresco, onde se lembra a importancia de consumir alimentos de proximidade e de tempada.
Nesta edición, 8.353 escolares de Galicia e 5.868 escolares de Castela e León visitaron os nosos supermercados Gadis de referencia. En total, houbo 14.221 alumnas e alumnos participantes, unha cifra moi similar á do ano pasado, que alcanzou os 13.850 escolares.

O prato Alimentes
Os grupos participantes no noso programa Alimentes, ben a través da compleción do as unidades didácticas plataforma dixital, ben a través das visitas aos supermercados, reciben o kit do Prato Alimentes. Trátase dun obsequio que inclúe un prato fabricado con plástico biodegradable, unha bolsa de papel reciclado e un libreto de receitas tamén de papel reciclado. Esta ferramenta educativa pretende que o alumnado se familiarice con conceptos como as proporcións adecuadas e a importancia de incorporar produtos locais e de tempada á súa dieta, mentres realiza o proceso de aprendizaxe de forma amena e colaborativa, tanto nos seus centros formativos como nos seus fogares. O prato Alimentes facilita unha aprendizaxe visual e lúdica, de fácil compresión pero cun gran impacto nos hábitos saudables vinculados á alimentación e á sustentabilidade en idades temperás.
Impacto positivo do programa Alimentes
Pechamos a quinta edición do programa Alimentes batendo récord de participación: chegando a novos centros educativos, abrindo visitas en supermercados que aínda non participaran no programa e xerando unha comunidade cada vez máis ampla de persoas mozas que apostan por hábitos de vida saudables e sostibles.
Ao longo das súas cinco edicións, son máis de 98.000 alumnas e alumnos os que completaron o noso programa Alimentes, unha iniciativa que se consolidou como referente na comunidade educativa para a educación en valores vinculados aos hábitos de vida saudables e á sustentabilidade.

Desde Gadis seguimos a traballar no noso compromiso transversal coa saúde e o benestar tanto dos nosos profesionais como da nosa clientela. Sabemos que, para conseguir implantar hábitos saudables e sostibles, é imprescindible aliñarnos co sistema educativo e poder colaborar para garantir un impacto positivo real nas novas xeracións. Por iso, dedicamos o noso esforzo para seguir innovando e fortalecendo un dos nosos programas insignia.
Grazas ao programa Alimentes estamos máis preto de alcanzar as metas do ODS 3. Saúde e benestar, ODS 4. Educación de calidade, ODS 10. Redución de desigualdades, ODS 12. Produción e consumo responsables, ODS 13. Acción polo clima e ODS 17. Alianzas para lograr obxectivos.
OUTRAS INICIATIVAS
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado...
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao car...
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra