Estás a ver Gadis para

Icono Flecha Marrón Dirección IzquierdaVolver ás iniciativas

Etiquetaxe dos alimentos, como interpretalo

26 AGOSTO, 2026

Imagen Noticia Etiquetaxe dos alimentos, como interpretalo

A Unión Europea leva décadas implementando políticas para garantir a seguridade alimentaria. Os seus esforzos traducíronse nun marco normativo común que obriga a empresas produtoras, importadoras e distribuidoras que operan no mercado europeo a ofrecer unha información clara e homoxénea sobre os seus produtos. Co obxectivo de que calquera persoa, en calquera país da UE, poida ler unha etiqueta e entendela sen dificultade, o Regulamento da Unión Europea sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor establece que datos son obrigatorios na etiquetaxe e como deben presentarse. A continuación presentamos as características principais da etiquetaxe na UE para que saber que estamos a levar aos nosos fogares ao facer a compra.

A importancia do etiquetaxes dos alimentos

A normativa europea obriga a que a información das etiquetas sexa precisa, doada de ver e entender, non enganosa e indeleble, para que as persoas consumidoras poidan detectar alérxenos ou comprobar a data de caducidade coa mesma facilidade en calquera supermercado.

Unificar a etiquetaxe de produtos permite tomar decisións de compra informadas. Ademais, protexe a saúde, xera confianza e transparencia ao garantir a rastrexabilidade, facilita a comparación entre produtos, reduce o desperdicio, mellora a seguridade alimentaria e contribúe a xerar un mercado xusto.

Información obrigatoria para os alimentos que se mercan envasados

Todo produto alimentario á venda na UE debe conter unha serie de información obrigatoria na súa embalaxe:

● Denominación do produto que identifique o contido e non un nome comercial de difícil comprensión.

● Lista de ingredientes con todos os compoñentes do alimento, incluídos os aditivos cando corresponda.

● Información sobre alérxenos.

● Cantidade de determinados ingredientes cando aparezan destacados no nome ou no envase.

● Data de consumo preferente ou de caducidade.

● País de orixe cando sexa necesario para a correcta identificación da persoa consumidora (por exemplo, se o envase mostra bandeiras ou paisaxes dun país concreto).

● Nome e dirección da empresa alimentaria ou do importador establecido na UE.

● Cantidade neta.

● Condicións especiais de conservación e/ou as condicións de utilización. Ademais, se fose necesario, instrucións de uso.

● Grao alcohólico no caso de bebidas con máis de 1,2% de alcol.

● Información nutricional.

Así mesmo, algúns produtos deben incluír advertencias específicas, como, por exemplo, as que avisan de ingredientes non recomendados para menores. Tamén existe unha etiquetaxe específica nos produtos de produción ecolóxica, entre outros.

Como interpretar a lista de ingredientes

A lista de ingredientes sempre está encabezada pola palabra "ingredientes" e mostra os compoñentes ordenados de maior a menor peso. É dicir, o primeiro ingrediente é o que máis presenza ten no produto e o último, o que menos. Trátase dun detalle crave para entender o que compramos. Por exemplo, se un alimento anuncia “sabor a amorodo” pero o primeiro ingrediente é azucre, entendemos mellor a composición real do produto. De igual xeito, cando un ingrediente aparece no nome do produto ou salientable no envase (por exemplo, “galletas de chocolate”), a normativa esixe indicar a porcentaxe exacta dese ingrediente.

Como identificar os alérxenos

Unha das partes esenciais da etiquetaxe de alimentos son precisamente os alérxenos, que deben aparecer resaltados dentro da lista de ingredientes —normalmente mediante negrita, un tipo de letra diferente ou unha cor de fondo distinto—, para facilitar unha identificación rápida e efectiva.

Entre os alérxenos de declaración obrigatoria atópanse o glute, o leite, os ovos, o peixe, os froitos de casca, a soia, os froitos secos, o apio, a mostaza, o sésamo, o dióxido de xofre e os sulfitos, entre outros. Cando o produto non leve lista de ingredientes, debe indicarse igualmente a presenza de alérxenos mediante a palabra "contén" seguida do seu nome.

Os aditivos e os códigos "E"

Na lista de ingredientes podemos atopar códigos que empezan pola letra "E" seguida dun número, como E-330 ou E-621. Estes son aditivos alimentarios autorizados pola UE (colorantes, conservantes, edulcorantes, antioxidantes, etc.), e cada código identifica de que substancia se trata, con independencia do idioma do envase. Se un produto contén aditivos, deben figurar igualmente na lista de ingredientes xunto co resto de compoñentes.

Declaración nutricional

A declaración nutricional informa as persoas consumidoras do contido enerxético e nutricional dun produto e debe incluír o seu valor enerxético, as cantidades de graxas, ácidos graxos saturados, hidratos de carbono, azucres, proteínas e sal do alimento. Xeralmente, estas cantidades exprésanse por cada 100 gramos ou 100 mililitros, e ás veces tamén por ración..

Datas de caducidade e consumo preferente

Lembremos que a "data de caducidade" aplícase a produtos que, por motivos de seguridade, non deben consumirse pasada esa data (como carnes frescas ou peixe). O "consumo preferente" indica ata cando o alimento mantén as súas calidades óptimas, pero, superada esa data, o produto pode seguir sendo apto para o consumo. Coñecer esta diferenza é clave para evitar o desperdicio alimentario de produtos que aínda se poden consumir.

O impacto positivo da etiquetaxe dos alimentos

En Gadis mantemos un compromiso firme coa nosa clientela para que estea ben informada e poida elixir os produtos de alimentación que mellor se adapten á súa realidade, apostando pola variedade e a calidade dos nosos produtos. É o xeito de que poida comparar produtos e priorizar o que máis lle importa en cada momento: a orixe, a cantidade de aditivos, a presenza de alérxenos ou calquera outro factor relevante para elixir o produto que mellor se axuste ás súas necesidades.

Así, traballamos para a consecución das metas dos ODS 3. Saúde e benestar e ODS 12. Produción e consumo responsables.


OUTRAS INICIATIVAS

Imagen Noticia Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.

Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado...

Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.

Máis informaciónIcono Flecha Marrón Dirección Derecha
Imagen Noticia Muller rural: tradición, calidade e innovación

Muller rural: tradición, calidade e innovación

Muller rural: tradición, calidade e innovación

Máis informaciónIcono Flecha Marrón Dirección Derecha
Imagen Noticia Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra

Alimentación saudable para a familia: da teoría ao car...

Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra

Máis informaciónIcono Flecha Marrón Dirección Derecha
Imagen Noticia Un ano máis, Alimenta a Amizade!

Un ano máis, Alimenta a Amizade!

Un ano máis, Alimenta a Amizade!

Máis informaciónIcono Flecha Marrón Dirección Derecha