Comezan as visitas escolares Alimentes!
21 XANEIRO, 2026
Coa chegada do novo ano arrancan tamén as visitas escolares Alimentes a supermercados Gadis de Galicia e Castela e León. O proxecto Alimentes é a aposta educativa de Gadis en materia de alimentación saudable, consumo responsable, sostibilidade e desperdicio alimentario que combina contidos en liña a través da plataforma Alimentes Dixital coas visitas a supermercados Gadis para alumnado de educación infantil e primaria.
Con máis de 25 anos de traxectoria, o programa Alimentes converteuse nun proxecto referente para a comunidade educativa de Galicia e Castela e León. Cada ano, máis de 14.000 alumnas e alumnos participan nas nosas visitas escolares e máis de 20.000 traballan as unidades didácticas da plataforma. Desde Gadis cremos que xerar hábitos saudables desde idades temperás tradúcese en estilos de vida coherentes para o futuro, fomentando non só no coidado das persoas, senón tamén o respecto e a salvagarda da contorna.
Visitas Alimentes 2026
Este martes 20 de xaneiro deron comezo as visitas Alimentes en Galicia e Castela e León. Nesta edición aumentamos o número de supermercados que forman parte da campaña, acollendo nas nosas tendas á comunidade educativa das áreas da Coruña, Barbanza, Ferrol, Lalín, Lugo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Tui, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Salamanca, Segovia e Valladolid. Así, buscamos xerar un impacto positivo directo nas comunidades nas que operamos, ofrecendo unha acción formativa personalizada, adaptada ás necesidades de cada grupo participante.
As visitas aos supermercados están guiadas por persoal especializado en nutrición e sostibilidade, que achega coñecemento específico adaptado á franxa de idade e ao nivel educativo do alumnado e pon o foco nas seccións de produto fresco: carnicería e charcutería, froitería e peixaría. Estas seccións son clave no modelo de negocio de Gadis e permítennos ofrecer unha atención personalizada, cun equipo de profesionais que prioriza o produto local e de calidade.
Cunha duración de entre 45 minutos e unha hora, as visitas deséñanse coa intención de que o alumnado poida experimentar de forma práctica os contidos dixitais traballados na aula a través das 14 unidades didácticas do noso programa Alimentes Dixital. Esta experiencia tamén é unha oportunidade para que os nenos e as nenas normalicen as visitas ao supermercado e gañen independencia á hora de interactuar co persoal de Gadis. Así mesmo, é unha boa ocasión para que aprendan e pregunten dúbidas que teñan en relación aos alimentos, a nutrición, o desperdicio alimentario ou a sostibilidade.
A visita culmina coa entrega do kit do Prato Alimentes, un obsequio que inclúe unha mochila, unha botella de auga, unha peza de froita e o prato Alimentes, a proposta de Gadis inspirada no Prato Harvard que funciona como guía visual para facilitar unha alimentación equilibrada e saudable.
As visitas puideron reservarse desde que o pasado outubro púxose en marcha a nova edición de Alimentes e, a pesar de que nalgunhas zonas xa se cubriron todas as prazas, aínda temos dispoñibilidade nalgúns supermercados Gadis.
Se es docente de educación infantil ou primaria nun centro de Galicia ou Castela e León, estás a tempo de reservar a túa visita. Para iso, terás que acceder e rexistrarte na plataforma Alimentes Dixital, confirmar o rexistro, crear un grupo e reservar a túa visita gratuíta ao supermercado Gadis máis próximo.
Novidades de Alimentes 2025-2026
Ademais das visitas a supermercados Gadis, o noso equipo Alimentes incorporou varias novidades á plataforma dixital do programa:
- Unha nova unidade didáctica sobre compostaxe, alcanzando un total de 14 unidades didácticas con contidos sobre sostibilidade, consumo responsable, desperdicio alimentario e alimentación saudable.
- Incorporación de actividades experienciales para o alumnado de educación infantil, para facilitar a aprendizaxe activa e participativa nesta etapa formativa.
O impacto positivo das visitas do programa Alimentes
O programa Alimentes responde á demanda do sector educativo en materia de aprendizaxe híbrida, en formato dixital e presencial, que combina coñecementos teóricos e prácticos, con experiencias interactivas e presenciais en supermercados Gadis. Desde hai anos, este programa permitiunos contribuír á creación e fomento de hábitos saudables entre o alumnado máis novo de Galicia e Castela e León, facilitando recursos educativos de calidade e gratuítos para o persoal docente e comprometéndonos coa saúde das persoas e do planeta.
1769158551788.png)
Esta iniciativa destaca polo seu carácter innovador, pola súa capacidade de xerar un impacto positivo no alumnado e, especialmente, polo seu poder de adaptación ao longo dos anos. Tras 25 anos de traxectoria, Alimentes soubo adaptarse ás necesidades do sector e ás novas tendencias de consumo, e xerou unha plataforma dixital con 14 unidades didácticas que continúa logrando un impacto real entre a comunidade educativa.
Grazas ao programa Alimentes, desde Gadis contribuímos á consecución das metas dos ODS 3. Saúde e benestar, ODS 4. Educación de calidade, ODS 12. Produción e consumo responsables, ODS 13. Acción polo clima e ODS 17. Alianzas para lograr obxectivos.
OUTRAS INICIATIVAS
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado...
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao car...
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra