Comeza o curso escolar Alimentes!
23 SETEMBRO, 2026
Un ano máis, comezamos o curso escolar co noso programa educativo Alimentes, o proxecto que impulsamos en Gadis sobre sustentabilidade e alimentación saudable. Con case tres décadas de traxectoria, os seus contidos están adaptados aos currículos oficiais de educación infantil e primaria de Galicia e Castela e León. O obxectivo é sensibilizar ao alumnado sobre aspectos relacionados coa alimentación saudable, o consumo responsable, o desperdicio alimentario e o coidado do planeta.
Máis de 27.000 escolares de Galicia e Castela e León participaron na última edición do programa grazas á complicidade de máis de 1.300 docentes. Nesta publicación contámosvos as novidades para o curso escolar 2026/2027 e convidamos aos docentes de ambas as comunidades a sumarse a esta iniciativa.
1790345739007.jpg)
Alimentes 2026/2027
Por sétimo ano consecutivo, activamos a nosa plataforma educativa Alimentes Dixital, un espazo que xurdiu por mor da pandemia e onde se poden atopar 15 unidades didácticas e unha ampla selección de recursos para que o profesorado poida abordar aspectos relacionados coa sustentabilidade, a alimentación saudable e o consumo responsable.
Estas son algunhas das novidades que incluímos na edición que poñeremos en marcha en outubro:
- Unha nova unidade didáctica sobre hábitos saudables, con contidos sobre hábitos positivos para o día a día, consellos para unha alimentación saudable e variada, e claves para coñecer mellor o sistema inmune.
- Novas actividades imprimibles para educación infantil e 1º e 2º de primaria, que se suman aos recursos docentes que xa estaban dispoñibles na plataforma. Estas fichas serven como complemento aos contidos dixitais de cada unha das unidades didácticas. Ofrecen unha serie de actividades prácticas en formato físico que facilitan a adquisición de coñecementos mentres impulsan a autonomía e a creatividade do alumnado, minimizando o uso das pantallas nas etapas máis temperás.
- Un novo obsequio: a fiameira Alimentes. Continuamos apostando polo noso Prato Alimentes, inspirado no Prato de Harvard, como recurso visual para achegarnos de forma práctica ás claves para planificar menús saudables, pero, nesta edición, presentamos un novo formato. Cada alumna e alumno que complete as 15 unidades didácticas na nosa plataforma ou que realice unha visita presencial a algún dos nosos supermercados, levarase a casa o Kit Alimentes, composto pola nova fiameira e un folleto informativo con ideas de receitas.
A fiameira pretende facilitar o transporte de comida e servir como referencia sobre a distribución dos distintos grupos de alimentos grazas á ilustración do Prato Alimentes na parte superior. Ademais, é un envase reutilizable e hermético que contribúe a reducir os envases dun só uso.

O programa Alimentes ofrece tamén a posibilidade de visitar algúns dos nosos supermercados Gadis de Galicia e Castela e León durante o segundo e o terceiro trimestre do curso. Tras o rexistro na plataforma, pódense consultar os establecementos visitables en cada unha das zonas, as datas e horarios dispoñibles, así como os novos supermercados que incorporamos nesta edición. Como é habitual, as visitas están guiadas por persoal educador experto en alimentación saudable, desperdicio alimentario, sustentabilidade e hábitos de vida saudables, e o seu contido está adaptado a cada etapa educativa.
A participación no programa Alimentes é gratuíta para calquera docente de Galicia e Castela e León, e só é necesario rexistrarse na plataforma dixital Alimentes para acceder aos contidos e aos recursos didácticos, así como para reservar visitas presenciais nos supermercados Gadis das súas zona. Tanto se coñecen o programa coma se o descubren por primeira vez, recomendamos que accedan á plataforma dixital para descubrir todas as novidades.
O impacto positivo do programa Alimentes
Tras case 30 anos de experiencia co programa Alimentes, sabemos que traballar coas novas xeracións é clave para consolidar hábitos saudables que lles acompañen toda a vida. Por iso continuamos apostando por un programa que apoia o profesorado na abordaxe de temáticas tan importantes como a alimentación saudable, o consumo responsable ou a sustentabilidade. Sabemos que, grazas aos esforzos colectivos, estamos máis preto de construír un futuro máis sostible, comprometido co medio ambiente e coas persoas.
En Gadis entendemos que a nosa responsabilidade coa comunidade vai máis aló do negocio e tradúcese tamén no respaldo á sociedade e o ámbito educativo é unha compoñente clave. Alimentes non é un proxecto máis; é o noso gran compromiso consciente e responsable coa infancia dos territorios nos que operamos. O ano pasado 13.622 escolares de 237 colexios visitaron os nosos supermercados no marco do programa Alimentes e este ano xa temos todo a punto para recibir aos próximos colexios que se sumen a esta aventura.
1790346054559.png)
Grazas a Alimentes, seguimos traballando no noso compromiso coas metas dos ODS 3. Saúde e benestar, 0DS 4. Educación de calidade, ODS 10. Redución das desigualdades, ODS 11. Cidades e comunidades sostibles, ODS 12. Produción e consumo responsables, ODS 13. Acción polo clima e ODS 17. Alianzas para lograr obxectivos.
OUTRAS INICIATIVAS
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado...
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao car...
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra