Consellos para facer a compra no verán

Fecha: Xullo 27, 2023

As temperaturas estivais e o cambio de rutinas supoñen un reto para a organización da despensa e da lista da compra. Nesta época do ano, o risco de que se estraguen os alimentos é maior e é importante planificar os menús, organizar a compra e almacenar correctamente os alimentos. Sabías que o desperdicio alimentario aumenta no verán? De acordo cos datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, durante estes meses, obsérvase unha tendencia ao incremento de desperdicio de alimentos en 3 de cada 4 fogares españois e tírase ao lixo un 35,8 % máis de pratos cociñados que no outono e inverno. As vacacións e o maior tempo de lecer complican a xestión dos alimentos. Por iso, hai que tomar máis precaucións para conservar ben a comida e evitar tirala. En Gadis queremos axudarche con algúns consellos para facer a compra no verán e tamén para que os produtos non se estraguen nas semanas máis calorosas. Segue lendo!

O desperdicio alimentario

O desperdicio alimentario é un problema global que se produce en todas as estacións do ano, pero que aumenta no verán. Ademais do impacto económico que supón, tamén ten consecuencias ambientais. Segundo as estimacións da ONU, está asociadas entre o 8% e o 10% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro. En España, a taxa de desperdicio é do 3,8%, é dicir, ese é a porcentaxe de alimentos e bebidas que se rexeita do total que se compran para o seu consumo dentro e fóra dos fogares. Á espera da aprobación definitiva e a entrada en vigor da Lei de Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentario, hai que tomar conciencia de que os fogares teñen unha gran responsabilidade e que pequenas modificacións nos nosos hábitos poden axudar a combatelo. Que mellor momento para poñelo en práctica que este verán?!

Consellos para facer a compra no verán

Unha das principais fontes do desperdicio estival é que non regulamos e calculamos ben as cantidades. Moitas veces, seguimos mantendo as mesmas rutinas de compra que no inverno e os alimentos estráganse antes de que os consumamos. Por unha banda, xórdennos máis plans improvisados e escapadas de última hora. Por outra banda, os cambios de hábitos non se reflicten na compra e non axustamos as cantidades de alimentos frescos que metemos na cesta ás circunstancias. Entre esa pequena desorganización e calquera descoido que deixe fóra da neveira algún produto, o desperdicio dispárase. Ademais, os pratos estivais adoitan ser máis frescos e, en consecuencia, máis difíciles de conservar. Por exemplo, unha ensalada non pode gardarse na neveira para o día seguinte. Aquí tes os nosos consellos para a túa compra estival:

Antes de ir á compra

Revisa a neveira antes de elaborar a lista da compra para axustar as cantidades ás necesidades reais.
Ten en conta os posibles plans que poden xurdir para evitar comprar produtos que non vas ter tempo de consumir.
Planifica os menús para non comprar máis do que vas utilizar.
– Non vaias á compra nas horas centrais do día, cando fai máis calor, porque será máis complicado manter a cadea de frío.
– Leva bolsas isotérmicas para gardar os alimentos conxelados e refrixerados.

No supermercado

– Fai compras máis pequenas. É mellor ter que volver visitarnos que tirar algo ao lixo 😉.
– Mete primeiro na cesta ou no carro os produtos non refrixerados, despois os frescos e, por último, os conxelados. Esa é a maneira de non romper a cadea de frío.
– Le as etiquetas e fíxate na data de consumo antes de meter o produto na cesta.
– Compra produtos de tempada e intenta consumilos por orde de compra.
– Non compres froita demasiado madura se non vas consumila de inmediato.
– Ten en conta que os alimentos máis vulnerables no verán son os ovos, a carne, o peixe e o marisco. Axusta as cantidades ao máximo e extrema o coidado das condicións de conservación.

Ao volver da compra

– Extrema a limpeza e a hixiene na cociña para evitar a contaminación cruzada e a proliferación de microorganismos.
Non sobrecargues a neveira.
– Mantén a temperatura da neveira a 5 ºC ou menos para evitar o crecemento de microorganismos.
Ordena a túa neveira. As recomendacións suxiren esta colocación de arriba a abaixo:
– Alimentos cociñados ou listos para o consumo.
– Carne e peixe cru.
– Froitas e verduras (caixón).
– Ao chegar do supermercado, coloca primeiro os alimentos que vaian ao conxelador e despois os da neveira.
– Coloca ao fondo os alimentos que tardan máis tempo en caducar e diante aqueles que teñan unha data de consumo preferente máis próxima para que estean á vista.
– Revisa a neveira con frecuencia para evitar que se estrague algún produto que non está tan á vista.
– Conxela calquera alimento se non o vas consumir pronto. Se o alimento está cociñado, faino canto antes e etiqueta o recipiente coa data.
– Almacena os alimentos en recipientes pechados, separando os crus dos cociñados.
– Non utilices os mesmos utensilios (coitelos, táboas de cortar…) para alimentos crus e para alimentos xa cociñados.
– Non desconxeles os alimentos a temperatura ambiente, senón na parte baixa do frigorífico.
– Lava as froitas e as hortalizas ben, sobre todo se as vas comer crúas.
– Ao cociñar, asegúrate de que os alimentos non queden crus no seu interior, especialmente a carne, os ovos e o peixe.
E ti? Tes algún truco para facer a compra no verán? Cóntanos!