Alimentes Dixital: nova edición, educando pola sustentabilidade

Fecha: Xaneiro 12, 2023

A semana que vén volve Alimentes Dixital, a plataforma formativa dixital deseñada por Gadis que fomenta a educación pola sustentabilidade. Esta ferramenta en liña destinada ao profesorado e ao alumnado de educación infantil e educación primaria de Galicia e Castela e León inicia a súa terceira edición cunha serie de melloras que ofrecen un recurso didáctico aínda máis completo. Alimentes Dixital xurdiu como unha alternativa para manter contacto co profesorado e o alumnado de distintos centros educativos por mor da pandemia. Ao longo destes dous anos, foise consolidando entre a comunidade educativa de ambas as comunidades e converteuse nunha proposta de referencia para enriquecer tanto as horas lectivas como as tarefas para casa. Oíches falar do noso programa? Hoxe contámosche todos os detalles da próxima edición!

Que é Alimentes Dixital

Alimentes Dixital deu continuidade a Alimentes, o programa educativo que Gadis desenvolvera para o profesorado de segundo ciclo de infantil e dos tres niveles de educación primaria. Por que dicimos que educa pola sustentabilidade? Porque a plataforma está baseada en catro piares fundamentais para unha vida sostible: alimentación saudable, consumo responsable, actividade física e redución do desperdicio alimentario. Ademais, inclúe tamén contidos relacionados co desenvolvemento local e a produción sostible.
Cada edición, incorpora melloras a partir das suxerencias realizadas polos docentes que participan no programa. O ano pasado, por exemplo, desenvolvéronse actividades para poder traballar tamén con nenos e nenas do primeiro ciclo de educación infantil, dobráronse todos os vídeos a galego e creouse o xogo do Prato Alimentes. Na edición que está a piques de comezar, engadiuse unha nova unidade didáctica sobre xestión de residuos, ampliouse a proposta de actividades e engadíronse novas seccións para mellorar a experiencia.
O obxectivo principal da plataforma é seguir potenciando os hábitos sostibles, presentando os catro eixos para unha vida sostible de maneira transversal. Este ano, Alimentes Dixital conta con 11 unidades didácticas. Dez delas están dedicadas a cada un dos pasos da cadea de alimentos, desde a lonxa ata que chegan aos nosos fogares, e a última presenta aspectos relacionados coa xestión de residuos. Todas están adaptadas ao currículo oficial de educación infantil e de educación primaria de Galicia e de Castela e León. As unidades están separadas por niveis educativos distribuídos en bloques: dous ciclos de infantil, 1º e 2º de primaria, 3º e 4º de primaria, e 5º e 6º de primaria.
Esta ferramenta en liña contén distintos tipos de recursos (vídeos, contido en formato texto, actividades interactivas…) para abordar de maneira amena distintos aspectos da cadea de alimentos e varios temas educativos. Os contidos están relacionados principalmente con temas de ciencias naturais e ciencias sociais, así como con elementos directamente vinculados coa sustentabilidade.
Sabías que participar en Alimentes Dixital ten premio? O profesorado dos grupos que completan todas as unidades pode solicitar, ao finalizar a última, a súa inclusión nunha clasificación mensual para recibir o seu propio kit do Prato Alimentes. O Menú Saudable. Este obsequio é 100% sostible. De feito, a súa sustentabilidade é dobre. Por unha banda, a promoción dunha alimentación saudable, apoiando o consumo de froitas e verduras locais e de tempada, é beneficioso para o planeta e para a saúde. Doutra banda, o prato está fabricado con plástico biodegradable, e tanto o folleto informativo con receitas como a bolsa son de papel reciclado. Ademais, todo o kit prodúcese en España, reducindo ao máximo a pegada de carbono.

Resultados da segunda edición de Alimentes Dixital

Se na primeira edición de Alimentes Dixital 9.589 escolares completaron o programa, a segunda edición evidenciou a gran aceptación obtida por parte da comunidade educativa cunha participación que case duplicou os datos de 2021. En total, inscribíronse 410 colexios, dos cales 331 completaron as dez unidades didácticas. Ademais, 16.681 nenos e nenas das dúas autonomías terminaron o programa, dos cales 199 eran alumnado de educación especial:
– 6.253 alumnos e alumnas de educación infantil
– 3.673 alumnos e alumnas de 1º e 2º de primaria
– 3.350 alumnos e alumnas de 3º e 4º de primaria
– 3.605 alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria
Estes nenos e nenas estiveron acompañados por 884 docentes, que tamén recibiron os seus kits do Prato Alimentes. Enviáronse 19.505 kits para recoñecer o traballo realizado tanto polo alumnado como polo profesorado, 12.678 destinados a centros educativos galegos e 6.827 a centros castelán leoneses.

 

Como participar en Alimentes Dixital

Alimentes Dixital é unha plataforma educativa gratuíta á que pode ter acceso calquera docente de educación infantil e educación primaria de centros de Galicia e Castela e León. Só ten que rexistrarse na web da plataforma e se lle reenviará unha ligazón para realizar a inscrición. Unha vez completado o rexistro, a persoa terá acceso ao seu perfil no que atopará unha guía completa por niveis educativos con todos os recursos dispoñibles sobre a cadea de alimentos. Nese perfil, poderá crear diferentes grupos do mesmo ou distinto nivel educativo para poder ir traballando as unidades con todo o seu alumnado.
O rexistro é moi sinxelo. Só hai que proporcionar o nome e a información de contacto para estar dentro de Alimentes Dixital. En Gadis, levamos moito tempo traballando para proporcionar contidos de calidade que potencien o coñecemento da sustentabilidade e a adquisición de hábitos saudables nas escolas. Gustaríache formar parte da comunidade ALIMENTES e ter acceso a materiais exclusivos? Apúntate a Alimentes Dixital 2023 na nosa web!