Zero a vertedoiro: A nosa certificación de economía circular
30 ABRIL, 2025
A economía circular é un modelo de produción e consumo sostible baseado na optimización das materias primas para minimizar o impacto dos residuos xerados. Así, conséguese alongar a vida útil dos recursos mediante a súa reutilización, reparación, renovación ou reciclaxe, contribuíndo a un modelo de economía sostible que reduce o consumo de materias primas e xera un valor engadido mentres se mitiga o impacto no medio ambiente.
No ano 2022, Gadis converteuse na primeira empresa de distribución galega en recibir o prestixioso selo internacional “De Residuos a Recursos: Zero a Vertedoiro” do Grupo Saica. Este selo certifica o compromiso da compañía coa sostibilidade ambiental, coa innovación e coa transparencia na xestión. Actualmente, na sede central de Gadis en Betanzos xa se reutiliza o 98% dos residuos xerados, o que nos sitúa moi preto de alcanzar o residuo cero.

Por que apostamos pola economía circular?
Apostamos por un modelo de negocio sostible para favorecer o crecemento socioeconómico da contorna e coidar do noso medio natural. Levamos a cabo unha xestión responsable dos recursos a través de mecanismos de loxística inversa e do apoio a entidades e profesionais locais. A sostibilidade sitúase sempre como eixo transversal na nosa estratexia corporativa. Isto permítenos implementar diferentes medidas e técnicas innovadoras para mellorar a nosa eficiencia, a nosa autosuficiencia e o noso impacto no medio ambiente.
Alongar a vida dos recursos que chegan á nosa planta permítenos reducir de forma significativa a nosa pegada de carbono e, en consecuencia, o efecto na contorna. Ao mesmo tempo, este modelo de produción e consumo danos máis autonomía e reduce custos no proceso loxístico. Como empresa, traballamos coa regra das sete R', sempre que o recurso nolo permite, minimizando a xeración de residuos e asegurándonos de que son xestionados de forma correcta e eficiente.
Como o facemos?
Desde Gadis implementamos diferentes metodoloxías e protocolos que nos axudan a reintroducir recursos na cadea de valor, á vez que reducimos os residuos xerados. Dentro do noso compromiso coa sostibilidade medioambiental e co obxectivo de contribuír á sensibilización da poboación, tamén activamos unha serie de medidas nos nosos supermercados para que a nosa clientela poida participar dese compromiso e do cambio que propoñemos.
Para minimizar o noso impacto no medio ambiente, deseñamos un sistema loxístico innovador que persegue a optimización de roteiros e prioriza as embalaxes sostibles para a distribución de mercadorías. Estas embalaxes reutilízanse en múltiples ocasións, viaxando directamente da sede central ao supermercado para ser introducidas de novo na cadea de valor por un equipo de 37 persoas, que xestiona todo o proceso.

En 2023, puxemos de novo en circulación 10.000 toneladas de cartón, madeira e plástico a través de diferentes sistemas de valorización e proxectos de economía circular. No caso do papel e o cartón, recíclase o 100%. En total, reciclamos 7.300 toneladas de materiais aos que demos unha nova vida transformándoos en 43 millóns de caixas reciclables para pedidos a domicilio e transporte de mercadorías. Cos residuos plásticos non reciclables, que practicamente non xeramos, creamos electricidade para un consumo anual equivalente a 106 fogares mediante a valorización enerxética. Continuando con medidas de embalaxe sostible, recuperamos 630 toneladas de polietileno de baixa densidade para fabricar case 3 millóns de m2 de filme estirable reciclado, o que nos proporciona un material máis sostible que utilizamos para o transporte de produto.

Para a nosa clientela, impulsamos o programa “A-proveito”, no que reducimos o prezo dos produtos cando a súa data de caducidade está próxima. Ademais, instalamos “illas de reciclaxe” e puntos de recollida de pilas e restos de aparellos electrónicos nos nosos supermercados.
Innovación e impacto positivo
O noso modelo de negocio toma a innovación como estratexia para o desenvolvemento sostible e eficiente. Mantemos un compromiso sólido coa contorna e a natureza, o que nos permite ter un impacto ambiental positivo. A economía circular e a regra das sete R' convertéronse en valores clave para o desenvolvemento da nosa organización, axudándonos a minimizar o efecto na contorna e situándonos como empresa punteira en innovación sostible.
Desde Gadis, sentimos orgullo de recibir un ano máis o selo internacional “De Residuos a Recursos: Zero a Vertedoiro” como recoñecemento ao noso modelo de negocio e á nosa estratexia para contribuír ao desenvolvo socio-económico e á redución de residuos na nosa organización.

O noso protocolo de acción e estas medidas concretas contribúen á consecución das metas dalgúns dos ODS da Axenda 2030: ODS 7. Enerxía asequible e non contaminante, ODS. 9 Industria, innovación e infraestrutura, ODS. 11 Cidades e comunidades sostibles, ODS. 12 Produción e consumo responsables e ODS 13. Acción polo clima.
OUTRAS INICIATIVAS
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado...
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao car...
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra