Estás a ver Gadis para

Icono Flecha Marrón Dirección IzquierdaVolver ás iniciativas

Nutrición e seguridade alimentaria, dúas caras dunha mesma moeda

27 MAIO, 2026

Imagen Noticia Nutrición e seguridade alimentaria, dúas caras dunha mesma moeda

O 28 de maio conmemórase o Día Nacional da Nutrición, unha data impulsada pola FESNAD (Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética) para sensibilizar á poboación sobre a importancia de manter unha dieta saudable e equilibrada para previr enfermidades e coidar o benestar humano. De acordo coa Organización Mundial da Saúde (OMS), a alimentación saudable pode adoptar moitas formas pero sempre debe basearse en catro principios fundamentais: adecuación, equilibrio, moderación e diversidade.

A esta celebración, súmase o próximo 7 de xuño a do Día Mundial da Inocuidade dos Alimentos, instaurada pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO polas súas siglas en inglés), cuxo lema este ano é “Da carga ás solucións: alimentos inocuos en todas partes”. A seguridade alimentaria conséguese cando as persoas teñen acceso a alimentos suficientes, seguros e nutritivos para o seu crecemento, desenvolvemento e unha vida activa e saudable. Para asegurala, é necesaria a implementación de boas prácticas en todas as etapas da cadea alimentaria, desde a produción ata o consumo.

A inocuidade (ou salubridade) dos alimentos e a nutrición son indisociables e representan dúas caras da mesma moeda. Garantir o acceso a alimentos inocuos e nutritivos en cantidades suficientes é fundamental para manter a vida e promover a saúde a nivel mundial.

Nutrición e seguridade alimentaria en Gadis

En Gadis, a promoción dunha alimentación saudable e velar pola seguridade alimentaria son elementos prioritarios no noso modelo de negocio. O noso compromiso co fomento da alimentación saudable reflíctese en diferentes iniciativas e na oferta ampla e variada de produtos frescos de calidade, de proximidade, de orixe ecolóxica e que atenden a diferentes necesidades alimentarias.

Por outra banda, a seguridade alimentaria é unha parte fundamental dos nosos procesos, especialmente da nosa estratexia de distribución e cadea loxística. En Gadis, aplicamos rigorosos sistemas de control de calidade en cada unha das fases:

  • O control de temperatura e a cadea de frío son piares fundamentais dunha distribución segura. Isto afecta especialmente a produtos frescos como lácteos, carnes, peixes ou vexetais, polas súas necesidades específicas de distribución.
  • A selección axeitada de envases e embalaxes para asegurar que actúan como escudos protectores dos alimentos e distribuír os produtos en condicións seguras. Para iso, utilizamos técnicas de envasado ao baleiro, atmosferas modificadas ou envases herméticos, para reducir a oxidación e a humidade, dúas dos principais inimigos da conservación nutricional.
  • A rastrexabilidade e os controis de calidade son dúas das medidas máis importantes na industria alimentaria. Os sistemas de rastrexabilidade permiten acompañar o percorrido dos produtos desde a orixe ata a persoa consumidora final. Isto garante os estándares de seguridade e o protocolo de actuación en caso de detectar algunha anomalía no proceso.
  • Optimización do transporte a través dun sistema loxístico eficaz e sostible co obxectivo de, por unha banda, reducir o impacto ambiental e, por outra, minimizar os tempos de tránsito dos alimentos frescos. A optimización dos roteiros e a elección de provedores e provedoras de proximidade permítennos ser grandes aliados da nutrición. Ademais, contamos con dous centros loxísticos principais en Betanzos e Medina del Campo para produtos frescos, perecedoiros e non perecedoiros. No caso dos produtos frescos do mar, temos plataformas loxísticas directamente nas lonxas da Coruña e Vigo e un establecemento para a redistribución en Valladolid.

Unha vez que os alimentos chegan aos fogares, son as persoas consumidoras as que teñen que continuar ese proceso, implementando estratexias de almacenamento e conservación axeitadas para garantir a seguridade e inocuidade dos produtos. Estas medidas varían en función do tipo de alimento, da estación do ano (especialmente coa diferenza de temperaturas), a localización e a data aproximada de consumo do produto. Por exemplo, os produtos lácteos, como leites, queixos ou iogures, necesitan ser refrixerados a temperaturas inferiores a 4 °C para evitar a proliferación bacteriana. As carnes crúas almacénanse mellor na parte inferior da neveira para previr contaminación cruzada con outros alimentos. É recomendable conservar en recipientes herméticos os produtos secos como legumes, arroz ou pasta, para protexelos da humidade e a luz directa. A aplicación sistemática deste tipo de prácticas non só prolonga a vida útil dos alimentos, senón que tamén reduce significativamente o desperdicio alimentario e o risco de alteracións na inocuidade dos produtos.

O impacto positivo de priorizar a nutrición e a seguridade alimentaria

Comprometerse cunha alimentación nutritiva e con prácticas de seguridade alimentaria non son obxectivos separados, senón unha praxe necesaria para garantir un investimento directo en saúde, en benestar e na calidade de vida das persoas. Coidar o que comemos é clave para unha alimentación saudable e nutritiva, pero coidar de que forma chega ás nosas mesas é unha responsabilidade para asegurar o benestar das nosas comunidades.

En Gadis, sabemos que o traballo para garantir a nutrición e a seguridade alimentaria non comeza nos nosos supermercados, senón moito antes: na selección rigorosa de provedores e provedoras, na correcta cadea de frío e no noso sistema de loxística eficaz e sostible. Desta forma, contribuímos activamente á consecución dos ODS 2. Fame cero, ao ODS 3. Saúde e benestar e ao ODS 12. Produción e consumo responsables.


OUTRAS INICIATIVAS

Imagen Noticia Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.

Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado...

Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.

Máis informaciónIcono Flecha Marrón Dirección Derecha
Imagen Noticia Muller rural: tradición, calidade e innovación

Muller rural: tradición, calidade e innovación

Muller rural: tradición, calidade e innovación

Máis informaciónIcono Flecha Marrón Dirección Derecha
Imagen Noticia Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra

Alimentación saudable para a familia: da teoría ao car...

Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra

Máis informaciónIcono Flecha Marrón Dirección Derecha
Imagen Noticia Un ano máis, Alimenta a Amizade!

Un ano máis, Alimenta a Amizade!

Un ano máis, Alimenta a Amizade!

Máis informaciónIcono Flecha Marrón Dirección Derecha