Mulleres rurais, un ano máis!
22 OUTUBRO, 2025
Cada ano, o 15 de outubro conmemórase o Día Internacional da Muller Rural. Unha data establecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para visibilizar e poñer en valor o papel crucial que desempeñan as mulleres rurais na loita contra a pobreza extrema, a fame e a acción climática. Este 2025, baixo o lema “O ascenso da muller rural: construír futuros resilientes con Beijing+30”, ponse o foco nas desigualdades que sofren as mulleres rurais nas diferentes partes do mundo. Ademais, reivindícase a súa participación na toma de decisións, a necesidade de reducir a fenda dixital e de garantir unha maior protección social. Á súa vez, este ano tamén se celebran os 30 anos da Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller, que tivo lugar en Pequín en 1995 e que representou un fito determinante no camiño cara á consecución da igualdade de xénero.
Por outra banda, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou 2026 como Ano Internacional da Muller Agrícola. O obxectivo é resaltar o rol imprescindible das mulleres que traballan no sector da agricultura no desenvolvemento dun futuro sostible, coidando da contorna, cultivando a terra e esforzándose para que todas as persoas teñan acceso a unha alimentación digna e saudable.
Coa intención de contribuír ao empoderamento e á posta en valor da profesión, desde o ano 2022, Gadis súmase a esta conmemoración co seu proxecto “Mulleres rurais”. Nel, combínase a creación dunha campaña audiovisual que documenta os negocios e as vivencias de varias mulleres provedoras de Gadis cun evento, que tamén se pode ver en streaming, no que compartir e reflexionar sobre a profesión das mulleres produtoras, oportunidades, retos e casos inspiradores.
Mulleres rurais: pasado, presente e futuro do campo
Co lema “Mulleres rurais: pasado, presente e futuro do campo”, buscamos poñer en valor a figura das mulleres que traballan no rural a nivel global e que foron, son e serán un motor fundamental para garantir a alimentación de todas as persoas, coidar a biodiversidade e salvagardar a supervivencia dos ecosistemas combatendo o cambio climático.
A xornada presencial, que tamén se puido ver por streaming, tivo lugar o pasado 23 de outubro na Fundación Juana de Vega. Este foro pretende ofrecer un lugar de encontro para profesionais, na súa maioría mulleres, que traballan en sectores produtivos e da alimentación.
Durante a xornada, presentouse a campaña audiovisual “Mulleres rurais”, na que se puideron ver os vídeos realizados con catro mulleres provedoras de Gadis como protagonistas: María Carmen Sánchez Iravedra (Embutidos Suarna), María Luisa Mata Rial (Hortalizas As Lagoas S.L.), Ana Raja Clemente (Obenfield) e Ángeles Freire Peteiro (Aldeagreen).
A xornada foi inaugurada pola directora de Marketing e RSC, Melisa Pagliaro, que na súa intervención fixo fincapé no compromiso de Gadis coa sustentabilidade, como unha estratexia de negocio a futuro construída sobre tres piares inseparables: a economía, as persoas e o planeta. Neste sentido, explicou que “queren dar voz ás mulleres produtoras do rural que coidan do territorio, sosteñen comunidades e xeran oportunidades”. A relación que Gadis establece coas produtoras locais baséase na confianza e no compromiso a longo prazo. Esta colaboración permite que pemes e pequenas empresas consoliden os seus proxectos, especialmente en territorios rurais, onde fixar poboación e dinamizar economicamente a contorna é imprescindible.
(1)1761301505542.jpg)
A continuación, entrevistouse a María Carmen Sánchez Iravedra, fundadora e xerente de Embutidos Suarna, emprendedora que atopou a oportunidade de negocio nun produto tradicional da zona dos Ancares, en particular de Navia de Suarna, a androlla. Actualmente produce artesanalmente este e outros embutidos, e é precisamente esa identidade local e vinculación co territorio, o que achega autenticidade ao seu produto. Comparte con orgullo que o seu proxecto ten un arraigamento indubidable no territorio, xerando emprego para mulleres, veciñas de Navia de Suarna, e revitalizando a contorna.
Para pechar a rolda de intervencións, organizouse unha mesa redonda con algunhas das mulleres participantes na campaña audiovisual desta edición. As protagonistas desta conversación foron María Luisa Mata Rial (Hortalizas As Lagoas S.L.), Ana Raja Clemente (Obenfield) e Ángeles Freire Peteiro (Aldeagreen) que compartiron as súas experiencias de emprendemento poñendo en valor as novas tecnoloxías, a importancia de producir alimentos sen pesticidas, a necesidade de ensinar ás novas xeracións a realidade do sector primario e as oportunidades que existen no rural.
O impacto positivo do proxecto “Mulleres rurais”
Un ano máis, o proxecto “Mulleres rurais” contribúe a visibilizar o papel fundamental que desenvolven as mulleres produtoras no coidado do medio ambiente, a loita contra o cambio climático e a dinamización dos territorios rurais. O seu labor salvagarda o benestar das persoas e da biodiversidade, con estratexias de produción sostibles, con capacidade de transformación e innovación. Desde Gadis, enorgullécenos traballar con mulleres que coidan do noso futuro e que contribúen a erradicar a fame en diferentes contextos.
1761301911387.png)
Esta iniciativa contribúe á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e aos ODS 5. Igualdade de xénero, ODS 8. Traballo decente e crecemento económico, ODS 10. Redución das desigualdades e ao ODS 12. Produción e un consumo responsable.
OUTRAS INICIATIVAS
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado...
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao car...
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra