Maio solidario, xenerosidade imparable
17 XUÑO, 2026
O mes pasado celebramos a 14ª edición de Maio Solidario, unha campaña solidaria coa que recadamos máis de 1.900 toneladas de alimentos ao longo dos anos. Entre o 4 e o 31 de maio, un total de 204 supermercados Gadis de Galicia e Castela e León tiveron habilitados espazos para a recollida de alimentos non perecedoiros co obxectivo de apoiar a persoas en situación de vulnerabilidade a través dos Bancos de Alimentos de ambas as comunidades autónomas.
Esta acción solidaria lévase a cabo grazas á implicación de diferentes actores e non sería posible sen o compromiso dos Bancos de Alimentos colaboradores, a xenerosidade da nosa clientela e o bo facer do persoal de Gadis, especialmente de quen traballa en tenda e en almacén, que son un piar imprescindible para o impacto positivo que xera cada edición desta campaña.
Maio solidaria, referente de solidariedade
Cada ano, o departamento de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) de Gadis colabora, organiza ou patrocina máis de 2.400 accións que inclúen campañas solidarias e apoio a proxectos culturais, deportivos ou comunitarios. Podemos dicir que a campaña Maio Solidario é unha das insignias do programa de RSC de Gadis.
Este tipo de campañas solidarias convertéronse na ponte de unión entre Gadis, a nosa clientela, as organizacións do terceiro sector, as súas causas e as persoas beneficiarias. Con Maio Solidario e con outras campañas, como a Gran Recollida de FESBAL ou a nosa colaboración con Unicef, conseguimos contribuír a aliviar necesidades básicas de familias en risco de exclusión social ou nenos e nenas en situación de vulnerabilidade. Pero isto non o facemos sós, senón que a nosa clientela ocupa o lugar central para a consecución dos nosos obxectivos. Coa xenerosidade de moitas das persoas que visitaron as nosas tendas o mes pasado, a 14ª edición de Maio Solidario conseguiu recadar 125 toneladas de produtos e 44.844 € en doazóns económicas. Unha cantidade significativa que permitirá mellorar a vida das persoas amparadas polo traballo dos Bancos de Alimentos.
1781773366204.jpg)
O mesmo que en edicións anteriores, aliámonos cos Bancos de Alimentos de ambas as comunidades para o desenvolvemento da campaña e, nesta edición, foron os da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Segovia, Salamanca, Valladolid e Zamora. Son eles quenes se encargan de xestionar a axuda entre as 800 asociacións ás que prestan asistencia de xeito habitual.
En Gadis, entendemos as alianzas como unha peza fundamental na xeración de impacto positivo, tanto no planeta como no benestar das persoas. Por iso, estas colaboracións que establecemos cos Bancos de Alimentos permítennos propiciar un diálogo fluído e próximo, optimizar recursos e traballar de xeito conxunto cara un obxectivo común. Neste sentido, as persoas voluntarias son imprescindibles porque multiplican o impacto das organizacións e achegan humanidade e proximidade durante o desenvolvemento da campaña. O seu papel resulta clave para que os resultados de Maio Solidario se materialicen nun impacto positivo real nas comunidades.
O impacto positivo de Maio Solidario
A solidariedade é unha peza central sobre a que se constrúe unha sociedade xusta e cohesionada. Cando as persoas se apoian mutuamente, especialmente nos momentos máis vulnerables, refórzase o sentido de comunidade e redúcese a desigualdade. En Gadis, apostamos por proxectos que promoven unha actitude cotiá de empatía e responsabilidade cara ás persoas e o planeta.
Tendo en conta o noso ámbito de actuación, os hábitos de vida saudable, a alimentación equilibrada e a nutrición son valores centrais na nosa estratexia de RSC. Por iso, iniciativas como Maio Solidario permítennos contribuír a mellorar a seguridade alimentaria e a buscar unha maior achega nutricional para as familias e persoas con dificultades pertencentes aos territorios nos que operamos. É o noso xeito de apoiar sistemas alimentarios que camiñan cara a modelos máis xustos, resilientes e sostibles, que respecten o medio ambiente e garantan que todas as persoas teñan acceso a unha alimentación suficiente, nutritiva e digna.
Tras 14 edicións de Maio Solidario, o esforzo conxunto dos Bancos de Alimentos, da clientela e do noso persoal logrou achegar 1.900 toneladas de alimentos non perecedoiros, unha cantidade que tivo un impacto real na vida de multitude de persoas, mellorando o benestar das comunidades e fomentando a empatía como valor central do proxecto.
1781773477621.png)
Unha sociedade solidaria é máis resiliente, máis humana e máis capaz de afrontar os retos colectivos, porque ninguén avanza verdadeiramente se deixa atrás a quen máis o precisa. Grazas ao noso proxecto Maio Solidario, traballamos na consecución dos ODS 1 Fin da pobreza, ODS 2 Fame cero e ODS 10 Redución das desigualdades.
OUTRAS INICIATIVAS
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado...
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao car...
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra