Letras Galegas 2025
14 MAIO, 2025
O 17 de maio é unha data de especial orgullo para todas as galegas e os galegos, pois festexamos o Día das Letras Galegas, unha celebración anual que homenaxea a aquelas persoas que destacaron pola súa defensa da nosa lingua ou pola súa creación literaria en galego. Este ano dedícase ás cantareiras e á poesía popular oral, personificadas en Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda. Elas son a mostra dunha representación colectiva que celebra ás mulleres creadoras e transmisoras da nosa poesía oral.
Desde Gadis queremos render a nosa propia homenaxe ás cantareiras galegas a través do proxecto artístico Foliada! Como empresa galega cunhas fortes raíces no territorio e un importante compromiso coas nosas orixes culturais, aproveitamos esta oportunidade para crear un proxecto multidisciplinar dende o que visibilizar a creación artística das mulleres, tanto de aquelas que mantiveron viva nosa tradición a través da transmisión oral, como das que traballan na actualidade desde un contexto contemporáneo pero sen perder de vista as nosas orixes.
Por que Foliada!?
Para todas as persoas galegas, a palabra ‘foliada’ responde a un imaxinario moi concreto, vinculado á festa, á música e á danza tradicional, pero tamén ao patrimonio cultural inmaterial do noso territorio e ao afán social e relacional das nosas aldeas. Ten unha connotación positiva inherente, que nos transporta a un ambiente lúdico e comunitario. A tradición oral galega, as cancións populares, as coplas e tamén a poesía chegaron ata os nosos días grazas a todas aquelas persoas, especialmente mulleres, que, baixo a denominación de “informantes”, conseguiron manter vivas estas creacións e tradicións a través da súa transmisión oral de xeración en xeración. Homenaxealas durante esta edición do Día das Letras Galegas é tan só unha pequena chiscadela a todo o que fixeron para manter viva a nosa tradición e identidade colectiva.

Foliada! é un proxecto artístico orixinal no que reunimos a cinco escritoras e a cinco ilustradoras galegas para plasmar, desde unha visión contemporánea, algunhas coplas da cultura popular galega. Desta forma, creáronse cinco láminas únicas nas que conviven a copla orixinal das informantes e a reinterpretación das autoras contemporáneas cunha ilustración para cada composición tradicional.
En Foliada! tivemos a sorte de traballar coas ilustradoras galegas Iria Zafián, Laura Mahía, Laura Tova, María Montes e Xoana Almar, coas escritoras Ledicia Costas, Yolanda Castaño, María Lado, Esther Corredeaguas e María Solar, e coas coplas tradicionais das informantes homenaxeadas. O proxecto materializouse en formato de publicación, que se presenta nunha caixa a modo vinilo musical na que se inclúen cinco láminas que combinan literatura, música e ilustración. Así mesmo, contamos coa colaboración do Museo do Pobo Galego, que nos cedeu algunhas das pistas de audio coas coplas tradicionais.
O venres 16 de maio repartiremos 30.000 exemplares de Foliada! nos nosos supermercados Gadis, así como unha edición limitada de 40.000 bolsas de papel reciclado que homenaxean ás autoras celebradas este ano. Tamén se pode descargar Foliada! en versión dixital na web www.gadisletrasgalegas.gal, así como escoitar as pistas de audio que inspiraron este proxecto.
Impacto positivo e apoio á cultura
A nosa orixe galega fai que nos impliquemos activamente coa nosa comunidade local, impulsando iniciativas con impacto directo na contorna, de carácter variado pero próximo ás nosas orixes e á nosa cultura e lingua propias. Por iso, o Día das Letras Galegas supón sempre unha data de especial relevancia. Ofrécenos unha oportunidade única para celebrar a algunha persoa creadora do noso territorio, render tributo á nosa lingua e ás nosas tradicións, e compartir coa nosa clientela o orgullo que sentimos pola nosa cultura galega.
En Gadis mantemos un compromiso tanxible coa promoción cultural como elemento vertebrador do territorio e entendémola como unha oportunidade de dinamización social e económica. Máis do 33% das accións do noso plan de Responsabilidade Social Corporativa son de carácter cultural, tanto apoiando á sociedade civil en distintos eventos como poñendo en marcha iniciativas propias centradas na creación e dinamización cultural local.
A nosa aposta pola creación literaria en galego é firme e continua. Nas últimas dúas décadas, editamos e publicamos 430.000 exemplares de autoría novel e de autoras e autores con ampla traxectoria. O proxecto Foliada! emocionounos pola súa capacidade de conectar a mulleres galegas de diferentes xeracións que contribuíron de forma directa e con nome propio á nosa historia colectiva e que continúan achegando unha mirada única á cultura galega contemporánea.
1747298947977.png)
Esta iniciativa tamén nos achega á consecución das metas dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, de forma concreta, con Foliada! contribuímos especialmente ao ODS 4. Educación de calidade, ODS 5. Igualdade de xénero e ao ODS 17. Alianzas para lograr obxectivos.
OUTRAS INICIATIVAS
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado...
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao car...
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra