Economía circular na cadea de suministro, máis valor compartido
26 NOVEMBRO, 2026
A sustentabilidade converteuse nun dos grandes retos do sector da distribución alimentaria. Nun contexto marcado pola necesidade de optimizar os recursos, reducir o impacto ambiental e aliñarnos cunha clientela cada vez máis comprometida co medioambiente, a economía circular representa unha oportunidade para transformar o xeito no que producimos, distribuímos e consumimos. En Gadis, avanzar cara a un modelo circular non consiste unicamente en reducir residuos, senón en integrar a sustentabilidade en cada etapa da cadea de subministración e xerar valor compartido para as persoas, a sociedade e a contorna.
Fronte ao modelo tradicional de economía lineal, baseado en producir, consumir e refugar, a economía circular propón aproveitar ao máximo os recursos, prolongar a vida útil dos materiais e reincorporar aqueles elementos que aínda poden ter un uso. Este enfoque permite reducir a dependencia de materias primas, minimizar os residuos e mellorar a eficiencia dos procesos, á vez que impulsa novas oportunidades de colaboración entre empresas, provedores e provedoras, procesos produtivos e clientela.
No ámbito da alimentación, a economía circular comeza no deseño e a concepción dos produtos. É necesario ter en conta todo o ciclo de vida dun produto, desde a selección das materias primas e os métodos de produción ata o seu envasado, distribución e consumo. Isto supón apostar por ingredientes de orixe responsable, procesos produtivos que optimicen o uso da auga e a enerxía, e envases que sexan respectuosos co medio ambiente. Tamén implica deseñar formatos e presentacións que se adapten mellor ás necesidades reais da clientela, atopando o equilibrio entre a cantidade —para previr o desperdicio alimentario— e os envases. Así mesmo, aproveitar subprodutos e excedentes da produción para elaborar novos alimentos ou darlles outros usos permite sacar o máximo partido aos recursos dispoñibles.

En Gadis apostamos por unha cadea de suministro máis eficiente e sostible
En Gadis, entendemos a economía circular como un compromiso transversal que comeza moito antes de que un produto chegue aos lineais do supermercado. A selección de provedores e provedoras, a orixe das materias primas, o transporte, o almacenamento, a xestión dos envases e a comercialización forman parte dunha mesma cadea de valor en la que cada decisión ten consecuencias ambientais e sociais.
Neste sentido, situamos o traballo conxunto coas nosas provedoras e provedores como piar fundamental. En primeiro lugar, apostamos por provedoras e provedores locais e de proximidade, establecendo relacións a longo prazo, o que contribúe a que poidan realizar investimentos para desenvolver solucións máis sostibles nos seus procesos, proporciona aos seus produtos acceso ao mercado e apoia a modernización sostible dos seus negocios. Grazas a este compromiso, axudamos a fortalecer a economía da nosa contorna, favorecemos ao tecido empresarial local, e reducimos as necesidades de transporte.
Outro ámbito prioritario é a loxística. En Gadis contamos cunha sólida infraestrutura loxística, deseñada para optimizar tempos e recursos. Para facilitar a distribución, dispoñemos de dous centros loxísticos principais, situados en Betanzos e Medina del Campo, aos que se suman as nosas plataformas de produto fresco. Así mesmo, para xestionar correctamente os peixes e mariscos, as lonxas da Coruña e Vigo e o centro de redistribución en Valladolid desempeñan un papel fundamental. A nosa flota de operacións supera os 240 vehículos e a nosa estratexia de optimización de roteiros de transporte coa utilización de sistemas de distribución máis eficientes é clave na redución do consumo de combustible e das emisións asociadas.

Alén do impacto directo do transporte dos produtos, en Gadis poñemos o foco nas embalaxes que nos permiten mover mercancía desde os centros loxísticos ata os supermercados de Galicia e Castela e León. Co obxectivo de aplicar unha premisa de economía circular —diminuír o volume de residuos e aproveitar mellor os recursos—, priorizamos as embalaxes recicladas e sostibles. Para iso, o noso sistema interno de loxística inversa co que clasificamos e reciclamos envases e embalaxes permítenos valorizar estes residuos e introducilos de novo na cadea de valor. Movemos a mercancía en caixas de cartón que proveñen do noso sistema de loxística inversa e tamén las utilizamos nos envíos a domicilio.
O impacto positivo da economía circular na cadena de suministro
En Gadis incorporamos os principios de circularidade como base na nosa estratexia de negocio porque sabemos que é necesario implementar esta premisa de forma transversal na compañía, pero tamén de forma estratéxica en cada pata do negocio. Apostamos pola economía circular na cadea de subministración para construír un modelo de negocio preparado para o futuro, capaz de xerar oportunidades e responder os desafíos ambientais e sociais actuais.
Este impacto tradúcese nunha contorna máis coidada, unha economía local máis resiliente, relacións de confianza con provedores e provedoras, e unha sociedade máis comprometida co consumo responsable. En Gadis integramos a sustentabilidade en toda a nosa cadea de valor e traballamos para xerar valor compartido, co obxectivo de construír un futuro máis sostible e próspero para todos os axentes implicados.

Así, achegámonos á consecución das metas dos ODS 12. Produción e consumo responsables, ODS 13. Acción polo clima e ODS 17. Alianzas para lograr obxectivos.
OUTRAS INICIATIVAS
O noso compromiso co benestar animal: Alimenta a Amiza...
O noso compromiso co benestar animal: Alimenta a Amizade 2026
Agricultura rexenerativa. Os produtos que cuidan o cha...
Agricultura rexenerativa. Os produtos que cuidan o chan.