Como funciona a cadea de valor de Gadis?
14 XANEIRO, 2026
A cadea de valor da alimentación abarca varias etapas, desde a orixe ata que o alimento chega ás persoas consumidoras. Todas estas fases, que transitan o abastecemento, o almacenamento, a transformación, a distribución e loxística, e xusto antes do consumo, a comercialización e venda final, son pasos imprescindibles do proceso que permiten que as persoas poidan acudir aos nosos supermercados a realizar a súa compra.
En Gadis, apostamos por unha cadea de valor sostible e eficaz, na que os provedores e provedoras locais constitúen unha parte fundamental e na que priorizamos o produto fresco, de tempada e de proximidade, xunto a un sistema loxístico eficaz e sostible, para reducir o impacto ambiental na contorna e contribuír á dinamización económica de Galicia e Castela e León.
Como funciona a cadea de valor de Gadis?
A cadea de valor de Gadis empeza nas explotacións gandeiras e agrícolas de Galicia e Castela e León, así como nas lonxas dos diferentes portos galegos. Unha vez realizado o abastecemento da materia prima local, de tempada e de calidade, achégase a varias infraestruturas clave para Gadis: Pescarmar, Mercaverde e os centros loxísticos.
Pescarmar encárgase da selección, compra e xestión de peixes e mariscos. Conta con dúas grandes plataformas de peixe situadas no porto de Vigo e a recentemente inaugurada no porto da Coruña. Neste proceso tamén é imprescindible o centro de redistribución de peixe de Valladolid, que permite garantir que a nosa clientela de Castela e León reciba o mellor peixe e marisco fresco para os seus fogares.
Á súa vez, Mercaverde é o centro onde se ordena e clasifica a froita, verdura e hortalizas que veñen directamente dos campos e cultivos das provedoras e provedores galegos e castelán leoneses para a súa distribución a todos os puntos de venda de Gadis. O centro conta cunha liña automatizada, clave para realizar un traballo eficiente e en tempo récord, que asegura que os produtos cheguen aos supermercados aínda frescos e no punto correcto de maduración. Estas automatizacións minimizan os riscos laborais do noso persoal e reducen o impacto negativo na contorna.
Pola súa banda, os centros loxísticos de Piadela (Galicia) e Medina del Campo (Castela e León) son pezas fundamentais na cadea de valor de Gadis, pois garanten a xestión e distribución eficaz dos produtos, con localizacións estratéxicas, unha tecnoloxía punteira e un equipo de traballo profesional que optimiza os tempos de entrega e a xestión efectiva dos alimentos. Traballamos cun sistema de xestión por radiofrecuencia que nos permite aproveitar os recursos dispoñibles á vez que minimizamos o desperdicio alimentario.
Sistema loxístico eficaz e sostible
O noso compromiso coa economía circular e co impacto ambiental levounos a deseñar un sistema loxístico eficaz e sostible que nos permite achegar os produtos de proximidade no menor tempo posible aos puntos de venda, garantindo a súa frescura e óptima maduración.
(1)1768808417738.jpg)
Contamos cunha moderna frota de 240 vehículos propios de carácter diverso en capacidade e volume, entre os que tamén se inclúen vehículos frigoríficos, que conseguen que sexamos altamente eficientes na xestión e o deseño de rutas, cargas e stock. O sistema deseñouse segundo criterios de sostibilidade e eficiencia, para asegurar a distribución óptima do produto fresco e de calidade e manter o compromiso coa nosa clientela, tanto nas urbes como nas zonas rurais.
Rastrexabilidade, produto fresco e de proximidade
Traballar con provedores e provedoras locais garante a rastrexabilidade e a orixe dos produtos, así como estudar as súas características e calidades e realizar o seguimento dos mesmos. Sabemos que a nosa clientela vén a Gadis en busca de produto fresco e de calidade. Por iso, poñemos especial atención en asegurar a rastrexabilidade dos produtos de peixaría, carnicería e froitería desde a orixe ata o supermercado Gadis de referencia. Grazas ao noso sistema de loxística eficaz, realizamos unha distribución diaria que mantén o abastecemento de produtos frescos nos nosos lineais.
Mentres os provedores e provedoras locais de Galicia e Castela e León cultivan e producen alimentos de calidade, en Gadis xestionamos a súa distribución e venda para fomentar a produción sostible e contribuír ao desenvolvemento e crecemento económico das empresas e profesionais do territorio.
A cadea de valor que deseñamos está baseada na sostibilidade, eficacia e proximidade, e permítenos achegar produtos frescos e de calidade aos fogares da nosa clientela, minimizando o impacto no medio ambiente e aportando á economía local. Para iso, as nosas infraestruturas claves -Pescarmar, Mercaverde e os centros loxísticos de Piadela e Medina del Campo-, a nosa frota de vehículos e o noso equipo de traballo convértense en piares estratéxicos na nosa contribución ás metas dos ODS 7. Enerxía alcanzable e non contaminante, ODS 8. Traballo decente e crecemento económico, ODS 9. Industria, innovación e infraestrutura e o ODS 12. Produción e consumo responsables.
OUTRAS INICIATIVAS
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado...
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao car...
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra