Celebramos as Letras Galegas 2026
14 MAIO, 2026
En 2026, as Letras Galegas homenaxean á xornalista, escritora, activista e feminista viguesa Begoña Caamaño Rascado, unha voz excepcional da narrativa galega contemporánea. Un ano mais, Gadis súmase ás celebracións e á homenaxe da lingua e a cultura galega como insignia imprescindible da nosa identidade colectiva e dos lazos de unión que promove a tradición compartida. Por iso, mantemos un compromiso firme coas Letras Galegas, difundindo o traballo de autoras e autores galegos en diferentes formatos. Nos últimos vinte anos, editamos e distribuímos 430.000 exemplares de diferentes publicacións, entre as que destacamos as nosas últimas iniciativas:
- Foliada!: unha homenaxe a Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos e ás Pandeireteiras de Mens (Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda), que personificou a poesía popular oral na edición de 2025 das Letras Galegas.
- Flores e Letras: un caderno de actividades e xogos ao redor da literatura e a cultura galega, cunha mirada retrospectiva ao traballo e á figura de Luisa Villalta, publicado con motivo do Día das Letras Galegas de 2024.
- Tirabeque: un fanzine editado para conmemorar o Dïa das Letras Galegas de 2023 con autoras e autores relevantes do cómic e a ilustración de Galicia como Manel Cráneo, Cuchiflainas, Julia Lago, Le Petit Patito ou Pepa Prieto Puy.
Contribuír á dinamización cultural das comunidades nas que operamos é unha das principais liñas de acción da nosa estratexia de Responsabilidade Social Corporativa, na que máis do 30% das iniciativas están vinculadas á cultura. Fomentando a lectura e a creación literaria de obras en galego facilitamos a difusión e a posta en valor do traballo artístico e literario das creadoras e dos creadores da nosa comunidade.
Quen foi Begoña Caamaño?
Begoña Caamaño entendía a cultura como algo vivo, que se cuestiona e se reescribe, apelando á reivindicación e á mobilización por causas xustas, centrando as súas reflexións e achegas no debate entre a xustiza, a ética, os dereitos e as opresións.
Gran parte da súa vida e traxectoria profesional estivo vinculada ao xornalismo radiofónico, en particular á Radio Galega, onde dirixiu e presentou multitude de programas, formou parte da redacción central, foi membro do seu comité de empresa e presidiu o Comité Interempresas da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). Trátase dunha voz referente na narrativa en galego con obras de ficción como Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). Tamén colaborou en revistas feministas e antimilitaristas galegas.
En palabras de Ana Romaní, Begoña Caamaño representa “unha literatura para a ética, para o movemento, para nos dar ás e instrumentos para o pensamento crítico e para a liberdade.”
Desde Gadis, gustaríanos recomendar o documental 'Begoña Caamaño: navegar non pracer do azul' | O documental das Letras Galegas 2026, dirixido por Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez e impulsado pola Real Academia Galega, que se pode ver en aberto.
1778828868622.jpg)
Celebra as Letras Galegas con “Lenzos, as letras en cor”
Para celebrar a figura de Begoña Caamaño e a súa extensa contribución á cultura galega, en Gadis publicamos Lenzos, as letras en cor, un caderno ilustrado inspirado nas súas obras Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul. Esta publicación reinterpreta o universo literario da escritora e xornalista viguesa, quen ofreceu unha perspectiva contemporánea e transformadora sobre mitos clásicos da literatura, dándolle voz a mulleres que, ata o momento, foran situadas nas marxes. Cada páxina da publicación é un lenzo para que, a través das cores, póidanse imaxinar historias e territorios inspirados no traballo da autora.
O próximo 16 de maio, repartiremos 30.000 exemplares de Lenzos, as letras en cor nos supermercados Gadis de Galicia, así como 40.000 marcapáxinas e 40.000 bolsas de papel reciclado con deseños especiais conmemorativos das Letras Galegas.
Ademais, xa podes atopar na nosa web gadisletrasgalegas.gal a versión en dixital da publicación con opción de descarga gratuíta para que poidas deixar voar a túa imaxinación con esta proposta inspirada na obra e figura de Begoña Caamaño.
O impacto positivo de celebrar as Letras Galegas
A lingua e a cultura galega son unha parte inherente do modelo de negocio de Gadis. Traballamos coas nosas comunidades locais para ofrecer os mellores produtos, contribuír ao seu desenvolvemento socioeconómico e axudar a fortalecer a industria da alimentación e distribución no contexto galego e castelán leonés. A través da nosa estratexia de Responsabilidade Social Corporativa, apostamos por visibilizar e impulsar iniciativas que poñan en valor a cultura destes territorios e que homenaxeen ás súas autoras e autores.
O noso compromiso coa celebración das Letras Galegas ten un longo percorrido e, nas últimas dúas décadas, levounos a editar e publicar 430.000 exemplares de traballos únicos, creados especificamente para visibilizar e poñer en valor a aquelas autoras e autores homenaxeados nesta data tan importante para a nosa comunidade.
(1)1778832657686.png)
Con esta e outras iniciativas de apoio ao tecido cultural do territorio, apoiamos a consecución dos ODS 4. Educación de calidade, ODS 10. Redución das desigualdades e ODS 17. Alianzas para lograr obxectivos.
OUTRAS INICIATIVAS
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado...
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao car...
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra