Alimentación consciente
25 FEBREIRO, 2026
A alimentación consciente ou mindful eating convídanos a buscar estar presentes mentres comemos e a escoitar ao noso corpo durante a experiencia gastronómica, poñendo a atención e intención plena na acción de alimentarnos. Deste xeito, conectarnos coas nosas emocións, sentidos, pensamentos e sensacións físicas durante as comidas, sentindo de forma consciente o acto de comer.
O século XXI supuxo un gran cambio debido á exposición constante a estímulos e un ritmo de vida acelerado. Isto tamén afecta aos nosos hábitos de saúde e alimentación, que, de xeito recorrente, quedan nun segundo plano e pasan a ser unha tarefa máis entre as nosas múltiples responsabilidades. A alimentación consciente enfróntase a estes estímulos e propón liberar a hora da comida de distraccións: móbiles fóra da mesa, sen televisores acesos, evitando as présas, buscando un espazo agradable onde sentarnos e, finalmente, gozando da experiencia de alimentarnos.
(1)1772191837684.jpg)
O obxectivo? Axudar ás persoas para desfrutar do acto de comer a través dunha presenza e intención plena que incorpora todos os sentidos, pensamentos, sensacións físicas e emocións á experiencia.
Por que é importante a alimentación consciente?
A alimentación consciente é importante porque ten multitude de beneficios para a saúde e porque nos axuda a alimentarnos en función do que necesita o noso corpo. Ao centrarnos no acto de comer, escoitamos ao noso corpo e aprendemos a diferenza entre a fame física e emocional. É imprescindible atender ás sensacións que experimentamos antes, durante e despois de comer para entender as necesidades do noso organismo, os momentos de saciedade, as porcións que son correctas e mesmo para identificar que alimentos nos sentan mellor ou peor.
Na alimentación consciente, cada persoa elixe que comer e canto consumir, polo que non resulta sorprendente que se consiga comer cantidades axeitadas, se desfrute máis da comida e se prioricen alimentos saudables. Trátase dunha ferramenta flexible, que se adapta ás necesidades, aos ritmos, aos diferentes contextos culturais e aos intereses de cada persoa, implicando todos os sentidos, as emocións e as sensacións individuais.
A alimentación consciente convértese, polo tanto, nun xesto de autocuidado, que nos permite coñecer mellor o noso corpo e as súas necesidades, priorizar alimentos que nos sentan mellor, comer a cantidade axeitada, gozar da experiencia e identificar posibles condutas alimentarias que están a afectar á nosa saúde. Non é unha dieta, nin nos obriga a restrinxir alimentos. Simplemente proponnos liberarnos de culpas e estar presentes e implicados durante as comidas.
Que beneficios ten a alimentación consciente?
A alimentación consciente é un hábito de vida saudable que nos axuda a:
- Comer as cantidades axeitadas e necesarias para cada persoa, o que contribuirá a evitar atracóns ou dietas restritivas.
- Priorizar unha dieta equilibrada. Se se coñecen as necesidades do organismo, poderáselle dar o que necesita. As decisións estarán baseadas nunha escoita activa do corpo.
- Mellorar as dixestións. Unha alimentación consciente convida a baixar o ritmo, mastigar máis os alimentos e saborear cada dentada. Así, o estómago traballará menos e facilitarase a absorción de nutrientes.
- Mellorar o benestar psicolóxico reducindo o estrés e a ansiedade. Comer conscientemente e sen culpa permite gozar da alimentación desde o momento presente. Baixar o ritmo e concentrar a atención nos alimentos durante as comidas tamén brinda un momento de calma que contribúe a regular os niveis de estrés e ansiedade.
- Gozar das comidas. Alimentámonos varias veces ao día, facelo de forma consciente e conseguir gozar diso permítenos xerar unha experiencia positiva que beneficia á nosa saúde física e emocional.
Como podemos implementar unha alimentación consciente no noso día a día?
A continuación recollemos algúns consellos para incorporar unha alimentación consciente á túa lista de hábitos saudables:
- Reserva un tempo para comer desde a calma, sen présas. Dedícalle un tempo de calidade a comer. Prioriza esta acción aínda que teñas un día con moitas tarefas. Resérvao como o teu momento de calma e non te aceleres.
- Eliminar estímulos para estar presente. Evita estar pendente do teu teléfono, vendo a tele, ou calquera outro estímulo que poida retirar a túa atención do momento presente. Pon o foco no que estás a comer.
- Come nunha contorna agradable. Evita comer de pé. Busca un sitio para sentarte que sexa agradable, idealmente luminoso e cómodo. Comer con familiares ou amizades beneficia a experiencia no plano emocional. Se podes, come con compañía.
- Mastiga a comida e come amodo. Conecta todos os sentidos, saborea, mastiga e sente as texturas de cada alimento. Entre bocado e bocado, podes deixar os cubertos na mesa para saborear e manter un ritmo pausado.
- Escoita ao teu corpo. Atende ás sensacións de apetito e saciedade. Estás a comer porque cho marca un reloxo ou realmente tes fame? Busca o equilibrio entre o que che pide o teu corpo e o que podes ofrecerlle nese momento.
(3)1772192060011.png)
En Gadis acompañamos ás persoas que deciden realizar unha alimentación consciente, ofrecendo unha ampla variedade de produtos nos nosos supermercados. Comer sen culpa, escoitar as necesidades do corpo, non levar unha alimentación restritiva e estar presentes mentres comemos xera múltiples beneficios para a saúde física e emocional. Priorizando hábitos de alimentación saudables e, en particular, unha alimentación consciente, contribuímos ás metas do ODS 3. Saúde e benestar.
OUTRAS INICIATIVAS
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado...
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao car...
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra