Agasallos con impacto social
17 DECEMBRO, 2025
Agasallar algo a outra persoa é un acto de xenerosidade e atención, unha forma de comunicar a importancia desa conexión persoal e de achegar un valor simbólico ao vínculo que as une. En momentos de celebración, de boas novas, de festividades, de éxitos, ou simplemente como xesto de agarimo, optamos por buscar un obsequio para expresar esa alegría compartida.
Facer e recibir agasallos é algo que nos emociona, pero non debemos esquecer que ten un impacto directo na contorna. Do mesmo xeito que a compra de proximidade e de produtos frescos ou de orixe ecolóxica é unha prioridade nos nosos hábitos alimentarios, tamén debemos traducir estas estratexias na compra doutros produtos para agasallo, priorizando a orixe local, os materiais sostibles, as opcións de segunda man ou aquelas que fomentan a inserción laboral e que garanten unha produción con condicións laborais dignas.
Con esta publicación queremos animarte a que, cando busques agasallos, teñas en conta aspectos que poidan xerar un impacto positivo no medio ambiente pero, sobre todo, na túa comunidade local. Os agasallos con impacto social son aqueles elaborados no marco de iniciativas que favorecen a inclusión de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, xerando oportunidades de emprego dignas para estas persoas. Así, mentres agasallamos un produto útil e creado de forma sostible, mantemos tamén un compromiso co planeta.
A nosa aposta polos agasallos con impacto social
En Gadis poñemos ás persoas no centro e asumimos compromisos con iniciativas que priorizan o coidado das persoas, do medio ambiente, da biodiversidade e do consumo responsable. Neste sentido, hai tempo que establecemos compromisos con entidades do terceiro sector para favorecer a inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, para a creación de obsequios que utilizamos en diferentes iniciativas:
- Elaboración das canastillas Bebé Gadis co Centro Pai Menni de Irmás Hospitalarias de Betanzos. Bebé Gadis, a iniciativa que busca acompañar ás familias que tiveron un bebé en Galicia e Castela e León. Ademais de compartir consellos, información avalada por pediatras, receitas ou sorteos que se poden atopar na nosa web, tamén se pode solicitar a mochila Bebé Gadis. Un obsequio que preparamos, desde hai máis dunha década, no obradoiro ocupacional do Centro Pai Menni, no que traballan persoas con discapacidade intelectual como etapa preparatoria para unha futura inserción laboral.
Esta experiencia contribúe á aprendizaxe de habilidades prácticas e á mellora do seu desenvolvemento de habilidades manuais, cognitivas e sociais, da súa autonomía e da súa confianza. Ademais, contribúe de forma significativa na súa inclusión social e multiplica as súas oportunidades para atopar un emprego a longo prazo.
- Colaboración coa Fundación ADCOR, unha organización sen ánimo de lucro que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida de adultos en situación de dependencia. No seu obradoiro ocupacional, as persoas usuarias elaboran diferentes produtos para favorecer a adquisición de rutinas e tarefas específicas, o adestramento de competencias e habilidades útiles, xerar un vínculo emocional coas súas compañeiras e compañeiros de obradoiro e mellorar a súa empregabilidade. Un dos seus produtos máis icónicos son as bolsas sostibles que elaboran con lonas recicladas e que podedes atopar á venda nalgúns dos supermercados Gadis da área da Coruña.
Ademais, a Fundación ADCOR é protagonista do noso tradicional mercado do Nadal onde as persoas traballadoras da sede central en Betanzos poden adquirir produtos solidarios elaborados nos obradoiros ocupacionais da organización que poden ser agasallos para estas festas.
O impacto positivo dos agasallos con impacto
Elixir un agasallo con impacto implica xerar unha experiencia significativa e con capacidade de transformación. Apoiar á economía social e contribuír á dinamización económica local reforza a igualdade de oportunidades e a creación de comunidades resilientes, inclusivas e sostibles. Fomentar un consumo responsable que non xere un efecto negativo no medio é unha responsabilidade colectiva e pasa por comprometernos co comercio local, coas iniciativas que contribúen á inclusión social e coa compra consciente e responsable.
Desde Gadis, colaboramos con entidades do terceiro sector que priorizan a inclusión socio-laboral de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social porque queremos comunidades diversas e equitativas, onde a inclusión sexa real e onde se xeren oportunidades para todas as persoas.
Nesta tempada de festas e reencontros é recomendable que reflexiones antes de mercar un agasallo, que analices se hai unha versión similar de orixe local, que apoia iniciativas con capacidade de cambio, máis sostibles ou que achegan un valor positivo engadido á contorna, á empresa ou organización que os produce e ás persoas usuarias.
Priorizando a compra de agasallos con impacto contribuímos aos ODS 8. Traballo decente e crecemento económico, ODS 9. Industria, innovación e infraestrutura, ODS 10. Redución das desigualdades, ODS 11. Cidades e comunidades sostibles, ODS 12. Produción e consumo responsables e ODS 17. Alianzas para lograr obxectivos.
OUTRAS INICIATIVAS
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado...
Km 0. Como identificar produtos locais no supermercado.
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Muller rural: tradición, calidade e innovación
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao car...
Alimentación saudable para a familia: da teoría ao carro da compra