
Propiedades do cacao: ¿é bo ou é malo?
O cacao é un froito que procede da árbore do mesmo nome e que é oriúnda de América. Un alimento que tanto os maias coma os incas e os aztecas empregaban con fins nutricionais e médicos. Pero, sabes cales son as propiedades do cacao? Vexamos, a continuación, as máis interesantes.
O cacao é o compoñente básico do chocolate. De feito, para elaborar este último o que se empregan son as sementes do cacao, das que se obteñen tamén a pasta de cacao e a manteiga de cacao. Todo isto fai que o cacao sexa un dos produtos máis universais e máis consumidos en todo o mundo.
Propiedades do cacao
O cacao é un alimento que posúe numerosos beneficios para a saúde. Para gozar das súas propiedades, e como veremos máis adiante, o máis recomendable é consumir unhas dúas culleradas de cacao en po ao día ou uns 30 – 40 gramos de chocolate negro ( 2 onzas aproximadamente).
Estas son algunhas das propiedades do cacao máis coñecidas e interesantes.
Axuda a regular o colesterol
O cacao contén teobromina e flavonoides que contribúen a aumentar os índices de colesterol bo, encargado de limpar as arterias. Neste sentido, o chocolate negro, que posúe unha alta porcentaxe de cacao, é o máis beneficioso, grazas sobre todo á gran cantidade de antioxidantes cos que conta.
Todos estes elementos reducen tamén a resistencia á insulina, un factor de risco clave para moitas enfermidades cardíacas e a diabetes.
Regula a presión arterial
Moi relacionado coa propiedade anterior, hai que dicir que o cacao é un alimento que reduce a presión arterial. Isto conségueo influíndo na produción de óxido nítrico, un elemento co que melloran os vasos sanguíneos.
Por iso adóitase dicir que os alimentos ricos en cacao son moi beneficiosos para o sistema cardiovascular. En resumo, o cacao natural axuda a previr e a reducir a tensión arterial alta.
Prevén a anemia
Unha das propiedades do cacao máis coñecidas é a súa capacidade de previr a anemia. Sen ir máis lonxe, o chocolate negro é rico en ferro. Un anaco de chocolate achega ao teu organismo ata 5 mg de ferro, un mineral fundamental para combater a anemia.
O ferro é, ademais, un nutriente esencial para transportar todo o osíxeno polo corpo e mellorar a calidade do sangue. Por tanto, axuda tamén a reducir a fatiga, o estres e as enfermidades asociadas coa anemia.
Regula o tránsito intestinal
Un recente estudo determinou que os compoñentes do cacao favorecen o crecemento de bacterias intestinais beneficiosas e reducen a presenza das máis daniñas. Unha mellora que se multiplica entre aquelas persoas que padecen de diabetes.
Doutra banda, os metabolitos do cacao promoven a saúde intestinal e regulan o tránsito. A dose recomendada de cacao para que sexa beneficioso para o intestino é de 10 a 30 gramos ao día.
Propiedades antiinflamatorias
Outra das propiedades do cacao que máis se coñecen teñen que ver coa súa axuda para diminuír a inflamación. Anteriormente xa comentamos que o cacao é un alimento rico en antioxidantes. Por tanto, é capaz de reducir o dano celular que provocan os radicais libres e a inflamación.
Á súa vez, o cacao posibilita que haxa unha menor cantidade de proteína C reactiva no sangue, un dos máis claros indicadores da presenza de inflamación no corpo.
Cacao puro ou en po?
Falamos de cacao puro cando está feito con grans de cacao tostado sen o engadido de leite ou outros ingredientes. A súa principal diferenza con respecto ao cacao en po é que este se produce a menor temperatura, polo que é capaz de manter máis minerais e flavonoides durante a súa produción. Por tanto, en certa medida, o cacao en po é máis beneficioso.
Con todo, e para aproveitar cada unha das propiedades do cacao, en todos os casos é moi importante que o consumo sexa moderado. Recoméndanse unha ou dúas onzas de chocolate negro ao día para así aproveitar todos os seus beneficios. Fai xa a túa compra no teu supermercado Gadis máis próximo!