Viaxes de fin de semana sustentables

Superada xa a temida costa de xaneiro, quizá esteas pensando en realizar algunha escapada de fin de semana. Este ano as vacacións de Semana Santa son tardías e seguro que che apetece desconectar e relaxarte un par de días sen ter que ocuparte das tarefas e as rutinas cotiás. En Gadis cremos que, se hai algo que non debería faltar na túa equipaxe, é o compromiso co coidado do medio ambiente. As prácticas sustentables non deberían tomarse vacacións, non crees? Que che parece optar por unha viaxe sustentable?

Turismo sustentable

Oíches falar do turismo sustentable? É unha tendencia en alza, e cada vez son máis os que se suman a esta nova forma de viaxar. Segundo a Organización Mundial do Turismo (OMT), o turismo sustentable é aquel que ten en conta o impacto que xera na contorna e nas comunidades de destino, e que trata de paliar os efectos negativos propios do turismo convencional. É dicir, segue os principios de sustentabilidade, minimizando a pegada sobre o medio ambiente e a cultura local, á vez que contribúe a xerar ingresos e emprego para a poboación autóctona. Implica, xa que logo, sustentabilidade económica, sociocultural e ambiental.

Tal é a súa importancia que, en 2017, as Nacións Unidas celebraron o ano internacional do Turismo Sustentable para o Desenvolvemento coa intención de concienciar a institucións, empresas e poboación en xeral sobre a súa importancia e os seus beneficios:

  • Redución do impacto ambiental do sector, respectando e favorecendo a conservación dos recursos naturais e culturais, así como da diversidade biolóxica.
  • Fomento do consumo responsable.
  • Implantación dun modelo de desenvolvemento respectuoso co medio ambiente.
  • Mellora do aproveitamento dos recursos locais.
  • Fomento do respecto polos valores e as culturas locais.
  • Desenvolvemento económico e xeración do emprego.

Como planear unha viaxe sustentable de fin de semana?

Unha viaxe de fin de semana é unha boa oportunidade para apostar polo turismo de proximidade, xa que che permitirá optimizar o tempo e sacarlle o máximo partido á túa estancia ao evitar desprazamentos longos. Busca algún destino próximo acorde coas túas preferencias e coas características da viaxe que planeas. Que máis aspectos deberías ter en conta para garantir a sustentabilidade da túa viaxe?

  • Medios de transporte. O ideal sería que utilizases un medio de transporte público para chegar ao teu destino, pero sabemos que non sempre é posible. De non poder evitar o uso do teu vehículo privado ou do avión, é importante que, unha vez alí, trates de desprazarte a pé ou nun transporte de cero emisións como pode ser a bicicleta ou algúns autobuses urbanos.
  • Aloxamento. Cada vez hai máis establecementos hoteleiros que, aínda non sendo deseñados para iso, están tomando medidas para cumprir cos requisitos de sustentabilidade. Teñen en conta factores como a xestión eficiente de recursos, o consumo enerxético, a separación de residuos, o respecto pola cultura e a biodiversidade da contorna, o desenvolvemento social ou a orixe dos produtos que consumen, por exemplo.
  • Actividades. No que respecta á gastronomía, opta por locais que ofrezan produtos de tempada e de proximidade ou por aqueles que teñan iniciativas en marcha para compensar a súa pegada de carbono. Para o lecer, trata de mergullarte nos costumes e tradicións da zona. Proba a consultar a axenda de eventos antes de viaxar.
  • Compras. Aposta polo comercio local e a artesanía. Non hai mellor xeito de apoiar a sustentabilidade medioambiental, económica e sociocultural.

Trátase de conectar co entorno, entendelo e minimizar ao máximo o impacto da túa visita.

Algunhas ideas para unha viaxe sustentable de fin de semana

Ás veces, viaxamos grandes distancias sen darnos conta de que non é necesario percorrer tantos quilómetros para atopar o destino perfecto. Por iso, queremos propoñerte tres escapadas de soño en Galicia e Castela e León

A Ribeira Sacra
Na fronteira entre Ourense e Lugo, atoparás unha paisaxe natural espectacular grazas aos canóns do Sil e os viñedos situados en balcóns que miran ao río. A súa oferta de actividades é moi ampla: plans de agroturismo ecolóxico, rutas de sendeirismo, paseos en kayak, catas de viño nalgunha das bodegas da zona ou visitas a igrexas, monasterios e casa reitorais. Atoparás tamén distintos tipos de aloxamento, entre eles, casas sustentables. De feito, en Parada do Sil, rehabilitouse unha antiga casa reitoral (Reitoral de Chandrexa) seguindo directrices de bioconstrucción para respectar o medio ambiente, na que tamén poderás degustar produtos biolóxicos, artesáns e naturais procedentes da propia leira.

Baiona
Baiona tamén forma parte do top 100 de destinos elixidos por Green Destinations o pasado ano. É unha vila afastada do turismo masivo, pese a que as temperaturas son suaves durante todo o ano. Os seus portos pesqueiros pintorescos e as súas amplas praias delimitadas por bosques de piñeiros confírenlle un encanto especial. Con todo, a razón pola que se converteu nun destino sustentable foi a creación do espazo mariño protexido de Rías Baixas e a recuperación de praias e dunas que está levando a cabo. A localidade aposta polo turismo de calidade e é pioneira en praias sen fume (nin cabichas) e na adaptación dos seus recursos a viaxeiros con discapacidades físicas ou mentais.

Urueña
Urueña, na provincia de Valladolid, atópase a escasos 50 quilómetros da capital de provincia. É unha vila amurallada onde se atoparon restos romanos do século I a.C., pero sen dúbida o que máis chama a súa atención é o encanto bohemio desta vila medieval. Ademais de pasear polas súas estreitas rúas e murallas ou tomarte un café nos seus acolledores locais, poderás visitar a Fundación Joaquín Díaz sobre o patrimonio da zona. Urueña é unha das vilas medievais mellor conservadas e máis descoñecidas, apúntaste a unha escapada sustentable?

Estas opcións son próximas e asequibles para pasar unha fin de semana de desconexión e relax, pero hai moitas máis. Porque, á fin e ao cabo, a sustentabilidade é unha actitude e está nas túas mans que as túas viaxes sexan sustentables.

Deja un comentario