Tempada primaveira-verán

Que ganas tiñamos de escribir este artigo! A razón? Poder darlle a benvida á florida primavera dunha vez 😊 Despedimos ao frío inverno e mergullámonos na tempada da cor e a calor. E que alimentos nos trae este novo semestre? Pasemos ver.

Alimentos de tempada.

Xa sabedes que somos moi fans das opcións que nos ofrece a nai terra mentres completa a súa volta ao sol. Á fin e ao cabo, é unha verdadeira delicia esperar case todo un ano para gozar dun alimento concreto. Ese sabor tan auténtico despois de tantos meses sen probalo…  mmmmm, marabilloso!
Os alemáns reflicten ben o seu gusto polos produtos locais. Valoran a compra do local e de tempada e celébrana con todo tipo de feiras ao longo do país. Un dos momentos máis esperados é a temporada de “spargelzeit”, espárragos! En plena primavera. Ata teñen concursos de beleza para ostentar o título de “miss espárrago”… imaxinades algo así nas festas gastronómicas dos nosos percebes ou grelos?

As tempadas en Galicia e Castela e León.

Unha das razóns polas que en Alemaña acontece isto é porque, alí, as estacións son moi marcadas. Pero, aquí, no noroeste peninsular, as nosas temperaturas favorecen tempos de cultivo máis longos. E xa non digamos no sur de España, a auténtica despensa de froitas e verduras de Europa!
Por esta razón, en Galicia e Castela e León falamos mellor de dúas grandes tempadas. Outono-inverno e primavera-verán. Desta maneira creamos o noso calendario de froitas e verduras. Para facelo inspirámonos no calendario da Organización de Consumidores e Usuarios e do Organización de Consumidores e Usuarios. Con todo, adaptámolo á nosa realidade grazas á información que os nosos provedores locais nos pasan 😉
Pescados de tempada.
Quen son as estrelas marítimas desta tempada? Pois aquelas  ás que lles gusta o sol e a calor para estar no seu máximo esplendor.
Unha destas incorporacións que esperamos con gañas, é a xarda. En xeral os peixes azuis están no seu punto óptimo na primavera-verán. Pensemos tamén nas saborosas sardiñas do verán. A robaliza non queda atrás en canto a protagonismo. Unha curiosidade deste peixe é que durante o resto do ano considéraselle branco, pero nesta época azul. Isto débese a que acumula máis graxa de abril a setembro.
Lembremos que os peixes azuis conteñen fantásticos niveis de graxas saudables como o omega 3. Aquí vos deixamos un artigo da Fundación Española do Corazón que o explica con detemento.

Froitas de tempada.

As froitas de óso son as protagonistas do verán. Pero antes, os  marabillosos froitos silvestres fan aparición.
Amorodos! Vermellas e saborosas. Ideais para deixar macerar un pouquiño en zume de laranxa con mel. Unha sobremesa  nutritiva e deliciosa.
Framboesas ou arándoos. Froitos especialmente indicados para quen quere manter os niveis de glicosa baixos. Ademais, están cheos de antioxidantes. Ideais para engadir ao muesli polas mañás ou a un iogur natural.
Nésperas, albaricoques, pexegos, nectarinas…. Pertencen á familia das rosáceas e achegan unha chea de vitaminas e minerais ademais de  hidratación. Perfectos para as calores do verán. Con todo, convén saber que son froitas máis elevadas en azucres en comparación coas anteriores.

Verduras de tempada.

A verdura desta época é ideal para saborosas e refrescantes ensaladas.
Os tomates son sen dúbida o alimento máis esperado. A variedade de tomate negro de Santiago é unha das nosas xoias que estivo a piques de desaparecer. Grazas ao traballo de recuperación por parte do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo podemos gozar desta e outras variedades autóctonas que podedes consultar aquí.
Aínda que sen o fervor dos alemáns, os espárragos tamén nos acompañan na península.  Espárragos verdes frescos que feitos ao forno con chisco de sal e aceite son o mellor. Cogombros, cenorias, xudías, pementos, cabaciñas… por nomear algúns dos favoritos.
E para ti cal é o teu alimento máis esperado da primavera-verán? Cóntanos!

Deja un comentario