Mulleres que fixeron historia

En 1975, as Nacións Unidas institucionalizou o Día Internacional da Muller para conmemorar a súa loita pola igualdade nos distintos ámbitos da sociedade. Desde entón, experimentáronse avances, pero as mulleres seguen atopando obstáculos para lograr a igualdade. Se non se alcanza, non é posible unha sociedade xusta, pacífica e sustentable; así o demostra o feito de que se incluíu entre os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS 5) establecidos pola ONU na Axenda 2030.

A celebración deste Día é un bo momento para reflexionar sobre os avances logrados e para celebrar a valentía e a determinación das mulleres que fixeron historia nos seus países e comunidades. Desde Gadis queremos homenaxear a aquelas nadas en Galicia e Castela e León que desempeñaron un papel importante non só nas súas rexións, senón tamén a nivel internacional, aínda que, nalgúns casos, as súas fazañas apenas son coñecidas.

Mulleres que fixeron historia

Ao longo da historia, houbo mulleres que contribuíron ao progreso da sociedade desde a política, a ciencia, a educación e a literatura, entre outros campos. Con todo, moitos dos seus nomes habitan no esquecemento. Queremos presentarche algunhas desas precursoras e lembrar a traxectoria doutras que son máis coñecidas.

Escritoras de mil e unha historias

Sabías que a primeira escritora de toda a Hispania romana era de Gallaecia? Algúns sitúan a súa orixe na actual Galicia e outros na zona do Bierzo. Pouco se sabe de Exeria, pero os datos que se coñecen sobre ela suxiren que foi unha muller independente e audaz. Nada no século IV, antes de escritora, foi viaxeira e é considerada a primeira autora dun libro de viaxes. No ano 380 iniciou un longo periplo de peregrinación a Terra Santa, que recolleu con minuciosidade na súa obra Itinerarium ad Tola Sancta. Sen dúbida, unha experiencia nada común entre as mulleres da época.

Beatriz Bernal, autora valisoletana do s. XVI, foi a primeira muller que escribiu unha obra coa finalidade de que fose publicada, aínda que o fixo de forma anónima porque non figurou na edición e nin sequera solicitou ao seu nome a licenza de impresión. Tratábase dun libro de cabalerías titulado Cristalián de España, que saíu á luz en 1545 e gozou de fama entre os escritores da época.

Nunha data como esta, non podemos deixar de lembrar a Concepción Arenal. A que se pode considerar pioneira da defensa das mulleres en España naceu en Ferrol en 1820. Tivo que vestirse de home para poder asistir á universidade, unha pequena mostra da loita que emprendeu polos dereitos da muller. Preocupada polas inxustizas sociais de todo tipo, denunciounas a través de textos xornalísticos, cartas e ensaios, nos que tamén abordou o tema da igualdade.

Outra escritora ilustre foi Emilia Pardo Bazán. Nacida na Coruña en 1851, a escritora está considerada como unha das impulsoras do Naturalismo en España. Foi unha das impulsoras da defensa dos dereitos da muller e reivindicou o seu papel na actividade pública. A súa obra máis coñecida é a novela Os pazos de Ulloa (1886).

Outras mulleres precursoras nas súas profesións

Pero non so existiron mulleres pioneiras dedicadas ás letras e á literatura. Presentámosvos a outras profesionais que foron e son referentes:

  • A pontevedresa Isabel Barreto foi a primeira muller que ostentou o cargo de almirante na historia da navegación. Casada co aventureiro Álvaro de Mendaña, descubridor das illas Salomón, desempeñou un papel moi activo na expedición para colonizalas. Foi unha viaxe moi accidentada no que o seu marido e o seu irmán perderon a vida, obrigando a Isabel a asumir o mando. Converteuse na primeira navegante á fronte dunha expedición marítima, que arribou en Filipinas no ano 1596.

 

  • Isabel Zendal naceu en Ordes en 1771 e participou como enfermeira na Real Expedición Filántropica da Vacina organizada polo doutor Balmís para levar a vacina das vexigas aos territorios españois de ultramar. Foi a primeira enfermeira en misión internacional, a única muller naquel barco e un dos seus activos máis importantes. Tal foi o seu papel que o premio máis importante de México para recoñecer a labor enfermeira leva o seu nome.

 

  • A pesar de ser unha das actrices e directoras teatrais máis recoñecidas do Século de Ouro, a valisoletana Jerónima de Burgos pasou á historia por ser unha das amantes de Lope de Vega. Non só estiveron vinculados persoalmente, senón que Jerónima protagonizou algúns dos personaxes das obras de Lope cando este converteuse no dramaturgo oficial da agrupación de Pedro de Valdés.

 

  • Celia Rivas, oriúnda de Fisterra, foi unha empresaria de éxito e a primeira muller camioneira de España. Co-fundadora, xunto ás súas irmás, da empresa Hijos de Joaquín Rivas, que se dedicaba á comercialización de peixe e marisco, é probablemente tamén a primeira muller europea que participou nun conflito bélico como transportista.

 

  • Durante a Guerra de Independencia, Valladolid tivo ás súas propias heroínas: Rosa Barreda “La Rosita” y Nicolasa Centeno “La Nicolasa”. As dúas, grazas ás súas relacións amorosas con dous xenerais franceses, conseguiron información crucial do inimigo que axudou aos soldados españois. Poden considerarse auténticas espías que colaboraron coa resistencia cidadá fronte aos invasores.

 

  • Nunha historia máis recente, a compostelá Verónica Boquete logrou destacar nun mundo eminentemente masculino. Quizá inspirada pola precursora Irene González, que se dedicou a este deporte a principios do século XX na Coruña, logrou converterse na mellor futbolista española e nunha das mellores do mundo. É todo un referente do deporte feminino e, entre os méritos que acredita, está o de ser a primeira campioa de Champions e a única española que foi candidata ao Balón de Ouro.

Esta é só unha pequena mostra das mulleres que fixeron historia dentro e fóra das nosas fronteiras. Poderiamos seguir ampliando a selección con nomes como os de Ángeles Alvariño, Sofía Casanova, Maruja Mallo, María Luz Morales, Elisa Patiño, Mª Teresa Íñigo de Toro ou as irmáns Touza. Todas elas mulleres que comparten o seu papel de pioneiras e que gañaron un lugar na historia. Sen dúbida, non son a única fonte de inspiración para nenas e novas. Coñeces algunha? Encantaríanos que nola presentases!

Deja un comentario