Merendas de verán para praia ou montaña

A merenda é a mellor maneira de repoñer enerxía para que, ao chegar a cea, non teñamos un apetito desmesurado e evitemos comer en exceso antes de deitarnos. No caso dos máis pequenos, é máis necesaria para que manteñan o ritmo da súa actividade, sobre todo nas tardes de verán nas que non hai descanso. Non oíches que a praia e a montaña dan fame? A auga, a area, a natureza… Todo convida a estar en movemento e non parar. Por iso, é importante pensar en propostas saudables para merendar que resulten atractivas e saborosas, non crees?

En Gadis sempre insistimos na importancia de deseñar menús con produtos de tempada, locais ou de proximidade, non só para que a túa dieta sexa sostible, senón tamén para que goces deses alimentos no seu punto óptimo. Este ano, ademais, puxemos á túa disposición unha nova ferramenta para a adquisición de hábitos saudables e responsables: prato ALIMENTES. O menú saudable. Esta guía visual serve de axuda para que planifiques as comidas principais do día coas proporcións adecuadas de cada grupo de alimentos. Seguindo esas recomendacións, hoxe imos compartir contigo algunhas ideas de merendas de verán para a praia ou a montaña con suxestións que poidas levar facilmente a calquera destino. Apúntaste ás merendas saudables este verán?

Tips para una merenda saudable

Unha merenda saudable non implica renuncias, senón elixir os ingredientes adecuados. Aquí tes algúns tips para logralo:
– Os bocadillos son un comodín para calquera excursión porque se transportan facilmente e non requiren nada especial para a súa conservación. Como lograr que sexan saudables? En primeiro lugar, respecta as recomendacións sobre as cantidades diarias, é dicir, non fagas macrobocadillos. Sabemos que resultan moi apetitosos, pero hai que deixar sitio para o resto de grupos de alimentos 😉. Utiliza pan integral e elixe entre as múltiples opcións que tes para enchelo: algunha conserva de peixe como melva, atún ou xarda, algún paté vexetal tipo hummus, algunha carne branca como pavo, vexetais como aguacate, tomate, leituga, espinacas, etc. Pódense preparar ao gusto de cada un.
– A froita sempre é unha opción refrescante e unha fonte de hidratación polo seu contido en auga. Aproveita as de tempada, que estarán moi saborosas: sandía, melón, cereixas, pexego, nectarinas, paraguaios, figos, ameixas… A opción máis cómoda é levalas xa cortadas nalgún recipiente que as conserve frescas. Tamén podes preparar espetadas, algún batido ou granizado ou optar por froita deshidratada. Os xeados son difíciles de conservar cando se vai a estar fora varias horas.

– Os froitos secos son moi nutritivos e unha importante fonte de enerxía. Tes moita variedade onde elixir porque aquí non hai tempada 😉. Só procura que sexan ao natural ou tostados, evitando os fritos. Se che gustan as pipas, mellor sen sal e sentimos dicir que os kikos ou maiciños non se consideran froitos secos.
– Se che apetece algo doce, prepara algunha sobremesa caseira sen engadir azucre. Lembra que podes adozar con plátano, pasas ou dátiles, por exemplo.
– Coa bebida non hai que complicarse a vida. A auga é a que máis quita a sede e a mellor opción, sobre todo nos meses de máis calor. Usa botellas reutilizables que manteñen a temperatura para tela sempre fresca.

Merendas de verán para a praia e a montaña

Crudités con guacamole

As crudités son unha opción ideal para as merendas estivais na praia ou a montaña porque son fáciles de preparar e transportar. Nesta ocasión, propoñémosche acompañalas con guacamole porque resulta moi refrescante, pero podes levar hummus de calquera legume ou vexetal se che gusta máis.

Para as verduras, elixe as que máis che gusten: cenoria, cogombro, pemento, cabaciña, tomates cereixa… Córtaas en forma de bastonciño para que sexa máis fácil coller o guacamole. Aquí tes a receita.

Ingredientes
– 2 aguacates
– 1 tomate maduro
– Media cebola
– 1 dente de allo
– Sal
– Pementa
– Zume de media lima

Preparación
– Corta o aguacate, quítalle o óso e a pel cunha culler.
– Lava e corta o tomate en dadiños.
– Pela a cebola e o dente de allo. Córtaos en anacos grandes.
– Espreme a lima.
– Engade todos os ingredientes ao vaso da batedora e tritura ata obter a textura desexada. Gárdao nun recipiente na neveira ata que vaiades saír.

Galletas de avea e plátano

Ingredientes
– 2 plátanos maduros
– 60 g de avea
– Canela
– Pasas, chocolate negro ou dátiles (para adozar)

Preparación
– Chafa cun garfo dous plátanos ben maduros. Achegarán dozura ás galletas, así que quizá non necesites engadir nada máis para edulcorar.
– Mezcla os plátanos coa avea.
– Engade a canela e, se queres, unhas pasas, chocolate negro ou dátiles. Decide en función dos comensais 😉.
– Vai facendo boliñas coa masa e aplánaas un pouco. Podes usar dúas culleres para que sexa máis doado. Tamén podes usar un molde de galletas. Colócaas nunha bandexa para o forno.
– Prequenta o forno a 180º e, cando teñas todas as boliñas feitas, méteas no forno durante uns 20 minutos.
– Deixa arrefriar e gárdaas nunha lata para que se conserven máis frescas.

Batido de frambuesa e pexego

Ingredientes
– Frambuesas
– 1 pexego
– Medio vaso de leite de améndoa
– Un chorriño de zume de limón
– Zume dunha laranxa

Pon nun vaso ou recipiente as frambuesas, o pexego cortado e a leite de améndoa para bater. Se o prefires, podes usar outro tipo de bebida vexetal, a que máis che guste. Engade un chorriño de zume de limón e o zume de laranxa e volve bater. Gárdao nunha botella isotérmica e méteo na neveira ata que vaias marchar. Terás un batido refrescante e delicioso para a merenda.

Que che parecen estas suxerencias para as túas saídas á praia ou á montaña? Vas probalas?