Que son os alimentos ecolóxicos?

Os produtos da agricultura ecolóxica son aqueles que se da maneira máis natural posible. Sen químicos de síntese.
Os alimentos ecolóxicos seguen un sistema de cultivo que respecta o ambiente e que conserva a fertilidade da terra mediante a optimización dos recursos naturais. Están certificados e sometidos a estritos controis que aseguran toda a cadea da orixe ao fin.

Alimentos como os de antes

Cando falamos de agricultura ecolóxica facémolo dende a innovación, pero coa vista posta no pasado. É dicir, moitas persoas poderían pensar que isto é unha novidade. Sen embargo, seguramente fora a forma na que os nosos e nosas avoas producisen alimentos. Algo así como entroncado coas formas de produción tradicionais, pero incorporando os coñecementos e controis científicos máis recentes.
Nostalxia do sabor dunha leituga de aldea? Unha cenoria sacada da terra? Un cocido “dos de antes”? Os alimentos ecolóxicos poden ser a resposta. Vexamos por que.

Saben mellor os alimentos ecolóxicos?

Os alimentos ecolóxicos podémolos atopar tanto frescos como procesados. No caso dos procesados, non podemos asegurar que o sabor é mellor, xa que se basea en percepcións subxectivas de cada persoa.
En canto aos frescos, si poderiamos dicir que é máis fácil encontrarnos cun sabor máis “de verdade”. Esta forma de produción respecta os ciclos tradicionais da terra tanto a nivel local como de tempada. Isto tradúcese en alimentos que crecen acordes a súa natureza con todo o seu sabor propio.

Son máis sans os alimentos ecolóxicos?

Podemos afirmar que os alimentos ecolóxicos son máis sans que os de produción masiva. Sobre todo, se entendemos a saúde como un concepto máis amplo e incluímos a saúde do planeta.
Algúns impactos no ambiente son:

  • Reducen a contaminación do aire, os solos e a auga.
  • Optimizan a saúde e a produtividade de plantas, animais e persoas.
  • Para evitar recorrer de forma intensiva aos fertilizantes e pesticidas, os cultivos ecolóxicos contan con medidas diversas. Por unha banda, está a rotación de cultivos para evitar a incidencia de enfermidades. Por outra, o uso de variedades vexetais máis resistentes, adaptadas ao medio local e con maior variabilidade xenética.
  • Promoven a biodiversidade e evitan a diminución de especies silvestres e auxiliares como as abellas, chaves para a polinización.

Organizacións internacionais como a FAO ou a Unión Europea defenden o impacto na saúde humana dos produtos ecolóxicos. Aínda que os estudos realizados presentan porcentaxes variables, e, a falta de estudos a longo prazo, existen algunhas conclusións comúns.  En xeral, mostran un menor contido de nitratos e menor presencia de residuos pesticidas. Na maioría téñense atopado niveis máis altos de vitamina C e compostos fenólicos.

Son máis caros os alimentos ecolóxicos?

Si comparamos os produtos ecolóxicos con outros, notaremos unha diferencia considerable no prezo. Velaquí algunhas razóns:

  • Desenvolvemento do mercado. En España, líder europeo en produción de alimentos ecolóxicos, o seu consumo está pouco estendido. Noutros países cun maior consumo de produtos ecolóxicos como Alemaña ou Dinamarca, a diferencia de prezo encontrase tan so en torno a un 10 %.
  • Custos ocultos. Os sistemas de cultivo ecolóxico permiten evitar custos ambientais como a contaminación de acuíferos ou a erosión de solos, que están asociados aos cultivos convencionais. Estes custos non figuran no prezo final dos produtos de produción masiva.
  • Custos de persoal. A necesidade de máis persoal para o desenvolvemento da agroecoloxía, tamén inflúen no custo final do produto.
  • Menor volume produtivo. As producións ecolóxicas, ao respectar ó máximo o ciclo natural e non estar modificadas para aumentar rendementos, dan lugar a colleitas máis reducidas.

Non obstante, se consideramos darlle máis valor á alimentación dentro das nosas compras, pola súa relevancia para a nosa saúde e a do planeta, os produtos ecolóxicos son unha boa opción. Non temos por que cambiarnos ao 100% dun día para o outro. Podemos ir incorporando paulatinamente estes alimentos.

Para máis información:

 

Deja un comentario