Xeados para facer na casa

Coas altas temperaturas destes días, a quen non lle apetece un xeado? Son tan refrescantes e saborosos que resulta difícil resistirse. É verdade que non é recomendable consumir de maneira habitual as cantidades de graxa e de azucre que poden conter os xeados industriais, pero hai alternativas máis saudables. Pensaches en preparar o xeado en casa?

En Gadis temos un compromiso firme coa alimentación saudable. Por iso imos propoñerche algunhas ideas para que non teñas que renunciar aos xeados. Es pouco “cocinillas”? Non te preocupes! Estas propostas son tan sinxelas que non necesitarás nin xeadeira para preparalas. Gozar de xeados caseiros, sans e deliciosos está ao teu alcance.

Que necesitas para preparar xeados?

A preparación de xeados caseiros non require de ningún instrumento especial. Seguro que na túa cociña xa tes todo o necesario para poñerche ao choio. Ademais dos ingredientes, só necesitarás un conxelador e un batedor potente ou un robot de cociña. Iso si, se queres preparar uns polos, terás que facerche cuns moldes para iso.

Podes engadir unha infinidade de ingredientes para darlle sabor aos teus xeados. As opcións máis saudables son froita fresca, froitos secos e vexetais, pero incluiremos algunha opción coa que darche un capricho de cando en vez. Poderás facer xeados de mil formas, texturas e sabores. Un consello: ten sempre anaquiños da túa froita favorita conxelada para poder facer xeado en calquera momento.

 

Tipos de xeados que podes facer na casa

Xeados de froitas

O xeado de froita é a opción máis rápida e sinxela para gozar dun xeado saudable. Só terás que torar e conxelar a froita coa que queiras preparalo. Unha vez conxelada, sácala do frigorífico e pásala polo batedor. Terás unha crema lixeira e suave. Se queres darlle unha textura máis cremosa, engade plátano ou aguacate.

Xeados cremosos

A base dun xeado cremoso adoita realizarse con lácteos ou bebidas vexetais, aínda que podes prescindir deles e recorrer ao plátano ou ao aguacate para achegar esa textura. Que tipo de lácteos podes usar? Leite, iogur, queixo fresco, queixo batido ou requeixo. Se hai algún intolerante á lactosa, podes optar por iogures e bebidas vexetais e mesmo podes usar tofu. Outra opción serían os froitos secos ou as sementes, cuxas cremas achegan consistencia.

É importante que saibas que é recomendable que os lácteos e os preparados vexetais conxélense antes da elaboración do xeado. Podes usar cubetas de xeo para facilitar o triturado. No caso dos froitos secos, é recomendable que se poñan a remollo unhas horas antes. Así, a textura quedará máis cremosa.

O ideal é que non inclúas azucre entre os ingredientes do xeado. Non é suficiente a dozura que lle achega a froita? Entón bota man de “edulcorantes naturais” como o plátano, a cabaza, a batata, os figos e froitas secas como os orellóns, os dátiles e as uvas pasas.

 

Receitas de xeados saudables

Para animarche a que substitúas os xeados industriais polos naturais, aquí deixámosche cinco receitas que che farán a boca auga.

Xeado de amorodo e pistacho

Ingredientes:
­

  • 2 plátanos maduros
    ­
  • 250 g amorodos
    ­
  • 1 puñado de pistachos naturais
    ­
  • Menta (opcional)

Preparación:

1. Pela e curta en toros os dous plátanos.
2. Lava os amorodos e #torar.
3. Conxela a froita durante polo menos 5 horas.
4. Pela e pica os pistachos despois de telos a remollo.
5. Unha vez que transcorrese o tempo de conxelación, coloca os plátanos e os amorodos no vaso do batedor e tritura ata conseguir unha crema suave.
6. Engade os pistachos e mestúraos ben coa crema.

Se o preparado queda demasiado denso, podes engadir algún lácteo ou bebida vexetal (sen conxelar). Queres unha presentación bonita? Engade un topping de menta e anaquiños de froita ou froitos secos.

Xeado de pexego

Ingredientes:
­

  • 3 ou 4 pexegos maduros
    ­
  • 2 culleres pequenas de mel
    ­
  • 1 culler pequena de extracto de vainilla
    ­
  • 80 ml leite de coco

Preparación:
1. Pela e torar os pexegos en cubos pequenos.
2. Conxela os pexegos.
3. Pon no vaso do batedor todos os ingredientes e mestúraos ben.
4. Mete a mestura no conxelador durante unhas catro horas.

Podes substituír o leite de coco por un iogur grego. Tamén podes substituír os pexegos por albaricoques. Terás un xeado cremoso delicioso.

Xeado de iogur e cereixa

Ingredientes:
­

  • 2 iogures naturais
    ­
  • Un puñado de cereixas

Preparación:
1. Desosa e curta en anacos pequeniños as cereixas para que queden como tropezóns.
2. Pon os iogures no vaso do batedor e báteos coas baleas ata que teña unha consistencia cremosa.
3. Engade as cereixas e mestúraas.
4. Introduce a mestura no conxelador.

Se queres manter a textura cremosa do iogur, é recomendable que cada media hora saques o xeado do conxelador e remóvalo polo menos durante as dúas primeiras horas. É un pouco máis laborioso, pero merece a pena.

Polos de sandía e abelá

Ingredientes:
­

  • 400 g sandía sen pebidas
    ­
  • 70 g framboesas
    ­
  • Xenxibre fresco
    ­
  • 60 g abelá

Preparación:
1. Tritura a sandía e as framboesas co batedor ata que quede unha crema fina.
2. Rela un chisco de xenxibre fresco e engádeo á crema.
3. Enche os moldes de polo coa mestura e méteos no conxelador entre 6 e 8 horas.
4. Pica as abelás cun coitelo ou na picadora.
5. Saca do molde os xeados que vaias consumir e bota a abelá sobre eles.

Podes substituír a abelá por outro froito seco como o pistacho, por exemplo. Se queres engadir un atractivo adicional, podes fundir chocolate 70% de cacao e bañar o polo antes de espolvorear os froitos secos.

Polos de plátano e chocolate

Ingredientes:
­

  • 2 plátanos
    ­
  • 150 g de chocolate para fundir (70% cacao)
    ­
  • 30 ml aceite de xirasol
    ­
  • Coco relado
    ­
  • Noces

Preparación:
1. Pela os plátanos e córtaos en anacos do mesmo tamaño.
2. Pon os plátanos nun pau de polo ou algo similar.
3. Conxela os anacos de plátano durante polo menos 15 minutos.
4. Funde o chocolate no microondas ou nun cazo pequeno.
5. Pica as noces.
6. Saca os anacos de plátano do conxelador e báñaos no chocolate.
7. Bota o coco relado e/ou as noces sobre o xeado.

Podes substituír o coco e as noces por calquera outro froito seco que che guste. Con este xeado, poderás darche un pequeno capricho rinchado e acougar as ganas para comer chocolate.

Aínda queda verán por diante, así que poderás poñer en práctica algunha destas receitas e mesmo crear unha á túa medida. Desde hoxe, comer xeado xa non estará rifado cunha dieta saudable 😉

Deja un comentario