Especial #GadisSalud: o tomate

O tomate é un dos alimentos estrela da horta de primavera-verán. Tan versátil que podes incluílo en calquera tipo de pratos (fríos ou quentes): en ensaladas, salsas, relado sobre unha torrada ou á prancha, recheo ou, por exemplo, nun refrescante gazpacho cando a calor aperta. Sen dúbida, é un dos produtos máis consumidos no mundo, esencial na gastronomía e que, ademais, achega múltiples beneficios para a saúde. Aínda que a súa época de recolección é o verán, hai moitas maneiras de conservalo para seguir gozando do seu sabor o resto do ano. Na túa despensa hai sempre tomate?

Hoxe, no noso especial #GadisSalud, falamos das súas propiedades nutritivas grazas a unha composición moi variada que o converte nun alimento recomendable para o consumo diario. Aínda que é certo que en cru lógranse conservar todos os seus beneficios, sabemos que o seu poder como potenciador de sabor en calquera prato é irresistible. Por iso, compartiremos contigo algunha receita coa que incorporar o tomate aos teus pratos estivais. Es amante do tomate? Segue lendo!

Froita ou verdura?

É a eterna pregunta en torno ao tomate, e sabes? O tomate é as dúas cousas. Si! Como o oes. Todo depende do enfoque co que se mire: botánico ou culinario. A clasificación botánica baséase nas características fisiolóxicas da planta e, por iso, considera o tomate unha froita porque contén pequenas sementes no medio e crece da flor da planta. Pola súa banda, o sistema de clasificación culinaria define as froitas e verduras dunha maneira lixeiramente diferente, baseándose na forma na que se usan e os seus perfís de sabor. O tomate ten unha textura máis dura, un sabor máis suave e pode cociñarse en guisos, sopas ou pratos salgados. É verdade que pode ser zumarento, doce e pódese comer cru, pero o seu uso máis habitual é nos menús salgados, así que entraría dentro da categoría de verduras. Agora, cando se abra o debate, xa sabes que todos levan razón 😉.

As variedades do tomate

Orixinario de América e Europa, ata finais do século XVIII, só se usaba como planta ornamental. Sabías que, dende que se iniciou o seu cultivo, desenvolvéronse máis de 20.000 variedades de tomate en todo o mundo? Con formas, cores e aromas peculiares, a maioría son vermellos, pero tamén os hai amarelos, laranxas, rosados, púrpuras, verdes e mesmo multicolores e raiados. As variedades máis comúns no noso país son:
Tomate redondo: é a especie máis común. Moi vermello e de pel brillante.
Tomate pera: é carnoso, de pel fina e con poucas sementes.
Corazón de boi: de tamaño grande e con pel fina. É zumarento e saboroso.
Tomate cherry: é pequeno, dun tamaño similar ao das cereixas.
Tomate RAF: é doce e moi carnoso.
Kumato: unha mestura de moitas variedades. Distínguese pola súa cor, entre vermello e verde escuro.

As propiedades do tomate

O tomate é un alimento rico en vitaminas A, B, C, B3 e K; en minerais como fósforo, calcio, zinc, magnesio, potasio, sodio e manganeso; en bioflavonoides, en licopeno e ten propiedades antioxidantes. Ademais, unha peza (de tamaño mediano, 150 gramos), conta con tan só 35 calorías e non ten colesterol, sodio e graxas saturadas. Esta composición fai do tomate unha hortaliza con moitos beneficios para a saúde:
Protexe a vista pola súa achega de vitaminas A e C, luteína, zeaxantina, cobre e licopeno.
– Contribúe ao coidado da pel.
Reduce o risco de enfermidades cardiovasculares porque contribúe a regular a tensión arterial e os niveis de colesterol e triglicéridos en sangue.
– Cuida da saúde dixestiva e evita o estreñimento.
Evita a retención de líquidos e fomenta a eliminación de toxinas.
– É un poderoso antioxidante natural.
Fortalece os ósos grazas á súa achega de vitamina K, calcio y licopeno.

Receitas con tomate

Un aperitivo: hummus de garavanzo e tomates cherry asados

Ingredientes (6 persoas):
– 400 g garavanzos xa cocidos ou en conserva
– 600 g tomates cherry
– 2 dentes de allo
– 150 ml tahini
– Zume dun limón
– Aceite de oliva virxe extra
– Sal
– Pementa
– Ourego

Preparación:
– Prequenta o forno a 150º C e forra a bandexa con papel de forno.
– Pica un dente de allo en anacos moi pequeniños e mestúrao, nunha cunca, co sal e o ourego.
– Corta á metade os tomates, verniza a superficie con aceite de oliva e a mestura de allo, sal e ourego. Colócaos na bandexa.
– Asa os tomates durante hora e media, removendo cada 30 minutos. Retíraos cando vexas que están tostados e engurrados. Deixa que se arrefríen mentres preparas o hummus de garavanzos.
– No vaso da batedora, pon os garavanzos, o tahini, o zume de limón, o outro dente de allo, sal e pementa. Tritura ata lograr unha mestura espesa.
– Engade ao hummus a metade dos tomates asados e un chorriño de auga fría. Tritura de novo ata integrar todos os ingredientes. Cos tomates restantes, podes facer unha conserva, usalos como guarnición ou decorar o hummus.

Unha guarnición: tomates confitados

Ingredientes:
– Tomates (polo menos un por comensal)
– Aceite de oliva virxe
– Sal

Preparación:
– Pela os tomates. Podes escaldalos para que che resulte máis doado.
– Retira as sementes. Para facelo, corta o tomate horizontalmente e despegaas coa punta do coitelo. Podes usar unha culler para sacalas. Non tires as sementes porque poderás usalas noutra receita como a lasaña ou a boloñesa.
– Coloca os tomates na bandexa do forno e salpimenta. Asa a 170º durante media hora para que se sequen.
– Unha vez secos, cúbreos con aceite e asa 20 minutos máis. Terás uns deliciosos tomates confitados. Coa e garda o aceite para a próxima vez.

Pensando xa nalgunha receita con tomates? Na nosa sección de froitería poderás atopar as variedades que máis che gusten.