Día Internacional da Diversidade Biolóxica

O vindeiro sábado 22 de maio celébrase o Día Internacional da Diversidade Biolóxica, unha conmemoración establecida polas Nacións Unidas para informar e concienciar sobre a biodiversidade. O día escolleuse para que coincidise coa data na que se asinou, en 1992, o Convenio sobre a Diversidade Biolóxica. Oíches falar del? Este convenio, ratificado por 196 estados, é o primeiro acordo global para abordar todos os aspectos relacionados coa biodiversidade e o primeiro en recoñecer a importancia da súa conservación e o seu papel integral no proceso de desenvolvemento.

A pesar de que a natureza resulta vital para a nosa supervivencia, estamos a sometela a unha presión cada vez maior. A actividade humana alterou case o 75% da superficie terrestre, reducindo o espazo da flora e a fauna silvestre. De acordo co Informe de Avaliación Global sobre Biodiversidade e Servizos Ecosistémicos de 2019, ao redor dun millón de especies de animais e plantas atópanse en perigo de extinción. Este deterioro na saúde dos ecosistemas supón unha ameaza para os medios de subsistencia, a seguridade alimentaria, a saúde e a calidade de vida. Podemos facer algo para deter a degradación á que estamos a someter á natureza? En Gadis, queremos sumarnos á celebración deste día achegando algunhas claves. Todos podemos poñer o noso gran de area!

A importancia da diversidade biolóxica

A diversidade biolóxica ou biodiversidade refírese non só ás diferentes especies de plantas, animais ou microorganismos que existen, senón tamén ás diversidades xenéticas dentro de cada unha delas, así como á enorme variedade de ecosistemas que conforman o noso planeta. É de vital importancia protexer estes recursos biolóxicos, manter as distintas variedades e conservar os múltiples ecosistemas que albergan as interaccións entre os seus membros e a contorna.

A ONU xa advertiu da dependencia que máis de 3.000 millóns de persoas teñen da biodiversidade mariña e dos litorais para subsistir, do mesmo xeito que 1.600 millóns dependen dos bosques. Por tanto, a preservación de todas as especies é esencial para garantir a nosa supervivencia, tal e como se recolle no ODS 14. Vida mariña e no ODS 15. Vida de ecosistemas terrestres. Sabemos tamén que a biodiversidade ten un papel protector fronte ás enfermidades infecciosas. Diversos estudos revelaron a relación entre a perda de diversidade e o aumento de zoonosis (enfermidades transmitidas de animais a humanos). O deterioro da natureza e a extinción de especies incrementa as posibilidades de que estes patóxenos cheguen ao ser humano.

Pero, aínda que cada vez somos máis conscientes do enorme valor da diversidade biolóxica, o número de especies segue diminuíndo a un ritmo acelerado debido ás actividades do ser humano. É verdade que a súa extinción forma parte do curso natural. Con todo, esa taxa é, na actualidade, 1.000 veces superior aos niveis naturais. O cambio climático revélase como o factor determinante. O derretimiento dos polos, as secas, o aumento das temperaturas, etc. provocaron modificacións nos ciclos naturais e no comportamento das especies, afectando á perda de biodiversidade.

Somos parte da solución

O ano pasado finalizou a denominada Década da Biodiversidade durante a cal se desenvolveu o Plan Estratéxico para a Diversidade Biolóxica (2011-2020), cuxos obxectivos marcados polas Metas de Aichi non se alcanzaron. En consecuencia, parece máis necesario que nunca tomar conciencia sobre a permanente interacción que mantemos coa natureza para tratar de desenvolver as nosas actividades de maneira máis respectuosa coa contorna e apostar pola sustentabilidade.

Ademais do cambio climático, hai outros factores que están a contribuír á perda de biodiversidade:
– O constante crecemento das zonas urbanas supón a eliminación de grandes extensións de vexetación e a destrución do hábitat de certas especies.
– A sobreexplotación de recursos afecta aos ecosistemas, non só polo esgotamento dos recursos, senón tamén polos índices de contaminación e a destrución da natureza.
– A introdución de especies exóticas invasoras produce cambios nos ecosistemas, chegando a desprazar ás especies que se atopaban alí de maneira natural.
– A sobrepesca implica a ameaza das especies mariñas.
– A caza e o comercio de animais exóticos é unha das causas da perda da biodiversidade que ten como consecuencia a extinción de especies.
– A contaminación é outra das causantes de gran parte dos problemas que ameazan á biodiversidade e aos ecosistemas.

Sabías que ti tamén podes formar parte do cambio e axudar a conservar a biodiversidade? Aquí deixamos algunhas ideas:
Utiliza os recursos de maneira responsable. Se consciente do uso que fas da auga e da enerxía, procurando non malgastalas. Dende Gadis temos moi presente a sustentabilidade ambiental e cada ano reciclamos e reutilizamos máis materiais, ademais de aplicar medidas de optimización enerxética.
Actúa de forma responsable na natureza. É importante reducir ao máximo o noso impacto para protexer a súa biodiversidade. Evita o uso de lume, recolle todos os teus desperdicios e, por suposto, non te leves ningún ser vivo do seu hábitat. Tampouco liberes especies ou sementes que non sexan propias do lugar e non toques os niños nin as crías de animais que vexas.
– Aposta polas 7 Rs e polo consumo local. Sustentabilidade a tope! 😉 Como sabes, apoiamos a máis de 1.000 proveedores locais para que o consumo de proximidade prime nas compras e decisións.
– Busca a maneira de colaborar na restauración de ecosistemas. Hai moitas posibilidades! Dende plantar unha árbore ata recoller o lixo que vaias atopando. Só tes que buscar cal se adapta mellor ás túas posibilidades. Se non tes moito tempo, podes valorar a opción de apoiar a algunha entidade da túa zona.
– Apoia a entidades que traballan pola conservación e a divulgación da importancia da biodiversidade en Galicia. En Gadis contribuímos a favorecer o traballo de organizacións como o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental).

Como ves, o noso benestar depende por completo da conservación de ecosistemas saudables. Úneste para ser parte da solución?