Do prato á horta: compostaxe caseira

A compostaxe caseira é unha ferramenta súper útil para abonar as nosas plantas, xardíns ou hortas. É un fertilizante natural que nos axudará a ter as nosas plantacións máis saudables. Ademais, a compostaxe caseira realízase coa maior parte dos residuos orgánicos que se xeran no fogar, co que estaremos a ser responsables e conscientes co planeta no que vivimos.

A compostaxe caseira.

Cando compostamos sometemos a materia orgánica a unha transformación natural que dá como resultado un abono orgánico, tamén chamado compost. Este compost é un abono de gran calidade para as nosas plantas ou hortos.

Neste caso, recomendámosvos que usedes os restos orgánicos da cociña: a pel das patacas ou das froitas, os restos de comida, os pousos de café, etc. Aínda que tamén poderiades incluír restos de herba, follas e demais materia orgánica do xardín. O proceso de transformación que se produce é o mesmo que ten lugar nos chans dos bosques. No caso da compostaxe caseira o número de organismos que participan da transformación é superior aos chans naturais. É dicir, en moi pouco tempo teremos un compost caseiro económico e de altísima calidade!

Que se necesita para realizar compostaxe caseira.

A compostaxe será máis ou menos cómodo en función da casa onde vivades (casa de campo, chalé con xardín, piso con terraza…). Tan só necesitaredes atopar un espazo específico. Poderedes reservar un espazo na terraza ou no patio, no lavadoiro ou, no xardín. Soamente temos que ter a precaución de que estea resgardado do vento e a choiva. Se sodes pais ou nais é unha actividade moi útil para compartir cos vosos fillos e fillas. Será moi interesante que se involucren desde o principio para que sexan partícipes da transformación. Seguro que son os máis ilusionados coa maxia da compostaxe!

Cando teñades o espazo da casa habilitado, teremos que conseguir un composteiro. O composteiro é o recipiente no que se depositarán os restos orgánicos. Pódese comprar un específico ou reutilizar obxectos que xa non usedes como as macetas ou as caixas de madeira. Se ningunha destas opcións convéncevos, podedes optar por construír o voso propio composteiro con palets e usar as ferramentas que teñades en casa.

Un consello moi útil é que o composteiro debe en contacto directo co chan (para que os microorganismos do chan poidan subir a “comerse” toda a materia orgánica). En función do recipiente que seleccionásedes, poderánselle facer buracos na base. Despois teredes que colocar unha primeira capa de material leñoso ou restos de ramas de poda e unha segunda de materiais secos como palla ou serraduras. Con estas capas conséguese que no fondo do composteiro haxa unha boa circulación de aire e non se estrague o experimento.

Que produtos e coidados se precisan na compostaxe caseira.

Agora que xa tedes o espazo e o composteiro listo estades preparados para iniciar o proceso da compostaxe. O seguinte paso será engadir capas de diferentes restos de materia orgánica, como a pel das verduras e froita, as cascas de ovo, etc. Chegados a este punto recomendámosvos que vaiades intercalando capas de diferentes produtos húmidos ou verdes (froitas, verduras…) con outros secos (restos de follas, por exemplo), así conseguiredes o equilibrio que necesita a transformación para realizar un fantástico compost caseiro.

Tamén é importante ter en conta o que non se pode botar no composteiro. Ademais de todo tipo de residuos inorgánicos, non se poden botar residuos orgánicos que teñan produtos contaminantes (vernices, produtos químicos…) nin excrementos de mascotas.

A recomendación clave que desde Gadis vos facemos é que non identifiquedes o composteiro como o cubo da materia orgánica. Para ter un compost de excelente calidade deberedes ter en conta os pequenos trucos que vos estamos contando.

Tamén influirá na calidade do compost a humidade que teña a mestura. En Galicia o clima é bastante húmido e non será necesario regar o compost con frecuencia, pero si teredes que revisalo habitualmente. En Castela e León recomendámosvos que o reguedes cando vexades que está seco para manter a humidade. A clave é mantelo húmido, pero sen que haxa pozas. Un exceso de auga podería acabar podrecendo todo o proceso da compostaxe.

Saberemos que estamos a facer as cousas ben se:

• Aparecen lombrigas e outros bicheiros, son os encargados de facer o compost!
• O volume baixa moito, estanse a transformar os residuos.
• O compost cheira a terra. Listo para usar!

 

Iniciativa galega para realizar a compostaxe caseira.

Seguro que isto da compostaxe caseira vos soaba, ben porque escoitarades a algún amigo ou amiga sobre iso, ben porque nalgún dos vosos concellos hai programas específicos. A compostaxe caseira deixou de ser unha moda para converterse nunha actividade moi útil para darlle sentido circular a parte dos nosos residuos orgánicos.

Algúns concellos de Galicia están adheridos ao programa de SOGAMA de compostaxe caseira. É un programa que se puxo en marcha en 2010 nalgunhas localidades e que cos anos se foi estendendo a outros concellos de Galicia. Repártense composteiros, realízanse cursos de formación e traballos de seguimento “porta a porta”. Unha iniciativa moi interesante!

Esperamos que con estes sinxelos trucos vos animedes a realizar a vosa compostaxe caseira. É un proceso moi gratificante e en poucas semanas poderedes ver o resultado. Estamos desexando que nos contedes a vosa experiencia! Esperámosvos nas nosas redes sociais.

Deja un comentario