Consellos para practicar turismo sostible

O próximo 27 de setembro celébrase o Día Mundial do Turismo e este ano o lema “Turismo e desenvolvemento rural” subliña a importancia do turismo na preservación e promoción do patrimonio cultural e natural. Nun momento no que é necesario apoiar este sector de maneira segura, equitativa e respectuosa co medio ambiente, é fundamental apostar polo turismo sostible. Desde Gadis, queremos unirnos a esta celebración ofrecéndoche algúns consellos para practicar turismo sostible e, así, a próxima vez que comeces a planear unha viaxe, ademais de pensar no clima, as visitas ou as actividades, tamén teñas en conta o teu impacto sobre a contorna. Trátase de coñecer novos lugares buscando contribuír á conservación da vida silvestre e á protección do patrimonio cultural da zona á que tee desprazas. Quizá xa formes parte do grupo de turistas que viaxan de maneira sostible, pero non está de máis compartir algúns consellos, non che parece?

Que é o turismo sostible?

De acordo coa Organización Mundial do Turismo (OMT), máis de 1400 millóns de persoas viaxaron polo mundo en 2019, das cales case 83 millóns elixiron España como destino, converténdoa no segundo país que recibe máis turistas internacionais. Estes datos suxiren un gran impacto sobre os territorios visitados e, aínda que o 2020 estea a ser un ano difícil para o sector, é un bo momento para repensar o seu futuro e contribuír á súa recuperación buscando a redución da pegada dos visitantes no lugar de destino e apostando polo seu desenvolvemento. Neste sentido, a túa actitude á hora de viaxar é decisiva. Debe rexerse por criterios de sostibilidade ambiental, económicos e sociais:

  • Respecto e responsabilidade coa contorna, o patrimonio e a comunidade que se visita.
  • Conciencia e sensibilidade sobre o coidado da contorna e os desafíos ambientais.
  • Preocupación e interese por mellorar a situación actual da comunidade.
  • Apoio ao desenvolvemento local.

A OMT define o turismo sostible como aquel que ten en conta as repercusións actuais e futuras, económicas, sociais e ambientais para satisfacer as necesidades dos visitantes, da industria, da contorna e das comunidades anfitrioas. É dicir, trátase dun turismo respectuoso e pouco invasivo que permite seguir gozando dos destinos sen danalos nin transformalos e contribuíndo ao desenvolvemento local.

Beneficios do turismo sostible

Á marxe da redución do impacto sobre a contorna, os beneficios derivados da práctica do turismo sostible abarcan os ámbitos ambiental, cultural, social e económico. Estes son algúns dos máis destacados:

  • Favorece o consumo responsable e fomenta o respecto polo medio ambiente, xa que os turistas son máis responsables coas súas prácticas.
  • Xera beneficios económicos dos recursos naturais que contribúen ao desenvolvemento das comunidades locais.
  • Monitora, avalía e xestiona o impacto dos visitantes. Este aspecto é fundamental, despois de medir e avaliar poderemos aplicar os cambios necesarios para reducir o impacto.
  • Respecta a identidade sociocultural das comunidades locais, fomentando o entendemento e a tolerancia.
  • Promove e pon en valor as manifestacións culturais locais. Que prefires elixir unha lembranza típica fabricada a miles de quilómetros ou un produto local e único?
  • Integra ás comunidades locais nas actividades turísticas.
  • Reactiva as zonas rurais.
  • Mellora a calidade de vida da poboación local.
  • Promove a mellora das infraestruturas.
  • Xera emprego local.
  • Potencia o consumo de produtos locais.
  • Promove o desenvolvemento de todos os sectores económicos da zona.

Consellos para practicar turismo sostible

Está nas túas mans decidir que clase de turista queres ser. Has de ser consciente da importancia de cada decisión á hora de planificar a túa viaxe. Se podes, trata de elixir un destino pouco habitual nos roteiros turísticos. É a maneira perfecta de descubrir e familiarizarte coa historia, a cultura e as tradicións da zona! Se o teu son as grandes cidades, por que non investigar roteiros alternativos e lugares menos frecuentados para obter unha imaxe máis auténtica? Queremos axudarche na adquisición de hábitos turísticos sostibles, así que aquí che deixamos algúns consellos que poderás poñer en práctica antes e durante a túa estancia no destino:

  • Sempre que sexa posible, trata de apostar por servizos que conten con algunha certificación de turismo sostible (Travel Life, Biosphere, Rainforest Alliance, etc.). Isto garánte que esas empresas apoian o respecto á contorna natural, os dereitos sociais da comunidade e fomentan a economía local e o intercambio cultural.
  • Busca aloxamentos que respecten a contorna no que se integran: empregan a poboación local, están comprometidos co uso racional dos recursos, evitan o desperdicio alimentario, etc.
  • Busca o medio de transporte menos contaminante que che permita chegar ao teu destino. O tren adoita ser a mellor opción, pero, se non é viable, recorre a algunha das ferramentas que che permiten atopar a opción con menor pegada de carbono. Unha vez alí, anímate a descubrir a zona a pé ou en bicicleta. Nunca vén mal un pouco de exercicio!

  • Non imprimas os billetes nin as reservas de aloxamento. A tecnoloxía permítenos levalo todo no móbil ou na Tablet.
  • Leva só o indispensable. Trata de xerar a menor cantidade de residuos. Opta por un neceser transparente para evitar o uso de bolsas de plástico nos aeroportos e botes que poidas encher unha e outra vez.
  • Aposta polo comercio local e busca a un guía autóctono para que che mostre os mellores recunchos. Ademais de contribuír á economía local contarache anécdotas únicas.

  • Coida a contorna e non compres produtos fabricados con plantas ou animais en perigo de extinción.
  • Achega unha nova perspectiva á túa forma de viaxar e busca a maneira de contribuír á comunidade que visitas a través dalgunha entidade que opere na zona.

Sabías que España se sitúa no cuarto lugar con maior número de viaxeiros sostibles? Ademais, o noso país conta con varios destinos entre os cen máis sostibles do mundo. Quizá a túa próxima viaxe pode ser a algún eles 😉.

Deja un comentario