Comeza o colexio

Cada comezo, cada inicio, supón un chanzo máis na vida de nosos peque. Tamén o inicio de cole 😉

Ir ao cole por primeira vez

Vaia momento vital que é este. O noso bebé que onte aprendía a gatear de súpeto converteuse nun escolar. Como foi? Como pasou tan axiña? A verdade é que existe unha mestura de emocións entre o orgullo de ver aos nosos peques crecer e a nostalxia das etapas que van pasando. Ai, a vida!
Medos aparte, a realidade é que vai ser un cambio. Aínda que xa estivesen afeitos ás escolas infantís, esta é unha nova contorna. Pode que vaia directamente de casa. Se cadra o tema cueiro e  chupete aínda non está moi superado… É normal que todas estas cousas nos xeren algo de ansiedade. Con todo, é importante lembrar que os e as nenas teñen unha asombrosa capacidade de adaptación e de relacionarse. Así que nada de proxectar os nosos temores sobre eles, será a mellor axuda que lles podamos dar.
Outra cousa que pode axudar moito é involucralos nos preparativos. Desta forma son partícipes e non só receptores e a súa visión será moito máis positiva. Que nos acompañen a comprar os materiais, que elixan parte deses materiais, son pequenos xestos que funcionan moi ben. Falar sobre o que vai ser, e que poidan expresarse tamén é básico. Tentar relaxarnos e gozar do proceso, con toda a naturalidade do mundo 😊 Iso si, a rutina, horarios e estrutura é bo que se comece canto antes para suavizar o cambio.

Empeza a E.S.O

Upss, este si que é outro cantar. Algo que lles ilusiona e lles da certo medo a partes iguais. Tal vez sigan no mesmo colexio, o cal fai que o cambio non sexa tan grande. Pero, se pasan de ser os maiores do cole para ser os pequenos en cuestión de tres meses, aí si que o notan.
Ademais, penetrámonos nunha etapa de importantes cambios no desenvolvemento das nosas fillas e fillos. A puberdade e adolescencia son etapas fascinantes nas que danzan entre neno e o adulto que vive neles. Acompañalos é un agasallo, aínda que ás veces poida ser algo duro. Teñamos presentes que os pais e nais somos os seus guías, as súas áncoras no caótico mundo que están a experimentar. Non cabe dúbida que, unhas doses extras de paciencia, virannos de marabilla.
Pode resultar difícil nesta época falar sobre como son os seus sentimentos, cando en realidade é o que máis necesitan. Compartir algunha actividade en familia que sexa divertida para todos pode axudar a este fin.
Respecto da entrada no instituto, é importante que podamos saber como senten. Os mozos máis tímidos ou  introvertidos poden sufrir en silencio de maneira moi dolorosa. Primeiro necesitamos saber como se sinten para poder axudarlles no que necesitan. Comprobar o seu estado de ánimo os primeiros meses é un indicador non verbal moi poderoso.
Con respecto ao tema rutinas, non son diferentes que os de infantil. A necesidade de descanso, alimentación e actividade física é unha constante en todas as etapas vitais. Con todo, en pleno crecemento físico, mental e emocional, a cousa intensifícase. Unha alimentación rica e variada en froitas e verduras, proteínas, graxas saudables e  hidratos de carbono, con abundantes cantidades de auga, é a clave. Ademais, a actividade física axudaralles a relaxar os nervios e a enerxía típica destes anos. Estarán máis tranquilos e durmirán mellor.

Novo curso escolar

Aínda que os nosos fillos e fillas non cambien de etapa, comezan igualmente un novo curso. Pode que cambien de compañeiros, de profesores, de aula, de materias… Lembras como sentías? Conecta con esa emoción e eses recordos, pois serán a mellor guía para acompañalos.

Feliz comezo do curso escolar 2018-2019!

Deja un comentario