Comedor escolar sen desperdicio alimentario

Cando se fala dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, ás veces tendemos a pensar que só os gobernos e as institucións desempeñan un papel fundamental na súa consecución, pero non é así. Todos podemos participar activamente revisando e modificando moitos dos nosos hábitos. Con pequenos xestos, podemos lograr grandes avances, e se hai un ámbito no que a nosa disposición pode marcar a diferenza, ese é o do desperdicio alimentario. Hoxe abordaremos o desperdicio alimentario nos comedores escolares.

O desperdicio de alimentos en España

En 2015, España comprometeuse a reducir o desperdicio alimentario á metade en 2030. Con todo, os últimos datos non son moi alentadores, xa que en 2018 produciuse un aumento do 8,9% con respecto ao ano anterior. Segundo a FAO, no mundo, desperdíciase case un terzo do total dos alimentos que se producen e este desperdicio é responsable de ao redor do 10% de todas as emisións de efecto invernadoiro que xera o ser humano. Por tanto, trátase dun problema que non só afecta ao noso propio consumo, senón que é un dos factores que interveñen no cambio climático. Ademais, xera tamén un impacto ambiental debido á utilización de recursos naturais como auga, terra e recursos mariños durante a produción dos alimentos non consumidos

Seguro que xa empezaches a buscar a forma de poder atallar este desperdicio no teu fogar. Desde Gadis animámoste a que cambies eses costumes que non axudan a sacar o máximo proveito á túa compra. Con todo, hoxe queremos abordar o tema nos comedores escolares. Preguntácheste algunha vez canta comida en perfecto estado se tira a diario nos centros educativos? En 2016, levou a cabo en estudo piloto encargado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que estimou que o desperdicio mínimo de comida no comedor escolar era de 60 g diarios por neno/a. Unha cifra que situaría o total ao redor das 18 360 toneladas cada curso. Non era esta unha preocupación nova para o Ministerio, xa que, en 2014, dentro da estratexia “Mais alimentación, menos desperdicio”, publicara a Guía práctica para reducir o despedicio alimentario en centros educativos coa intención de concienciar sobre esta problemática. É importante, pois, que comprendamos que esta é unha tarefa conxunta da sociedade e que todos podemos facer algo para mitigar o problema.

Desperdicio de comida nos colexios. Combatelo desde casa

Talvez esteas a pensar que pouco podes facer para evitar o desperdicio de alimentos no centro educativo da túa filla ou fillo. Con todo, queremos convidarte a reflexionar sobre iso. Hai tres sitios nos que se produce desperdicio alimentario nos colexios: a cociña, o comedor e o recreo. Quizás, nos dous primeiros, a túa marxe de actuación estea máis limitado, pero a merenda de media mañá e de media tarde está nas túas mans. Así que empecemos por aí. Que podes facer para evitar que se tire sen consumilo? Propoñémosche tres ideas:

• Planificar con eles propostas saudables que lles resulten atractivas como merenda.
• Conciencialos sobre a importancia de non desperdiciar alimentos e de adquirir hábitos de consumo responsable.
• Tentar que integren a merenda no momento de socialización cos seus amigos para que non renuncien a consumilo por estar a xogar, por exemplo.

Ademais, non esquezas que “se predica co exemplo”. Se na túa casa emprendedes accións destinadas a evitar o desperdicio de alimentos, os máis pequenos adquirirán unha serie de hábitos que lles axudarán a reducir o malgaste tamén no comedor escolar:

• tamaño das racións é importante. Se ti deixas comida no prato, eles tamén o farán. Todos debedes ser conscientes das porcións que necesita o voso organismo para así servir só a cantidade que ides consumir. É mellor repetir que tirar.
• Se buscades a maneira de darlle unha segunda vida a calquera alimento, eles terán en conta a posibilidade de volver aproveitar a comida. Tirar xa non será nunca a primeira opción. Así, se no seu comedor non se permite o autoservizo, serán conscientes da necesidade de retirar aqueles alimentos que non vaian consumir para que poidan ser consumidos por outra persoa.
• Deixade os prexuízos ao carón. Por exemplo, as froitas máis “bonitas” non son as que mellor saben. Se se afán a consumir os alimentos sen ter en conta ese aspecto, tamén o farán no comedor escolar e evitarán que se tiren as pezas que non teñen unha forma perfecta.

Participación cos centros educativos

Hai algo máis que poidas facer? Cada vez con maior frecuencia, os centros educativos buscan unha participación máis activa das nais e os pais. Por que non aproveitas esa oportunidade para propoñer medidas ou ideas que poidan contribuír a reducir o desperdicio de alimentos no colexio? Poderías abordar varios temas, desde a compra ata a hora da comida e a composición do menú. O importante é dialogar e chegar a pequenos acordos. Haberá centros máis receptivos e outros máis reticentes. Simplemente, terás que valorar a disposición do centro das túas fillas e fillos para realizar os cambios cando vaias propoñelos. Aquí deixámosche algunhas suxestións:

• Introducir un pequeno recreo antes da comida (non máis de 10 minutos). Demostrouse como unha medida eficaz na redución de desperdicios.
• Alongar o tempo dedicado á comida. Hai moitos centros que asignan un período excesivamente curto para moitos nenos e iso incrementa o desperdicio.
• Permitir que as nenas e os nenos poidan levar algún alimento (como unha peza de froita) para comer máis tarde.
• Habilitar algún espazo para que as alumnas e os alumnos poidan depositar aquilo que non van consumir e facilitar que se volva aproveitar.
• Expor a posibilidade do autoservizo se o comedor non a contemplaba.
• Utilización dos excedentes para outras actividades: algún proxecto na aula, para algunha merenda… Sempre tendo en mente a seguridade alimentaria.
• Procura de opcións para volver empregar os excedentes: banco de alimentos, comedor social, compostaxe, etc.

Estas son só algunhas da multitude de opcións coas que combater o desperdicio alimentario. Ocórreseche algunha máis? Cóntasnola?

Deja un comentario