Cociñar con alimentos básicos

Moitas veces, pensamos que, para que os nosos menús estean deliciosos, necesitamos unha despensa moi variada ou mesmo engadir algún ingrediente “exótico”. Nada máis lonxe da realidade! Hai comidas moi saborosas que poden prepararse cuns cantos alimentos básicos. Tal vez caeses na conta durante estas semanas de confinamento nas que non puideches saír a comprar coa frecuencia que o facías. Desde Gadis queremos axudarche a manter unha dieta saudable, equilibrada e sostible. Por iso, hoxe imos compartir catro receitas con ingredientes recorrentes na túa cociña que poderás preparar con facilidade e que non defraudarán nin ao comensal máis exquisito. Queremos que probes a cociñar con alimentos básicos, sacándolles o máximo partido.

Cociñar con alimentos básicos

Unha boa despensa conta cun “fondo” de alimentos básicos dos que sempre deberías ter stock porque che poden sacar de calquera apuro. Se tes esa base, só necesitarás facer algunha compra de produto fresco ou quizá algún ingrediente máis específico para completar a receita. Estes alimentos non só serán os teus comodíns para liquidar máis dunha comida ou unha cea, senón que tamén contribuirán a que a túa alimentación sexa variada e saudable.

E cales son eses imprescindibles? A lista pode variar un pouco en función das preferencias e o tipo de dieta de cada persoa, pero hai unha base común que podería ser esta:

  • Ovos. Son un elemento crave en calquera despensa pola súa versatilidade. Podes usalo como base da receita, para preparar salsas, masas e tamén sobremesas.
  • Lácteos. Non só adoitan consumirse ao almorzo, senón que tamén son un ingrediente presente en múltiples receitas.
  • Legumes. Podes adquirilas listas para consumir e aforrarte bastante tempo de preparación. Son aptas para ensaladas, pratos de culler ou como guarnición. Sinxelo, rápido e con moita achega de nutrientes 😉
  • Patacas. Son un básico en moitas cociñas do mundo. Podes preparalas de infinitas maneiras e aguantan máis tempo aptas para o consumo que outras hortalizas.
  • Arroz/Pasta. Poden prepararse en ensalada, como acompañamento ou ser protagonistas do prato.
  • Verduras e hortalizas. Son imprescindibles na túa alimentación. Podes consumilas frescas ou conxeladas. Por exemplo, a cebola e o allo son a base de moitas receitas (sofritos, salsas, sopas, etc.) e podes elixir aquelas que máis che gusten para preparar ensaladas, cremas, pisto, guarnicións ou servilas á prancha.
  • Froita. Outro dos básicos da túa alimentación. Elixe a que máis che guste e podes tomala soa ou engadila a algunha ensalada, por exemplo.
  • Aceite de oliva. É un elemento crave para cociñar, para aliños e para salsas.
  • Herbas aromáticas e condimentos. Axudaranche a achegar sabor e diversidade aos teus pratos.

Nas receitas que che propoñemos, partimos dese grupo de alimentos básicos aos que talvez necesites incorporar algún ingrediente. Son propostas fáciles de preparar e axudaranche a cociñar menús variados sen necesidade de ir máis veces á compra.

Catro receitas para cociñar con alimentos básicos

1. Shakshuka

Ingredientes:

  • 4 ovos
  • 500 g tomate
  • 3 dentes de allo
  • 1 cebola
  • Aceite de oliva virxe extra
  • Sal
  • 1 culler pequena de guindilla
  • Pementa recentemente moída

Preparación:

  • Tritura o tomate.
  • Pica a cebola e o allo.
  • Nunha tixola, pon un pouco de aceite e sofríe a cebola a lume medio entre 5 e 10 minutos ata que estea tenra e transparente. Engade o allo e sofríe un minuto máis.
  • Engade a guindilla, o tomate triturado, o sal e a pementa e deixa cocer a lume lento durante 10 minutos ou ata que a salsa redúzase lixeiramente e espese.
  • Cociña os ovos na salsa de tomate entre 5 e 8 minutos en función de como che gusten.

2. Arroz grego con espinacas e feta

Ingredientes:

  • 600-700 g espinacas
  • 300 g arroz basmati
  • 300 g queixo feta
  • 3 dentes de allo
  • Aceite de oliva virxe extra (2 culleres)
  • Sal
  • Pementa recentemente moída

Preparación:

  • Quenta o aceite nunha pota e engade o allo cortado en láminas. Sofríe a lume medio 2 minutos ou ata que desprenda o seu aroma e estea tenro.
  • Engade as espinacas por quendas, e cóceas uns 5 minutos ata que reduzan o seu volume. Baixa o lume ao mínimo e engade o arroz encima. Tapa a pota e coce todo de 15 a 20 minutos. O arroz farase coa auga que solten as espinacas.
  • Comproba un par de veces que as follas non se pegan ao fondo da pota. Se se pegasen, engade un pouco de auga.
  • Cando o arroz estea feito, salpimenta ao gusto, desfai o queixo feta e colócao encima. Podes moer un pouco de pementa negra e engadir un pouco máis de aceite de oliva.

3. Ensalada de fabas

Ingredientes:

  • 200 g fabas (poden ser de bote)
  • 3 tomates ensalada
  • 1 pemento vermello
  • 1 pemento verde
  • 1 cogombro
  • 2 aguacates
  • 1 cebola
  • Queixo fresco
  • Aceite de oliva virxe extra (2 culleres)
  • Sal
  • Pementa recentemente moída

Preparación:

  • Coce as fabas ou utiliza un tarro de fabas cocidas e escórreas.
  • Pica o tomate, os pementos, o cogombro, os aguacates e a cebola e mestura todo ben.
  • Engade as fabas e uns dados de queixo fresco.
  • Salpimenta ao gusto e adereza co aceite de oliva.
  • Queres servila dunha maneira orixinal? Faino sobre unha tortilla de trigo ou de millo.

4. Ensalada de froitas

Ingredientes:

  • Brotes tenros
  • Xerminados
  • 150 g amorodos
  • 2 aguacates
  • 1 mango
  • Aceite de oliva virxe extra (2 culleres)
  • Vinagre de módena
  • Sal
  • 1 culler pequena de mel de caña
  • Xamón serrán o ibérico (opcional)

Preparación:

  • Nun cunco, pon como base unha mestura de brotes tenros e xerminados.
  • Lava os amorodos e pela os aguacates e o mango. Corta a froita en anacos.
  • Engade a froita ao cunco. Se queres algo de proteína animal, podes optar por unhas lascas de xamón serrán ou ibérico.
  • Prepara o aderezo con dúas culleradas de aceite de oliva, unha cullerada de vinagre de módena, unha cullerada pequena de mel de cana e un chisco de sal.
  • Mestura ben e engade o aderezo antes de remover a ensalada.
  • Nesta receita, optamos por froita de tempada, pero podes ir variando en función dos teus gustos ou substituír algunha por algún froito seco.

Recorriches aos alimentos básicos como truco para sobrevivir esta corentena? Inventácheste algunha receita? Estamos a desexar que a compartas con nós!

Deja un comentario