Batch cooking de Nadal

As celebracións de Nadal convertéronse nunha das poucas oportunidades que moitas familias teñen para reunirse. Son días nos que as ganas de aproveitar o tempo cos nosos seres queridos están a flor de pel e, en ocasións, a cociña róubanos a posibilidade de sacarlles o máximo partido. Non desexaches algunha vez librarte dos fogóns para poder compartir esas risas que chegan desde o salón ou o comedor? Ou talvez outra persoa exercía os labores de chef e ti sentías que debía estar alí. En Gadis, este ano queremos axudarche e imos darche algunhas ideas para que prepares un batch cooking de Nadal. Así, poderás aproveitar as sobras das celebracións, reducir o desperdicio e ter a base dos menús das vacacións preparada. Só terás que preocuparte de gozar das festas.

Que tes que ter en conta á hora de planificar o batch cooking?

A estas alturas, seguramente xa pensaches nos menús do Nadal, polo que o único que terás que facer é elixir pratos para os outros días que se adapten ao que xa planeaches. Será a mellor maneira de que non pases na cociña máis tempo do estritamente necesario. Ademais, cunha boa planificación, evitarás sorpresas e aforrarás tempo e diñeiro. Estes son os aspectos que deberás ter en conta á hora de elixir os pratos:

1. Conservación. Elixe preparacións que se conserven ben polo menos un par de días no frigorífico ou que soporten a conxelación.
2. Racións. Para ter todo ben organizado nestes días nos que adoita haber máis comensais do habitual, é importante que teñas en conta o número á hora de preparar o prato e de conservalo. Por exemplo, se vas conxelar, non esquezas indicar no recipiente o número de racións.
3. Envases. Os menús de Nadal adoitan ser máis abundantes. Antes de cociñar, é recomendable que te asegures de que contas con envases apropiados (tamaño, peche, etc.) para gardar o que prepares sen que afecte á súa calidade.
4. Receitas. Han de cumprir dous requisitos: que se adapten ao padal dos teus comensais e que non se deterioren nun período de tempo moi curto. Busca pratos que conxelen e desconxelen ben. Se, ademais, inclúen produto de tempada, darías no cravo.

Receitas para un batch cooking de Nadal

O menú do teu batch cooking ha de incluír pratos que che permitan aproveitar as sobras das receitas do Nadal, por iso deixámosche algunhas ideas para inspirarte baseadas na coliflor, as gambas, as verduras da guarnición, o pito e ata o turrón.

Crema de coliflor con gambas

Nestas datas, o marisco non adoita faltar nas mesas. Unha boa maneira de “reutilizalo” é unha crema de verdura. Unha opción lixeira para estas datas e moi versátil á hora de engadir algún dos alimentos que quedou das celebracións. Propoñémosche que apostes por un produto de tempada e moi utilizado en Noiteboa como é a coliflor.

Ingredientes:

– 1 kg coliflor (flor e follas)
– 1 cebola
– 1 pataca
– aceite de oliva
– auga
– sal
– 100 g gambas (ou calquera outro marisco que usases)

Preparación:

– Coce a cebola nunha pota con auga, sal e un chorro de aceite
– Engade a pataca e a coliflor que che sobrara de Noiteboa.
– Retira a pota do lume e tritura todo ata obter unha crema moi fina.
– Saltea na tixola as gambas un par de minutos.
– Agrega as gambas salteadas á crema de coliflor quente.

Ensalada de garavanzos con bacallau

Xunto coa coliflor, o bacallau é un prato típico destas datas, así que podes darlle un novo aire aos restos que quedasen e convertelo nun prato lixeiro e nutritivo engadindo uns legumes.

Ingredientes:

– 800 g garavanzos xa cocidos
– 200 g bacallau
– 100 g tiras de pementos asados
– 4 ovos
– Sal
– Aceite de oliva virxe extra
– Pementa
– Vinagre de viño branco

Preparación:

– Ferve os ovos.
– Quenta o bacallau nunha pota. Unha vez quente, retírao e utiliza esa pota para ferver os garavanzos durante 10 minutos.
– Escorre os garavanzos e colócaos na fonte onde vas servir a ensalada.
– Fai faragullas co bacallau sobre os garavanzos.
– Engade o ovo cocido picado e as tiras de pemento asado.
– Prepara unha vinagreta con seis partes de aceite de oliva virxe extra e dúas de vinagre. Engade sal e pementa ao teu gusto. Emulsiona e adereza a ensalada.

Wok de verduras con polo

Houbo pito ou pavo asado no teu menú? Podes aproveitalo nun wok con algunha verdura da que sobrou na guarnición: coliflor, cenorias, pementos, etc. E engadirlle gambas peladas.

Preparación:

– Corta as verduras e mestúraas e corta o pito en tiras finas.
– Cobre o fondo do wok (ou dunha tixola fonda) con aceite de oliva e pono ao lume. Cando estea quente, engade as verduras e sal. Saltea a lume forte durante uns minutos.
– No último momento, engade as sobras do pito e saltea un minuto máis para que se quente. Engade sal ao teu gusto antes de agregar a salsa agridoce ou de soia. Se é de soia, ten coidado á hora de salgar as verduras porque a salsa xa ten sal.

Flan de turrón brando

Na túa casa, as bandexas de turrón parecen non baleirarse? Esta é unha boa maneira de facer que desaparezan.

Ingredientes:

– 280 g turrón brando
– 480 g nata 35% mg
– 5 ovos
– 10 culleradas de azucre (5 son para o caramelo)

Preparación:

– Esmaga o turrón brando con axuda dun garfo.
– Bate os ovos xunto con cinco culleradas de azucre e incorpora o turrón.
– Tritura todo ben ata que a masa estea mesturada e non queden anacos.
– Engade a nata e bate todo.
– Prequenta o forno a 180º con calor arriba e abaixo.
– Nun cazo pequeno, pon 5 culleradas de azucre a lume forte. Cando comece a tomar cor, baixa un pouco o lume. Move o cazo ata que o azucre colla cor dourada.
– Verte o caramelo nos moldes de flan e rechea coa mestura.
– Enche con tres dedos de auga a bandexa do forno e coloca as flaneiras nela.
– Enforna durante aproximadamente 25 minutos.
– Unha vez listos, retira os flanes do forno e deixa arrefriar a temperatura ambiente. Despois, deixa arrefriar durante toda a noite na neveira.
– Ao día seguinte, quita os moldes e decora cun pouquiño de turrón picado.

 

Apúntaste ao batch cooking este Nadal? Organiza o teu frigorífico para que durante as festas non teñas que dedicar demasiado tempo á cociña e poidas estar coa familia. Lembra que é unha boa maneira de optimizar o teu tempo e a túa compra, así como de reducir o desperdicio. Ven a Gadis e poderás elixir entre unha ampla oferta de produtos frescos e de tempada cos que deleitar aos teus invitados!

Deja un comentario