Batch cooking de outono

Hai unhas semanas falámosche sobre o batch cooking, que consiste en dedicar unhas horas da fin de semana para preparar a base dos menús que irás consumindo durante a semana. É unha maneira perfecta de garantir uns pratos nutritivos e deliciosos, algo que moitas veces está rifado co ritmo de vida apresurado que levamos. Así, coa planificación dos pratos, podes elaborar un menú semanal equilibrado. Unicamente necesitarás un pouco de organización.

O outono é unha estación na que o cansazo se apodera de nós e esta pode ser a mellor forma de que a túa alimentación non se resinta. Só tes que planificar, combinar e dedicar dúas ou tres horas do teu día libre ás preparacións para que nada máis teñas que quentar o prato ao chegar a casa ou ao levalo á oficina. Aprenderás a optimizar o teu tempo e, aos poucos, lograrás integrar esta práctica na túa rutina de forma que ter uns hábitos de alimentación saudable xa non resulte unha quimera. Anímasche a probar?

Produtos de outono

O obxectivo do batch cooking é contribuír á adquisición de hábitos saudables, facilitando a posibilidade para comer alimentos naturais e evitando os ultra procesados. En Gadis mantemos un compromiso firme coa sustentabilidade e sempre destacamos a importancia de consumir alimentos de tempada e locais. Queremos poñercho fácil e recentemente lanzamos na nosa web Gadis saudable o calendario actualizado de froitas e verduras de tempada. Nel, atoparás información sobre a orixe do produto, a mellor forma de elección, a preparación máis adecuada e consellos para a súa almacenaxe.

O clima xa nos levou a substituír os pratos frescos do verán por caldos, sopas e cocidos. É o momento para consumir verduras como os grelos, as coles e os repolos, por exemplo. Ademais, a natureza é sabia e ofrécenos durante estes meses froitas que axudan a reforzar o sistema inmune grazas á vitamina C. Laranxas, pomelos e kiwis, entre outras, converteranse nos protagonistas da estación. Como integrar estes produtos nos nosos menús? Non te preocupes! Dámosche algunhas receitas para que programes a túa batch cooking de outono e sáqueslle o máximo partido para as comidas e as ceas de toda a semana.

Consellos para a organización do teu batch cooking de outono

Antes de propoñerche as receitas de tempada, queremos darche algúns consellos para a planificación da túa batch cooking. Estes son os aspectos que debes de ter en conta á hora de organizarche:

  • ­ A variedade de produtos de tempada permite infinidade de combinacións. Trata de buscar receitas equilibradas que teñan unha preparación base similar para optimizar o tempo. É recomendable que busques ingredientes ou preparacións que poidas usar en máis dun prato dos que compoñen o menú semanal.
    ­
  • Un dos aspectos máis importantes é a conservación. Recomendámosche que deixes as preparacións que poden conxelarse sen que afecte o resultado para o final da semana. Pola contra, as ensaladas ou os pratos que levan pataca deberían ser os primeiros en consumirse.
    ­
  • Recorre a técnicas que che permitan optimizar o tempo. Ese sería o caso dos marinados.
    ­
  • É recomendable que prepares cantidades máis grandes das preparacións ás que poidas sacar máis partido. Por exemplo, unha salsa, un caldo ou unha guarnición.
    ­
  • Elixe alimentos de tempada. É unha práctica sustentable e, ademais, estarán a mellor prezo e no seu momento óptimo de consumo.

Receitas para un batch cooking de outono

O menú do teu batch cooking ha de responder os gustos e preferencias da túa familia, pero queremos darche algunhas ideas que che permitan introducir novas receitas de outono.

Crema de cabaza ao xenxibre

É un prato sinxelo que ten propiedades antioxidantes e antiinflamatorias. A súa preparación non che levará máis de media hora e permitirache usar algún dos seus ingredientes noutras elaboracións.

Ingredientes:

  • 500 g cabaza
  • 1 ou 2 cenorias
  • 750 ml auga
  • Xenxibre en raíz
  • 1 culler pequena cúrcuma en po
  • 2 culleradas aceite de oliva virxe extra
  • Sal e pementa

Preparación:

  • Colocar a cabaza cortada en anacos e a cenoria en láminas nunha pota. Cubrir todos os anacos con auga.
  • Ferver a auga e baixar a temperatura a continuación.
  • Engadir un anaco de xenxibre pelado e a culler pequena de cúrcuma. Deixar que se coza a lume lento durante uns 15 minutos ou ata que as verduras queden brandas.
  • Escorrer a auga e triturar as verduras cun batedor ata lograr unha textura cremosa.
  • Engadir dúas culleradas de aceite de oliva, sal e pementa ao gusto. Deixar arrefriar antes de gardar para a súa conservación.

Quiché de cabaza, marmelo e gorgonzola

A quiché é un prato moi versátil que acepta case calquera ingrediente. A súa preparación é moi sinxela e pode comerse fría ou quente, algo que che permite certa flexibilidade á hora de planificar o teu menú.

Ingredientes:

  • 1 lámina de masa crebada
  • 700 g cabaza
  • 150 g de gorgonzola (podes cambialo por calquera outro queixo)
  • 75 g carne marmelo
  • 3 ovos
  • 150 ml nata para montar
  • 150 g crème fraîche
  • Aceite de oliva
  • Sae e pementa

Preparación:

  • Pre-quentar o forno a 220º.
  • Torar a cabaza en dados e colocala nunha fonte de forno. Regar cun pouco de aceite de oliva, engadir un pouco de sal e pementa, e enfornar uns 30 minutos.
  • Forrar un molde de 24 cm de diámetro coa masa crebada e picar todo o fondo cun garfo. Gardar no frigorífico durante uns 20 minutos.
  • Pasado ese tempo, cubrir o fondo da masa cun papel de forno e poñer uns pesos por encima (garavanzos ou fabas) para enfornar a 180º durante 30 minutos.
  • Sacar do forno, retirar os pesos e o papel, e introducir no forno de novo durante outros 10 minutos.
  • Transcorrido ese tempo, sacar do forno e repartir a cabaza sobre a masa co marmelo cortado en dados e o queixo feito faragullas.
  • Bater os ovos, a nata e a crème fraîche, e sazonar con sal e pementa.
  • Verter esta mestura sobre a cabaza, o queixo e o marmelo, e enfornar durante uns 40 minutos.
  • Deixar repousar antes de quitalo do molde. Podes comelo ao día seguinte.

Albóndegas vexetais de outono

Esta receita é quizá a máis complicada da proposta porque conseguir unhas albóndegas vexetais saborosas cunha textura agradable non é tarefa fácil, pero o resultado merecerá a pena.

Ingredientes:

  • 300 g cabaza
  • 1 batata mediana
  • 150 g champiñóns
  • 150 g cogomelos de outono
  • 100 g arroz branco
  • 100 g de quinoa
  • 1 cebola grande
  • 1 cullerada sésamo
  • 2 culleradas perexil picado
  • Sal

Preparación:

  • Enfornar a cabaza e a batata a 180 graos durante unha hora ou ata que estean brandos e a cabaza bastante dourada.
  • Cocer o arroz en auga salgada uns 25 minutos (ten que quedar bastante pasado). Escorrer e reservar.
  • Lavar a quinoa e fervela uns 15 minutos ou ata que dobre o seu tamaño e solte o xerme branco. Coar e reservar.
  • Pelar a cebola, picala e pochala nunha tixola a lume medio-baixo ata que estea ben melosa. Retirar da tixola.
  • Na mesma tixola, poñer os champiñóns e os cogomelos picados. Dourar ben a lume medio cun pouco de aceite.
  • Mesturar nun recipiente todos os ingredientes co perexil e o sésamo ata que se amalgame e quede unha masa branda.
  • Facer bólas un pouco máis grandes que unha noz, colocar sobre a bandexa do forno e introducir no forno a 180 graos. Enfornar as bólas durante uns 35-40 minutos ou ata que estean douradas e teñan un punto crocante por fóra.
  • Podes acompañar a receita con algunha salsa como unha maionesa ou un alioli.

Lembra que has de organizar a conservación das elaboracións unha vez preparadas. Organiza o teu frigorífico e dá renda solta á túa imaxinación expondo unha infinidade de combinacións. Ademais, como base podes preparar un arroz en branco que che servirá como acompañante de moitas receitas, como as albóndegas. Este outono poderás aproveitar mellor o tempo, optimizar a túa compra e reducir os desperdicios. En Gadis esperámosche para axudarche coa compra!

Deja un comentario