Apúntate á práctica do taichí

O verán é sempre un bo momento para iniciarse na práctica de actividades para as que custa atopar tempo o resto do ano. Despois da tensión acumulada durante os últimos meses, seguro que o teu corpo e a túa mente agradecerán a relaxación que pode proporcionarlles un exercicio como o taichí. A pesar da súa aparencia tranquila, considérase unha arte de combate, cuxo éxito reside no equilibrio físico e mental que logra cada persoa. Orixinario do Imperio chinés, a súa práctica foise estendendo por todo o mundo durante os últimos anos e hoxe coñéceselle como a “meditación en movemento”. Os exercicios que se practican son lentos e suaves, e traballan todos os músculos do corpo, potenciando a forza, a flexibilidade e o equilibrio. Resulta suxestivo, non che parece? Desde Gadis, queremos compartir contigo algúns dos principios básicos do taichí para que poidas empezar a practicalo.

Que é o taichí?

O taichí é un sistema non competitivo de exercicio con movementos suaves e fluídos que axudan ao estiramento e podes practicar ao teu propio ritmo. Cada postura flúe cara á seguinte para lograr que o corpo estea en constante movemento, mentres penetras en técnicas de respiración e meditación. Na actualidade, considérase unha práctica físico-espiritual que axuda a mellorar o estado do teu corpo e da túa mente. Existen diferentes estilos de taichí, pero todos comparten unha base de movementos suaves e exercicios de postura, de respiración e de meditación que axudan a soltar as articulacións, a relaxar o corpo e a modificar paulatinamente a túa postura para evitar sobrecargas. En definitiva, trátase de aprender e practicar varias secuencias de movementos nas que se adoptan distintas posturas, pasando harmonicamente dunhas a outras ata completar unha secuencia.

Quen pode practicar taichí?

Ao ser un exercicio de baixo impacto, o taichí é apto para calquera idade e estado de forma, e é unha disciplina moi recomendable para persoas maiores. Grazas á suavidade dos seus movementos, pode ser unha opción adecuada para aqueles que teñen algún tipo de lesión e para mulleres embarazadas, a condición de que se conte coa aprobación dun experto. Ademais, trátase dunha actividade que non require de equipamento especial e pode realizarse en calquera lugar (dentro e fóra de casa), polo que non é necesario efectuar ningún investimento para poder iniciarche nela.

Beneficios do taichí

A práctica habitual de taichí ten efectos moi positivos e pode mellorar a túa saúde. Estes son algúns dos seus beneficios máis coñecidos:

  • Reduce a tensión, a ansiedade e axuda a combater a depresión. As posturas de taichí están deseñadas para rebaixar a tensión muscular e as técnicas de respiración inducen a estados de serenidade. Ademais, a súa práctica axuda a equilibrar as emocións e reforza a autoconfianza.
  • Mellora o estado de ánimo.
  • Aumenta a capacidade aerobia. As técnicas de respiración profunda contribúen a aumentar a capacidade respiratoria.
  • Aumenta a enerxía e a resistencia. Os movementos de taichí están deseñados para activar o fluxo de enerxía e eliminar bloqueos, contribuíndo a fortalecer o organismo fronte ás enfermidades.
  • Mellora a flexibilidade, o equilibrio e a axilidade, axudando a combater a artrite e as dores musculares.
  • Aumenta a forza e define a musculatura. A maioría das posturas de taichí realízanse de pé. Trabállanse todas as articulacións e os exercicios fan que se osixenen e tonifiquen os músculos, fortalecendo o corpo e previndo a perda de masa muscular.
  • Aumenta a capacidade de concentración e mellora a calidade do soño.
  • Reduce o risco de lesións grazas ao aumento de forza muscular e das articulacións e á mellora do equilibrio corporal.
  • Reduce a tensión arterial grazas á combinación de exercicio aerobio con técnicas de meditación.
  • Mellora o sistema respiratorio e o sistema cardiovascular. Os movementos suaves e progresivos e a combinación de movementos dinámicos con pausas axudan a diminuír a frecuencia cardíaca á vez que aumenta a circulación. As técnicas de respiración que se aplican durante o exercicio aumentan a capacidade respiratoria e osixenan ao cerebro.
  • Fortalece o sistema inmunolóxico. Un estudo realizado en Taiwán demostrou que a práctica do taichí potencia a renovación celular a nivel inmunitario.
  • Mellora o autocoñecemento.

Como empezar a practicar taichí?

Se vas iniciarte no taichí, é recomendable que busques unha persoa que che guíe e que se adapte ás túas necesidades e expectativas para que vixile as túas prácticas e poida seguir a túa evolución, así como corrixir a túa postura. Tamén é importante atopar o lugar adecuado para o exercicio. Ao principio, é conveniente que sexa tranquilo e silencioso para facilitarche a concentración. En calquera caso, esta persoa poderá realizar recomendacións respecto diso. Trátase dunha actividade que podes facer en grupo ou en solitario. Podes probar dunha e outra maneira para descubrir cales son as túas preferencias.

É verdade que non necesitarás un equipamento específico, pero si has de utilizar roupa cómoda que non dificulte a execución dos movementos e un par de zapatillas, aínda que tamén podes optar por descalzarte para realizar a práctica.
Tómate o teu tempo e aparca as présas e a tensión antes de entrar en clase. Lembra que a base son movementos suaves, lentos e relaxados. Por iso, é importante que teñas paciencia á hora de executalos. Quizá non saian á primeira, pero, aos poucos, irás notando os avances.

Será o taichí a túa actividade do verán? Ten coidado porque engancha!

Deja un comentario