Aprendendo a compostar

Xa falamos noutras publicacións sobre a problemática do desperdicio alimentario, toda aquela comida que aínda tendo valor  nutritivo termina no lixo. Unha vez que se deposita no colector incorpórase ao ciclo de xestión de residuos, perdendo parte do seu valor.
Se tes unha casa cunha leira e/ou terraza, no medio rural ou na cidade podes aproveitar parte dos teus residuos orgánicos dunha forma ecolóxica. A través da compostaxe, anímaste a iso? 😉

Que é a compostaxe?

A compostaxe é un proceso biolóxico que está realizado por unha serie de microorganismos (fungos e bacterias) e por organismos de maior tamaño (como insectos pequenos ou miñocas). Todos eles van a triturar, comer e dixerir os residuos orgánicos, transformándoos no produto que buscamos, o compost.
A compostaxe doméstica vese influída por:

  • O tamaño do residuo: un tamaño óptimo de residuo entre 1-5 cm, tentando combinar capas finas e grosas, o que axuda ao paso do aire.
  • A relación carbono-nitróxeno: débense combinar residuos ricos en nitróxeno que aceleran a descomposición con residuos ricos en carbono que a retardan. En liñas xerais, os materiais ricos en carbono son aqueles marróns e secos ( ramas, palla, restos de poda, etc.) e os ricos en nitróxeno os verdes e húmidos (restos de cociña, herba verde, esterco, etc.).
  • A aireación: a compostaxe doméstica é un proceso aerobio; é dicir, necesita osíxeno en todo momento. Por iso, unha das tarefas básicas da compostaxe é voltear continuamente a pila de residuos.
  • A humidade: para unha óptima compostaxe, o material debe estar en todo momento húmido, pero non gotear.
  • A temperatura: a degradación da materia orgánica prodúcese entre os 35 e os 65 graos centígrados.  

Algunhas vantaxes da compostaxe

A natureza está conformada por diferentes ecosistemas con procesos cíclicos pechados e interconectados entre si. Cando as persoas consumimos produtos, neste caso alimentarios, e non os devolvemos ao medio, estamos a romper este ciclo ou, máis ben, deixándoo aberto. A compostaxe axúdanos a pechalo. Pero non é esta a súa única vantaxe, tamén:

  • Xera un produto orgánico que mellora as propiedades do chan e permite reducir a cantidade de fertilizantes químicos.
  • Aumenta a capacidade de retención de humidade do chan, o que axuda a controlar a erosión.
  • Aumenta a fauna do chan.
  • Crea un sumidoiro de CO2, polo que contribúe á loita contra o cambio climático. Ademais, ao tratar o residuo no lugar onde se produce evítanse emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas ao transporte para o seu tratamento.

Por onde empezamos?

    1. Busca un espazo na túa leira, xardín ou terraza para montar un  composteiro. Ten en conta que o  composteiro debe estar en contacto directo coa terra para favorecer o acceso aos organismos naturais que producen o compost. Tamén é recomendable que se atope nun lugar sombreado e protexido de cambios bruscos de temperatura e humidade.
    2. Instala o  composteiro. Pode ser artesanal (feito con  palés ou con redes e mallas) ou comercial. Tamén se necesita un recipiente na túa cociña para o depósito dos residuos orgánicos, unha pa ou  aireador para remover o compost e unhas tesoiras de poda, para cortar os residuos máis grandes.
    3. Constrúe unha base de restos de poda de 10-15 cm de espesor. Isto vai axudar a que se aireen e  drenen os residuos que se colocan xusto encima.


Cando teñas todo listo, xa podes empezar a  compostar os teus residuos orgánicos e restos de comida. Froita e verdura, casca de ovo, pousos de café e té, arroces e pasta cocida, pan, casca de froitos secos… Tamén céspede, restos de poda, parte da colleita da horta estragada, fibras naturais, entre outros.

Recursos para nenos e nenas sobre compostaxe:

Involucrar ás túas fillas e fillos ou aos teus alumnos no proceso de compostaxe serve para vinculalos coa natureza e facer que tomen conciencia de que é posible devolver os residuos orgánicos ao seu ciclo natural, contribuíndo á mellora ambiental do planeta.
A continuación, deixámosche unha serie de ideas de actividades para realizar cos e coas pequenas da casa:

  • Nenas/os da etapa de educación infantil: podes visualizar con eles este vídeo de Sésamo Street ou buscar en Youtube o capítulo de Peppa Pig sobre o Compost. Vailles encantar!
  • Nenas/os de 1-2º de educación primaria: proba a realizar plantacións co mesmo tipo de semente en dous recipientes diferentes. Nun deles bota compost e no outro, terra normal. Comenta co alumnado as diferenzas que vaias apreciando.
  • Nenas/os de 3-4º de educación primaria: fálalles da  vermicompostaxe, o compost producido por lombrigas. Investiga na rede todas as opcións existentes, entre as que se atopa o Manual de vermicompostaxe do Goberno de Canarias.
  • Nenas/os de 5-6º de educación primaria: poden realizar unha experiencia de stop  motion, a través do recurso educativo de Sogama. Compostaxe Doméstica. Só necesitan un ordenador e a xogar!

Podes coñecer máis sobre a compostaxe consultando estas referencias:

 

Deja un comentario