Almorzo saudable

Un almorzo saudable é a mellor forma de comezar o día. Propoñémosche varias receitas para ter un inicio de día fantástico. Anímaste?
Durante anos díxosenos que o almorzo é a comida principal do día e aínda que esta afirmación non é de todo certa, si temos que valorar a súa importancia como primeira comida do día. Como vos contamos no Tráiler Saudable, unha dieta saudable inclúe cinco comidas ao día: almorzo, merenda de media mañá, comida, merenda e cea.

Como facer un almorzo saudable?

Dentro da planificación de cinco comidas ao día, o almorzo debería achegar o 20% ou 25% do total da enerxía diaria. Ademais de facer un almorzo completo, temos que ter en conta que é moi importante dedicarlle tempo para a súa inxestión. Necesítanse entre 15 e 20 minutos para que un almorzo sexa saudable para o noso corpo, debemos afacernos a comer con calma e mastigando ben.
Aínda que ás veces o ritmo de vida nos obrigue a facer todo rápido e teñamos a sensación de que non temos tempo para nada, debemos reflexionar e darnos estes minutos de paz para poder afrontar o día con máis vitalidade.
Somos moi afortunados. Vivimos nunha contorna que nos proporciona todos os alimentos necesarios para realizar un almorzo saudable. As compras de proximidade son un elemento crave para poder ser sustentables coa nosa alimentación e a nosa contorna, desta forma, coidándonos nós tamén coidamos o planeta. ?

Almorzo Mediterráneo

Un almorzo mediterráneo debe conter unha ou dúas pezas de froita. Tradicionalmente considérase o zume como parte dun almorzo saudable pero é moito mellor poder inxerir unha ou dúas pezas de froita. Conteñen moitas máis vitaminas e menos azucres, dado que o zume é unha dose máis concentrada.

Acompañaremos as pezas de froita cunha torrada de pan integral. No noso territorio sabemos moito de pans de calidade e en cada rexión hai un típico. Recomendámosche que te deixes pasar polo teu Gadis máis próximo e visites as nosas panaderías, atoparás un montón de variedades adaptadas a todos os gustos e necesidades.
A torrada de pan poderás acompañala dun pouco de AOVE (Aceite de Oliva Virxe Extra) e dun ou dous liscos de xamón. Se necesitas unha dose extra de enerxía podes acompañalo dun café con leite ou un té.

Almorzo Atlántico

Unha alternativa ao almorzo mediterráneo é o Atlántico, iso si, apto para aqueles que sigan preferindo o almorzo salgado ao doce. Ao estar tan próximos ao mar temos moitas opcións para integrar o peixe na nosa dieta e cada vez máis especialistas recomendan o seu consumo. As latas de conservas poden ser un recurso formidable para elaborar un almorzo saudable.
Seguindo coa base da torrada de pan integral, podes elaborar un triturado de tomate natural cunha culler de  AOVE. Podes facela un día e gardala nun táper para varios almorzos! Á torrada e ao tomate pódeslle engadir unha lata de  atún, de sardiñas ou de mexillóns. Mellor se estas son ao natural.

Almorzo doce saudable

Pero se claramente o almorzo salgado non é o teu, traémosche alternativas saudables doces.
Iogur con avea:
É un almorzo clásico saudable: iogur ou kéfir ecolóxico, con avea e froita de tempada. Combina todos os nutrientes necesarios para empezar o día con dinamismo e se necesitas unha dose extra de enerxía, podes incorporar unha  culler pequena de  panela ou de mel de flores.
Granola caseira:
Realizar granola caseira pode ser unha alternativa moi saudable como complemento no almorzo. É tan sinxela de preparar que poderán axudarche os nenos! Propoñémosche a seguinte receita:
● 400 g de flocos de avea
● 100 g de améndoas naturais
● 100 g de abelás naturais
● 65 g de sementes (de chía, sésamo, de cabaza, pipas..)
● 2 culleriñas de canela en po
● 150 g de mel
● 100 g de aceite de coco
● 2 culleriñas de extracto de vainilla
● 75 g de arándanos secos ou pasas.
Poñemos a quentar o aceite de coco, co mel e a vainilla. Noutro recipiente mesturamos a avea, cos froitos secos, sementes e canela. Engadímoslle a mestura anterior derretida.Poñemos toda a mestura estendida nunha bandexa de forno e enfornámolo 25 minutos a 170º, removendo de cando en vez. Deixámolo arrefriar e engadimos arándanos secos ou pasas.
Esperamos que desde agora non teñas máis escusas para empezar o día da mellor forma posible. Cun almorzo saudable!

Deja un comentario