Gadis e Xogos Paralímpicos

Fecha: Agosto 24, 2021

Tras o aprazamento do verán pasado pola situación sanitaria, por fin estase a celebrar Tokyo 2020. Os Xogos Olímpicos clausuráronse o pasado 8 de agosto cun gran resultado para o equipo español. Parabéns a todos os e as deportistas! Especialmente aos/ás nosos/as medallistas Teresa Portela, Ana Peleteiro, Nico Rodríguez e Iván Villar. Agora é o turno dos Xogos Paralímpicos que se inauguran hoxe e cuxas probas se prolongarán ata o próximo 5 de setembro. Sabías que Gadis leva quince anos apoiando ao equipo paralímpico español? Como parte do noso compromiso co deporte e a igualdade de oportunidades, colaboramos co Comité Paralímpico Español a través do Plan de Apoio ao Deporte Obxectivo Paralímpico (ADOP). Desta forma, seguimos contribuíndo á consolidación e a continuidade do deporte paralímpico español, que comezamos a apoiar durante a preparación para os Xogos de Pequín 2008. Estas son as nosas cuartas Olimpíadas ao seu lado. Ademais, este patrocinio non só nos permite estar presentes nun acontecemento deportivo de interese internacional, senón que nos axuda tamén a fomentar o deporte na sociedade. Xa sabes que non nos cansamos de dicirche que a actividade física é clave na adquisición de hábitos saudables e hoxe imos lembrarcho 😉.

Xogos Paralímpicos

Os primeiros Xogos Paralímpicos celebráronse en 1960 en Roma grazas a Ludwig Guttmann, quen desenvolveu o proxecto duns Xogos Internacionais para Discapacitados co mesmo rango e recoñecemento que os Xogos Olímpicos. A competición tivo lugar nas mesmas instalacións que os Xogos Olímpicos finalizados uns días antes, nas que se realizaron os acondicionamentos técnicos necesarios para garantir a accesibilidade de todos os deportistas. Con todo, cabe sinalar que o Comité Olímpico Internacional non aprobou o termo Xogos Paralímpicos ata 1984.

Durante esa primeira edición, participaron máis de 400 deportistas en cadeira de rodas procedentes de 23 países (entre os que non se atopaba España por carecer dunha estrutura nacional) e que competiron en probas de oito deportes distintos:

  • Atletismo
  • Baloncesto en cadeira de rodas masculino
  • Dartchery
  • Esgrima
  • Natación
  • Snooker
  • Tenis de mesa
  • Tiro con arco

Sen dúbida, os Xogos de Roma abriron o camiño para un novo modelo de reincorporación das persoas con discapacidade á sociedade e ao mundo do deporte. Sesenta anos despois, en Tokio 2020, o programa paralímpico está composto por 22 deportes, entre os que se estrean o bádminton e o taekwondo, e España competirá en 15 deles. Está prevista a participación de máis de 4.400 deportistas procedentes de 170 países e o equipo español estará integrado por 139 deportistas.

 

Plan ADOP e Gadis

O Plan Apoio ao Deporte Obxectivo Paralímpico (ADOP) é unha iniciativa do Consello Superior de Deportes, o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, o Ministerio de Facenda e o Comité Paralímpico Español cuxo obxectivo é proporcionar aos deportistas paralímpicos españois as mellores condicións para poder levar a cabo a súa preparación e formar parte do equipo español nos Xogos Paralímpicos.
Gadis é unha das empresas españolas que apostaron polo deporte paralímpico para transmitir á sociedade algúns dos valores que estes atletas representan: esforzo, superación, traballo en equipo… O noso patrocinio do Plan ADOP remóntase a 2007 e, con el, apoiamos economicamente aos deportistas paralímpicos durante a súa preparación para os Xogos. Grazas ás achegas realizadas, estes atletas contan cos medios necesarios para dispoñer de bolsas e axudas para o adestramento, asistir a un maior número de concentracións e competicións internacionais ou contar con técnicos, adestradores, persoal de apoio, material deportivo específico ou servizos médicos, entre outros.

A importancia deste Plan e os seus logros evidéncianse no incremento de deportistas españois clasificados para estes Xogos con respecto a Río de Janeiro 2016. Dos 127 que competiron en Brasil pasamos aos 139 que o farán en Xapón. Así mesmo, nesta ocasión, o 33% da expedición nacional son mulleres fronte ao 25% dos Xogos anteriores.
Paralelamente a este patrocinio, Gadis organiza tamén diferentes actividades para contribuír á difusión do espírito deportivo dos Xogos Olímpicos.

Contáxiate do espíritu paralímpico

Quizá xa practicas algún deporte de maneira habitual, pero se non o fas, por que non aproveitar a ocasión para contaxiarte do espírito deportivo? A actividade física é esencial para manter e mellorar a túa saúde, e contribúe á prevención de enfermidades. Podería dicirse que tería que ser unha obrigación para calquera persoa. Se non tes moi claro como empezar, podes consultar as directrices e recomendacións da OMS para obter información detallada sobre o nivel de actividade recomendado segundo o grupo de idade e de poboación específico.

Diversos estudos científicos demostraron que o deporte proporciona múltiples beneficios para a saúde, tanto físicos como psicolóxicos e sociais:

  • Reduce o risco de padecer enfermidades cardiovasculares, tensión arterial alta, cancro de colon e diabetes.
  • Axuda a controlar o sobrepeso, a obesidade e a porcentaxe de graxa corporal.
  • Fortalece os ósos.
  • Fortalece os músculos e mellora a capacidade para facer esforzos sen fatiga.
  • Aumenta as destrezas motrices.
  • Mellora o estado de ánimo e diminúe o risco de padecer estrés, ansiedade e depresión.
  • Aumenta a autoestima e proporciona benestar psicolóxico.
  • Fomenta a sociabilidade.
  • Aumenta a autonomía e a integración social.
  • Contribúe ao desenvolvemento integral de la persona.

Prefires ver os Xogos dende o sofá ou es das persoas ás que lle gusta poñerse en movemento? Non notaches que te sentes moito mellor despois de realizar algunha actividade física? Contáxiate do espírito olímpico e dálle continuidade. O teu corpo e a túa mente agradecerancho!
Moita sorte ao equipo paralímpico español! En especial á delegación castelaleonesa con Marta Fernández e María Ruíz ao fronte dun equipo de 4 deportistas e á delegación galega, con Susana Rodríguez de abanderada dun equipo de 16 deportistas.