Especial #GadisSalud: o albaricoque

Fecha: Xuño 8, 2023

Xunto coa sandía e o melón, as froitas de óso son un clásico da despensa estival. Unha das pezas que adoita gustar a pequenos e a adultos por igual é o albaricoque. Unha froita doce e zumarenta que aparece na sección de froita e verdura dos nosos supermercados cando a primavera está a dar as últimas rabexadas. Hoxe dedicámoslle o especial #GadisSalud porque queremos contarche algunhas das súas múltiples propiedades e darche algunha idea de receita estival, agora que xa non queda nada para cambiar de estación. Apetéceche saber máis? Segue lendo!

Orixe e variedades do albaricoque

Orixinario das montañas de Asia central, o albaricoque é o froito do albaricoqueiro (Prunus armeniaca), unha árbore da familia das rosáceas que pode chegar a dar ata 100 kg. Foron os romanos os que o introduciron en Europa. Na actualidade, cultívase en diversos países asiáticos, europeos e americanos. En España, hai unha gran produción, a máis importante sitúase na conca do Mediterráneo.
O albaricoque parécese ao pexego. É unha froita tenra, carnosa, cunha cor entre amarelo e vermello que depende do nivel de maduración. Existen distintas variedades e estas son as máis coñecidas:
Bulida. É unha variedade de albaricoque español. De tamaño grande e pel amarela, a súa carne é doce e zumarenta. Ten un aroma potente.
Canino. Tamén de orixe española, é redondo e de gran tamaño. A súa cor é amarela intensa, case alaranxada. A carne é firme e de sabor e aroma intensos.
Currot. De tamaño pequeno, é a variedade máis temperá. A súa pel é delicada, de cor branca rosácea. A pulpa é esbrancuxada, ten pouca carne e é de sabor acedo.
Galta roxa. É unha das variedades máis consumidas en España. Coñécese tamén como “valenciano”. Son os máis grandes do mercado, a súa pel chama a atención porque é metade vermella e metade amarela ou alaranxada. A pulpa é alaranxada e moi doce.
Ginesta. É unha variedade moi apreciada pola súa pulpa carnosa de sabor suave e delicado. A pel é esbrancuxada e a forma, esférica. É unha das máis precoces do mercado.
Mitger. É unha variedade moi consumida no noso país. De gran tamaño e pel fina e aterciopelada, a súa carne é esbrancuxada amarelada, doce e zumarenta.
Nancy. É unha variedade francesa que tamén se produce en Italia e Grecia. É ovalado e de gran tamaño, zumarento. O seu sabor doce ten un toque acedo e gran aroma. Adoita estar inchado na base e ten abolladura no pico. É de cor amarela con vetas vermellas.
Moniquí. De cor sonrosado e forma ovalada esmagada, ten un gran tamaño. A carne é zumarenta e moi doce. A súa produción é baixa e non é frecuente atopalo no mercado.
Paviot. É outra variedade de gran tamaño. De cor alaranxada con toque de vermello intenso, a carne é amarela, fina e perfumada.

Os beneficios do albaricoque

O albaricoque ten un contido nutricional no que destacan as vitaminas A, C e E, así como algunhas do grupo B (folato, niacina, riboflavina etc). Tamén ten varios minerais como potasio, fósforo, calcio, ferro, selenio e zinc. Ademais, contén fibra e é unha froita moi saudable con poucas calorías e un índice glucémico baixo. Son moitos os seus beneficio e estes son algúns dos máis importantes:
– É un antioxidante natural grazas ao seu contido en betacaroteno e vitaminas A, C y E.
Protexe frente a enfermidades como a diabetes e algunhas patoloxías do corazón polo seu aporte de flavonoides (catequina e quercetina).
– Axuda a combatir a retención de líquidos debido ao aporte de potasio, que ten acción diurética.
– Ten acción antiinflamatoria polo seu contido en taninos.
Prevén enfermidades da vista como a dexeneración da retina, a cegueira nocturna ou a perda de visión grazas ao seu contido en vitamina A.
– O seu alto contido en ferro axuda a combatir a anemia ferropénica.
– Favorece unha boa evacuación intestinal e prevén o estreñimento.
– Reforza o sistema inmunitario e actúa sobre o sistema nervioso, axudando a reducir o estrés.
– Contribúe a regular os niveis de colesterol en sangue.

Cociña con albaricoque

O albaricoque é unha froita moi versátil para a cociña. Podes utilizalo en tortas, sorbetes, macedonias e marmeladas, pero tamén en pratos salgados, engadíndoo a ensaladas ou como guarnición. Pódense conservar dous ou tres días a temperatura ambiente e ata unha semana no frigorífico. Se os metes na neveira, recomendámosche que os gardes na parte baixa sen amontoalos. Aquí tes unha receita para un almorzo de verán especial.

Tostas de albaricoque asado con queixo de cabra

Ingredientes
– 4 albaricoques lixeiramente maduros
– Allo granulado
– Sal grosa
– Romeu fresco ou seco
– Tomiño fresco ou seco
– Pementa negra moída
– Aceite de oliva virxe extra
– Ralladura de limón
– Ourego seco
– Albáfega fresca
– 4 medallóns de queixo de cabra
– Pan integral
Preparación
1. Prequenta o forno a 200ºC e prepara unha bandexa ou fonte con papel ou engrasáa con aceite.
2. Lava os albaricoques e ábreos pola metade, refugando os ósos. Coloca as metades de albaricoque na bandexa para o forno e rega con aceite de oliva virxe extra. Salpimenta e engade un pouco de allo granulado, romeu e tomiño.
3. Enforna durante uns 10 minutos, ata que estean moi tenros e solten os seus mollos. Evita que se desfagan demasiado.
4. Curta rebanadas de pan e tosta no forno ou na tostadora.
5. Mestura o queixo de rulo de cabra con ralladura de limón, pementa negra e ourego.
6. Prepara as tostas repartindo dúas metades de albaricoque por unidade e coloca o queixo de cabra sobre elas. Engade un chorro de aceite e follas de albáfega fresca.
Que che parece esta proposta de almorzo? Ou o ves máis como merenda? Cóntanos!