Especial #GadisSalud: a castaña

Fecha: Novembro 10, 2022

Novembro é o mes das castañas e, en Galicia e tamén nalgunha zona de Castela e León, celébranse os magostos. Esta festa tan arraigada na tradición galega adoita ter lugar durante a primeira quincena para degustar as castañas no seu punto óptimo de maduración. O certo é que a cataña é un produto ao que sempre se lle concedeu un lugar importante na gastronomía galega. Quizá pola súa antigüidade, xa que os seus primeiros cultivos datan do Paleolítico, ou pola abundancia de castiñeiros na nosa rexión. Así, na nosa Comunidade atópanse as maiores concentracións de castiñeiros de España (xunto con Estremadura e Andalucía) e é a principal zona de cultivo do noso país. A castaña galega conta, ademais, cunha IGP (indicación xeográfica protexida) que avala a calidade do produto.
Se es de quen se pasa o ano esperando o outono para poder degustar esta delicatessen, hoxe estás de sorte! Dedicamos o noso especial #GadisSalud á castaña e imos compartir contigo algunhas curiosidades, algúns dos seus beneficios máis importantes e, como non, unha receita. Segue lendo!

Orixe dos magostos

Entre o 31 de outubro e o 11 de novembro, festividade de San Martín, son varios os pobos españois que organizan magostos -coñecidos tamén como magostu, magüestu ou amagüestu, calbote ou calbotá-, a festa coa que se celebra a recolección das castañas. Trátase dunha tradición de orixe medieval, que recibe ese nome pola fogueira preparada para asar as castañas, ao redor da que se reúne a xente para compartir e acompañar estes froitos co viño da recente colleita.
A tradición varía dependendo da zona de Galicia, pero é unha celebración especialmente importante na provincia de Ourense e no sur de Lugo. Son estas as zonas que contan cun maior número de soutos ou castiñeiros. E, aínda que poden celebrarse en locais, casas e outros espazos, o seu é facelo nos propios soutos, ao redor dunha lareira (cociña) ou nas prazas dos pobos e cidades. Así se vive en toda a súa esencia! 😉

 

Os beneficios da castaña

Seguro que, coa baixada de temperaturas, o cheiro das castañas asadas que impregna o ambiente faise irresistible. Pois temos unha boa noticia! Son un tentempé moi saudable polos seus hidratos de carbono complexos e a súa riqueza nutritiva. A súa composición fai que o nivel de glicosa sanguíneo aumente de forma lenta e sostida, o que as converte nunha opción perfecta cando se necesita unha achega extra de enerxía. Estes son algúns dos seus beneficios máis destacables:
– É rica en vitamina C e contén tamén vitaminas A e E e compostos fenólicos, polo que ten un importante poder antioxidante. Para aproveitalo ao máximo, é recomendable o seu consumo en cru.
– É un alimento saciante debido ao seu contido en fibra e en hidratos de carbono complexos.
Fortalece os dentes e os ósos grazas ao seu contido en calcio, fósforo e magnesio.
– Estimula o funcionamento do sistema nervioso. Os minerais e as vitaminas do grupo B que contén contribúen a previr alteracións ou enfermidades de tipo neurolóxico.
– O seu consumo é recomendable para persoas con diabetes porque os carbohidratos de absorción lenta non producen picos de insulina no sangue e a arginina contribúe a que a insulina traballe de maneira máis efectiva.
– Ten efecto cardioprotector polo seu contido en graxas saudables, ácidos graxos omega 6 e omega 3.
– Favorece o tránsito intestinal e ten efecto prebiótico.
As castañas teñen fama de resultar algo indixestas, pero hai truco! Evita comelas moi verdes ou frescas, recentemente caídas da árbore. Xusto nese momento, teñen un contido moi alto en taninos, que diminúe conforme pasa o tempo e o amidón vaise transformando en azucres simples que resultan máis dixeribles.

Cociña con castañas

Aínda que o típico é tomar as castañas asadas ou nalgunha preparación tipo marrón glacé, hoxe propoñémosche outra maneira de consumilas, que pode converter as túas ensaladas de outono nun prato enerxético. Aquí deixámosche un tip para elixir as castañas cando vaias á compra. Fíxate na súa pel! Ha de ser tersa, non ter manchas e ser firme ao tacto. Se están moi duras, adoitan ser demasiado frescas e se parecen ocas ou están brandas, están algo vellas. Para conservalas, busca un lugar seco e ventilado e non as gardes nunha bolsa de plástico.

Ensalada de castañas

Ingredientes
– Leituga (da variedade que prefiras)
– 1 mazá Golden
– 1 cebola vermella pequena
– 175 g castañas cocidas
– 200 g remolacha cocida
– 4-6 liscos de xamón serrano
– aceite de oliva
– vinagre
– mostaza de Dijon
Preparación
1. Quenta o forno a 180º. Coloca os liscos de xamón serrano nunha bandexa e enforna durante uns dez minutos ata que estean crocantes.
2. Coloca a leituga nun bol, engade as castañas cocidas partidas e a remolacha cocida cortada en anaquiños. Corta a mazá en anaquiños moi finos e agrégaa tamén.
3. Corta a cebola moi fina e mestúraa nun tazón co vinagre. Deixa repousar 10 minutos. Engade un pouco de mostaza de Dijon e de aceite. Salpimenta e bate cun garfo ata que se espese lixeiramente. Agrega o aderezo á ensalada e mestura todo ben.
4. Parte o xamón crocante e colocao sobre a ensalada xa aderezada e lista para servir!
Es fan das castañas? Xa celebraches algún magosto este ano? Se non o fixeches, aínda hai tempo!