
Ceas de verán co prato ALIMENTES

Como nos gustan as ceas de verán! Son unha boa fonte de enerxía despois deses días longos de estío e pódense gozar sen présas e, se é posible, nunha terraza ou xardín, non che parece? Para ti, que características debería reunir a cea de verán perfecta? A nosa aposta é sinxela: pratos lixeiros, refrescantes, saudables, sinxelos, rápidos de preparar e en boa compañía. Porque estes meses non queremos pasar moito tempo na cociña. O importante nestas datas é gozar do tempo libre coa nosa xente 😉. Con todo, isto non quere dicir que as túas ceas teñan que ser repetitivas ou aburridas. Hai infinidade de posibilidades para lograr menús variados e equilibrados! Xa sabes que, este ano, en Gadis lanzamos unha nova ferramenta da que podes botar man para planificar ceas sas e deliciosas coas que sorprender a calquera comensal: o prato ALIMENTES. O menú saudable. Hoxe compartimos algunhas ideas para que non teñas moito que pensar á hora da cea e aproveites as túas veladas ao máximo. Segue lendo!
Ceas co prato ALIMENTES
Se pensamos en ceas de verán, o primeiro que adoita vir á mente son propostas lixeiras e refrescantes. Non queremos deitarnos con pesadez de estómago e as temperaturas estivais demandan propostas máis frescas. O prato ALIMENTES permíteche deseñar un menú equilibrado no que incluír as cantidades adecuadas de cada grupo de alimentos. A cea debería representar o 25% do total da túa inxesta diaria e incluír as seguintes proporcións dos distintos grupos de alimentos: ½ prato de vexetais e froitas, ¼ prato de proteínas saudables (fundamentalmente, aves, peixe ou legumes) e ¼ prato de grans integrais (pan, pasta e arroz integrais, quinoa ou pataca). Pero, como che dicimos sempre, estas proporcións son orientativas. Podes ir “compensandoas” ao longo do día.
Tres ceas co prato ALIMENTES
Ensalada César de brócoli

Para as noites de verán, propoñémosche darlle unha volta á típica ensalada César e engadirlle brócoli. Un alimento de tempada con moitas propiedades saudables e que é lixeiro á vez que saciante. O ideal é que o utilices cru, pero se algún padal non está afeito, podes fervelo un par de minutos, sempre mantendo certa tersura. É clave para o prato.
Ingredientes (2 persoas)
– 1 brócoli
– 1 dente de allo
– Anchoas
– Zume de limón e a súa reladura
– Vinagre de mazá
– Mostaza de Dijon
– 1 iogur natural
– 1 leituga
– Queixo parmesano
– Pementa
– Aceite de oliva virxe extra
Preparación
– Corta o brócoli, de forma que os anacos teñan máis ou menos o mesmo tamaño. Lava e escorre con suavidade.
– Se non queres usar o brócoli cru, escaldao un par de minutos en auga fervendo e arrefría rapidamente.
– Pica un par de anchoas moi finas e o dente de allo. Colócaos nun cunco e engade un pouco de mostaza, vinagre, zume de limón e iogur. Bate cun garfo ou variñas. Agrega un chorriño de aceite sen deixar de bater ata emulsionar e ter unha salsa homoxénea. Engade 2 culleradas de queixo parmesano relado e mestura ben. Proba para axustar o sabor.
– Coloca o brócoli nunha ensaladeira. Lava a leituga e córtaa á xuliana antes de engadila. Incorpora a salsa e mestura ben antes de agregar a reladura de limón, pementa negra moída e máis queixo ao teu gusto. Lista para tomar! Se aínda non inxeriches a cantidade diaria recomendada de grans integrais, podes acompañar cunha torrada de pan integral.
Crema fría de cenoria e mango

Unha alternativa sinxela aos socorridos gazpacho e salmorejo andaluz que achegará moito sabor ás túas noites de verán.
Ingredientes (2 persoas)
– ½ apio
– ½ mango
– 500 g cenorias
– Auga
– Sal
– Xenxibre fresco
Preparación
– Limpa o apio e retira as hebras. Pícao en anaquiños, reservando uns cuantos para decorar os cuncos nos que servirás a crema.
– Pela as cenorias e saca a carne da metade do mango.
– Coloca, nun cazo, o apio e as cenorias cortadas en anacos. Cobre con auga, engade sal e coce durante uns 20 minutos ata que as cenorias estean tenras e sexan fáciles de triturar.
– Pon nun vaso de batedora, as cenorias cocidas, o mango, o apio e un pouco de xenxibre. Tritura ata obter textura de puré. Se está demasiado espesa, podes usar parte da auga da cocción para diluír.
– Deixa arrefriar e garda na neveira polo menos un par de horas para servir á temperatura adecuada. En cada cunco, engade uns anaquiños de apio que achegarán frescor e textura. Se queres achegar proteínas, podes engadir uns taquiños de xamón como guarnición.
Salpicón de polbo

Para preparar esta receita, podes comprar un polbo fresco ou unha peza envasada xa cociñada, que che permitirá aforrar tempo.
Ingredientes (4 persoas)
– 1 peza de polbo
– 1 ceboliña
– ½ pemento verde
– ½ pemento vermello
– 1 dente de allo
– Perexil
– Pementón
– Aceite de oliva virxe extra
– Vinagre
– Sal
Preparación
– Se optaches por cociñar o polbo, primeiro terás que cocelo. Unha vez listo, deixa enfríar antes de cortar cunha tesoira.
– Pica o allo, a ceboliña e os pementos en anacos pequenos.
– Nunha ensaladeira grande, coloca os anacos de polbo, o dente de allo, a ceboliña e os pementos.
– Mestura todo e engade o aceite de oliva virxe extra, o vinagre, o perexil picado e o pemento. Salga a mestura e déixaa en repouso no frigorífico durante media hora antes de servir.
– Podes acompañar dunha torrada de pan integral se aínda non consumiches a cantidade recomendada.
Anímaste a preparar algunha cea ALIMENTES? Non deixes de contárnolo se o fas.