Cánto sabes de terapias con animais?

Fecha: Maio 4, 2022

Hoxe, no blogue Gadis Saudable, traemos un tema do que nos fai moita ilusión falar: as terapias con animais. Xa sabes que temos debilidade por eles e, de feito, contamos cunha campaña solidaria (Alimenta a amizade) para axudar aos que non teñen fogar e están ao coidado de entidades. Nesta entrada, imos amosarte que os animais tamén poden coidarnos. Para iso, faremos unha pequena introdución sobre o seu papel como terapeutas, pero animámoste a investigar máis pola túa conta porque poderás descubrir cousas moi interesantes.
As terapias asistidas con animais teñen como finalidade traballar diferentes necesidades das persoas a través do vínculo que xeran cun animal como recurso terapéutico. O público obxectivo destas actividades é moi variado; desde persoas maiores a nenos e nenas con algún tipo de dificultade. Os beneficios destas terapias son moitos e moi variados, xa que se poden traballar diferentes aspectos: físicos, emocionais, cognitivos, de relacións interpersoais, etc. Queres saber máis? Segue lendo!

Que é a Intervención Asistida con Animais?

Antes de seguir profundando no tema, é importante establecer a distinción entre ‘actividade’ e ‘terapia’ porque é clave para entender mellor en que consiste a Intervención Asistida con Animais e evitar, así, cometer o erro de “metelo todo no mesmo saco”:
– As Actividades Asistidas con Animais (AAA) adoitan ser grupais, buscan a socialización e a creación dun ambiente agradable. Normalmente, están moi acoutadas no tempo e organízanse como actividades recreativas para calquera tipo de público.
– A Terapia Asistida con Animais (TAA), pola contra, adoita ser un programa a longo prazo, deseñado para lograr uns obxectivos específicos cun paciente concreto. A persoa responsable do programa é un ou unha profesional do ámbito da saúde que busca traballar directamente habilidades físicas ou cognitivas da persoa. Un exemplo de TAA serían os cans de terapia que acompañan a persoas con autismo.
As persoas beneficiarias dunha terapia con animais poden ser moi diversas: persoas afectadas con algunha discapacidade ou algunha patoloxía como TDHA, alzhéimer, depresión, esclerose múltiple ou ansiedade. Tamén se demostrou a súa eficacia en grupos sociais sometidos a situacións de estrés ou en risco de exclusión social como persoas ingresadas en residencias, centros de menores ou centros penais. Así se evidenciou co programa “Can Xudicial”, desenvolto pola Fundación Affinity en colaboración co Departament de Justícia da Generalitat de Catalunya. En 2017, comezaron unha experiencia piloto de terapia asistida con cans para as vítimas de violencia de xénero e de delitos contra a liberdade sexual. Comprobouse que a presenza dos animais reducía notablemente os niveis de estrés das vítimas e melloraba a súa confianza e autoestima cando tiñan que acudir aos xulgados para declarar.

Happy kids stroking cute dog

Tipos de terapia con animais

Aínda que posiblemente a terapia asistida con animais máis estendida sexa a canina, esta non é a única especie coa que se desenvolven programas con éxito. É verdade que os cans son os animais cos que adoitamos estar máis en contacto e a súa natureza fiel, cariñosa e participativa convérteos nunha opción perfecta para desenvolver diferentes dinámicas. Neste documento elaborado pola Consellería de Benestar Social da Xunta de Comunidades de Castela A Mancha e a empresa de terapia asistida con animais Gudcan, poderás atopar máis información sobre os beneficios da terapia con cans. Pero hai moitas máis especies que poden actuar como terapeutas: cabalos, burros, gatos…
A hipoterapia ou equinoterapia tamén é bastante coñecida, sobre todo a que se centra na recuperación física de persoas con discapacidade. Os seus beneficios demostráronse no campo da neurorrehabilitación. Por exemplo, en casos de parálise cerebral infantil nos que se traballa, cos cabalos, o equilibrio e as habilidades motoras.
Unha variante desta terapia que pode resultar sorprendente é a asinoterapia. Os burros, polo seu tamaño e aspecto, adoitan resultar menos intimidatorio para os pacientes de menor idade. Ademais, a súa natureza é menos nerviosa e a dinámica de relación co animal baséase na confianza (os cabalos necesitan unha preparación máis próxima ao adestramento).
Sen chegar a considerarse unha terapia asistida (agora xa sabes a diferenza 😉), a lista de animais cuxa presenza achega beneficios aos seres humanos é longa e variada. Especies domésticas máis pequenas -e, por tanto, máis fáciles desde o punto de vista dos coidados- como cobaias, coellos, hámsters ou paxaros ofrecen compañía e axudan á socialización e á adquisición de responsabilidades.

Un proxecto e un testemuño

A crise da COVID tivo efectos daniños en toda a sociedade, pero determinados colectivos foron golpeados máis duramente. Para tratar de aliviar situacións de illamento, naceu o proxecto “4patas de apoio”. Este programa ofrece sesións de apoio con cans de terapia a persoas que tiveron que xestionar un proceso de duelo especialmente complicado ao non poder despedirse dos seus seres queridos, a persoas con algunha condición psicolóxica ou emocional particular e a escolares. Esta proposta tampouco quixo deixar atrás ao persoal sanitario que traballou en primeira liña durante a pandemia, e ofrécelles un programa de acompañamento e intervención en procesos de tratamento post-traumático.
Como din que unha imaxe vale máis que mil palabras, para despedirnos, deixámoste con este vídeo creado por PsicoAnimal, un centro especializado en TAA. Nel, poderás ver unha sesión nunha residencia de maiores de Guadalaxara na que Hebe, unha cadela dóberman, é a terapeuta. As súas caras dino todo!