Alimentes dixital: talleres de economía circular para facer na aula

Fecha: Marzo 2, 2023

Alimentes Dixital é a aposta educativa de Gadis para fomentar a adquisición de hábitos de vida saudable e o consumo responsable entre o alumnado de infantil e primaria de Galicia e Castela e León. Por iso, a economía circular, que é unha proposta que imita o ciclo da natureza, é un elemento transversal nos contidos da nosa ferramenta dixital. Hoxe queremos falarche deste concepto que evita a xeración de residuos reintroducindo os artigos de novo na cadea de produción e imos propoñerche algún taller para dar a coñecer a economía circular na aula. Queres saber máis? Segue lendo!

Que é a economía circular?

De acordo coa última Memoria anual de xeración e xestión de residuos publicada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en España xeráronse case 22 millóns de toneladas de residuos en 2020. Destes, pouco máis do 40% sometéronse a algún tipo de proceso para a reutilización e reciclado. Unhas cifras que evidencian a importancia de tomar conciencia desde a infancia de que o refugado continuo de produtos xera contaminación e repercute directamente sobre a saúde humana.
A economía circular apoia o cambio cara unha economía eficiente cos recursos, de baixas emisións e que minimice a xeración de residuos. É un modelo de produción e consumo que pretende incidir no propio deseño dos produtos para que poidan ter varias vidas e formar parte doutros procesos e/ou produtos. Como? Pois apostando pola súa durabilidade e abrindo vías para reparalos ou poder usalos na creación de novos artigos. Para iso, hai que adoptar conceptos como compartir, reutilizar, reparar, renovar e reciclar… O obxectivo? Lograr que os materiais e produtos se utilicen o maior tempo posible. A palabra chave? Reducir!

Como explicar a economía circular ás nenas e aos nenos?

O primeiro paso para explicar a economía circular aos máis pequenos é buscar a maneira de mostrarlles como pode mellorar a súa vida cotiá. Así, comprenderán que tamén está nas súas mans o coidado do planeta. Os centros educativos xa traballan sobre a importancia de conceptos como a sustentabilidade e o coidado do medio ambiente. Quizá unha maneira sinxela de iniciar ao alumnado no proceso é mediante a separación de residuos e a reciclaxe, que, en moitos casos, forma parte da súa vida cotiá.
A edición deste ano do programa Alimentes Dixital conta cunha nova unidade didáctica na que se aborda a xestión de residuos. Partindo da exposición sobre o límite dos recursos cos que conta o planeta durante o primeiro ciclo de infantil, aos poucos, vanse introducindo novos conceptos e vaise dotando de complexidade aos contidos ata presentar con detalle o modelo de economía circular a partir de terceiro de primaria. Desta maneira, incorpóranse novos valores para que as nenas e os nenos participen activamente na creación de sistemas máis eficientes.

Talleres de economía circular para a aula

1. Calcula a túa pegada de carbono

Este é un taller que pode adaptarse a calquera idade porque as preguntas sobre o seu estilo de vida pódense deseñar en función do nivel educativo. É tamén unha boa maneira de que o alumnado vaia adquirindo conciencia sobre o efecto que teñen as accións da vida cotiá na contorna. E non menos importante!, supón unha oportunidade para espertar a súa creatividade na procura de solucións. Esa é a esencia da economía circular: repensar e redeseñar a forma en que facemos as cousas.
Que preguntas podes incluír para calcular a pegada de carbono dos nenos e das nenas? Podes inspirarte no test de SITRA, aínda que se necesitas simplificalo para os máis pequenos sempre podes optar polo cálculo dunha acción específica como, por exemplo:
– a pegada de carbono de ir ao colexio todos os días
– a pegada de carbono das súas comidas
– a pegada de carbono das súas rutinas de hixiene
– a pegada de carbono dalgunha das súas aficións
– a pegada de carbono de ir a visitar aos seus avós

2. Patrulla desperdicio cero

Que che parece formar equipos para crear a patrulla desperdicio cero? Poden dividirse as tarefas de cada equipo por seccións: redución do uso de material na aula, redución do consumo de auga e enerxía, redución do desperdicio alimentario, creación de arte con residuos, mantemento dos xogos do centro, reciclaxe, etc. Terán que planificar propostas para cumprir os seus obxectivos buscando opcións viables que poidan levar a cabo. Iso non só desenvolverá o seu pensamento creativo, senón que lles axudará a integrar habilidades de economía circular como parte doutras rutinas diarias na escola, ademais de incorporar hábitos que perdurarán no tempo.

3. Observando o noso entorno

Este é un taller para espertar a curiosidade das nenas e dos nenos sobre a orixe das cousas que usan na escola e reflexionar sobre o seu impacto no medio ambiente, pensando en que poden facer para melloralo. Poden xurdir preguntas como estas:
– o material do que están feito os obxectos da aula
– o lugar no que se producen
– o lugar ao que van parar cando xa non se usan
– que se fai cando xa non son necesarios
Así, introducirase de forma natural o concepto de economía circular e a súa importancia, ademais de motivar ao alumnado para que se cuestione a súa forma de consumir e como pode participar no coidado do planeta.
Que che parecen estas propostas? Esperamos que poidas poñelas en práctica e no lo contes.